Este vídeo amosa todos os plásticos extraídos dun cetáceo varado na Coruña

Gran parte dos varamentos destas especies débese á presenza de residuos humanos que obstrúen o seu sistema dixestivo

O 7 de marzo de 2023 apareceu un exemplar de femia adulta de zifio común na Coruña, na praia das Amorosas. Cando foi atopada, presentaba un forte traumatismo antero-ventral que podía indicar que chegou a varar viva. Con todo, o máis relevante é que presentaba numerosos plásticos que provocaban obstrucións totais no estómago e no intenstino. Despois de varios meses de análises, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) presenta un vídeo coa totalidade dos plásticos extraídos do estómago, do intestino e das cámaras conectoras, “os cales presentaban unha forte oclusión”, apuntan.

“Os plásticos son moi pouco frecuentes no sistema dixestivo dos cetáceos en xeral en Galicia”, explican dende a Cemma. Sobre todo porque os arroaces os coñecen e polo tanto saben que non deben tragalos e “posiblemente os golfiños comúns tamén os coñezan”, explican. É, polo tanto, moito máis frecuente atopar plásticos en especies que viven lonxe da costa, por exemplo, o golfiño riscado ou os grandes mergulladores: zifios e cachalotes. De feito, “o 70 % dos grandes mergulladores presentan plásticos no seu sistema dixestivo”, o que nalgúns casos pode ser causa de morte, confirman dende a coordinadora.

Publicidade

Vídeo no que se amosan todos os plásticos extraídos do interior de femia adulta de zifio común compartido pola Cemma.

O máis preocupante destes casos, o dos grandes mergulladores, é que esta recollida de plásticos se realiza a máis de 1.000 metros de profundidade. O que revela un problema social moito maior: “O noso mundo está destruíndo o mundo mariño”, alertan dende a Cemma. Ademais, aseguran que aínda que a día de hoxe “todo o mundo deixase de tirar plásticos, os que xa están no fondo do océano seguirían matando cetáceos durante moitísimos anos”.

Os varamentos, alertan dende a Cemma, non son unha situación “ante a que poidamos pechar os ollos” e apuntaron, cando foi atopado o exemplar, que este parece ser un símbolo do que esta especie “desexa devolver ao ser humano e que é exclusivamente seu: os plásticos”.

Publicidade

Varamentos en 2023

Por outra banda, a Cemma vén de publicar o boletín informativo sobre os varamentos de 2023. O número aumentou drasticamente. O total de exemplares varados foi de 714, sendo a maioría cetáceos (86 %), mais tamén tartarugas mariñas (3,5%), lobos mariños (1,7%), londras (1,4%) e peixes (7,1%). Estas cifras rexistradas son máis do dobre do promedio anual situado nuns 270 exemplares. O número de varamentos aumenta nos concellos que se atopan nas bocas da ría. É por isto que Ribeira, Fisterra, Sanxenxo, Carnota, Porto do Son, Ferrol, O Grove, Vigo, Muros e Malpica son os que maior número anotan.

A especie con máis exemplares varados foi o golfiño común (Delphinus delphis) cun rexistro de máis do 63 %, o que supón tamén un incremento con respecto a anos anteriores. Está seguido de arroaz (Tursiops truncatus) que tamén duplicou a media anual dos anos anteriores.

A maioría dos exemplares varados aparecen mortos e “moitos deles en avanzado estado de descomposición, polo que é moi difícil detectar a causa de morte”, aseguran dende a Cemma. Tan só un 8 % foi rexistrado con vida. Só 46 exemplares vivos foron reintroducidos ao mar que sobreviviron na maior parte dos casos. No caso das tartarugas e lobos mariños foron ingresados para poder devolvelos ao mar despois dun período de rehabilitación.

As causas de morte poden ser diversas. Por unha banda, máis do 40% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras. Noutras ocasións hai indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais. Pero tamén se atoparon exemplares mortos polos plásticos inxeridos. E, por último, tamén as inclemencias do tempo, fortes correntes e temporais, provocaron un aumento dos varamentos nos últimos meses do ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigadora da UDC mellora os envases alimentarios baseados en bioplásticos

A científica Anja Schmidt abre a porta ao deseño de recipientes activos con liberación controlada de antioxidantes ou compostos antimicrobianos

Un estudo revela o impacto dos grandes plásticos nos bancos de mexillón da ría de Vigo

As bolsas comerciais e as sedelas de pesca poden modificar procesos fisiolóxicos clave e a estabilidade estrutural do molusco

San Cibrao foi testemuña na Idade Media das últimas baleas grises do Atlántico Norte

Unha investigación da Universidade de Oviedo, coa participación do CEMMA, revela restos da caza antiga que confirman a presenza desta especie no Cantábrico

A culpa é do atún vermello: as claves da chegada das candorcas as rías galegas

A poboación da especie que pasa polo litoral non excede dos 50 individuos en ruta entre Xibraltar e o Golfo de Biscaia