Luns 29 Abril 2024

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar

Ninguén agardaba que as candorcas (Orcinus orca) chegasen a Galicia en plena primavera, pero a primeira interacción do ano cun barco —rexistrada o 10 de abril fronte ás costas de Malpica— demostra que estes cetáceos están de volta. O certo é que non se sabe o porqué da súa visita: “Teoricamente, en primavera están no Estreito e deberían chegar ao norte a finais do verán”. Así o explica o biólogo Alfredo López, membro do Grupo de Traballo Orca Atlántica, quen recoñece que non hai hipóteses que expliquen este cambio de comportamento. “As candorcas non son máquinas; van variando a súa rutina. En realidade, sabemos moi pouco sobre a conduta da subpoboación ibérica”, indica.

As candorcas comezaron a acaparar a atención, tanto mediática como científica, en 2020. Ese verán notificouse a primeira interacción entre cadorcas e embarcacións; un comportamento cualificado como “disruptivo” polo GT Orca Atlántica e do que nunca se tivera constancia. A raíz de aí comezou a medrar o interese de por que as candorcas se achegan, tocan, empurran ou incluso xiran as embarcacións, sen que haxa unha explicación concluínte. Así é que dende aquel verán de 2020 comezaron a notificarse interaccións, sobre todo con veleiros, en practicamente todos os meses do ano. Con todo, en Galicia o habitual é que se produzan ao final do verán, cando as candorcas se desprazan cara ao norte na busca do atún, o seu alimento principal.

Publicidade

“Seguindo o funcionamento de anos anteriores, agora deberían estar todas no Estreito, concentradas. Pero non, están moi dispersas: en Biscaia, Galicia, Portugal…”, enumera López. O biólogo fala, concretamente, de entre 35 e 40 exemplares que conforman a subpoboación ibérica e que se moven por toda a costa atlántica da península. Con todo, tan só son 16 os individuos identificados que interaccionan con barcos, tamén coñecidos como Gladys. De momento tan só se rexistrou un encontro en Galicia, malia que na costa de Portugal xa se notificaron varios no que vai de ano. “Polo de agora non hai zonas quentes porque tan só houbo interaccións soltas”, apunta o biólogo, tamén membro da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma).

López agarda que se produzan máis encontros entre candorcas e barcos nos próximos meses, mais recoñece que é difícil facer predicións. O habitual é que primeiro se notifiquen no Estreito e despois se vaian estendendo a toda a costa atlántica da península, pero este non é un patrón que se estea a seguir este ano. “Hai un descoñecemento absoluto”, insiste o membro do GT Orca Atlántica, un grupo de traballo dende o que tratan de conservar e xestionar a subpoboación ibérica, considerada como vulnerable en España pero que, segundo defenden que o equipo de López, “está en perigo de extinción na península”.

Poñer o foco na divulgación

“A través dos medios trasládase a idea de que as candorcas son baleas asasinas. Nin son baleas, nin son asasinas”, apunta o biólogo. Co obxectivo de derrubar o estigma sobre a subpoboación ibérica en particular, e sobre este animal mariño en xeral, o GT Orca Atlántica puxo en marcha o Proxecto FriendShip, detrás do que tamén están o Cemma e a Fundación Banco Santander. Ao abeiro desta iniciativa, están a elaborar materiais didácticos sobre a bioloxía das candorcas, pero tamén do descoñecemento que teñen os humanos sobre este cetáceo. Esta semana presentarano na Coruña en colaboración cos debuxantes e ilustradores que puxeron a nota de cor ao material didáctico, que se distribuirá en centros educativos.

Con todo, dentro de FriendShip tamén se está a facer un catálogo de identificación de candorcas, obradoiros divulgativos e unha aplicación que sirva como canle de comunicación entre expertos e navegantes. “Queremos transmitir información e real e veraz. Non imos ocultar que as candorcas poden tocar os barcos e ás veces romper algo, pero tamén hai que ser consciente de que o que temos diante non é un monstro”, recalca López. O biólogo denuncia que hai navegantes que usan petardos e armas cando ven candorcas preto das súas embarcacións e fai fincapé en que estes animais están considerados vulnerables en España, polo que a propia normativa limita o tipo de accións que se poden tomar contra elas. Sen contar xa o sentido común.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela

Este vídeo amosa todos os plásticos extraídos dun cetáceo varado na Coruña

Gran parte dos varamentos destas especies débese á presenza de residuos humanos que obstrúen o seu sistema dixestivo