Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

O ictus isquémico é, actualmente, unha das principais causas de mortalidade e discapacidade. Ao longo de tres anos, os investigadores do grupo Ictus Traslacional (TREAT) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e do grupo Bionanotools do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) conseguiron optimizar o único tratamento farmacolóxico existente para a fase aguda da enfermidade a través de nanopartículas.

O estudo acaba de ser publicado na revista Journal of Nanobiotechnology, unha publicación de alto impacto científico. Esta investigación foi coordinada polos investigadores do IDIS Francisco Campos e Clara Correa; e Pablo Pino, Beatriz Pelaz e Ester Polo dende a USC. O traballo tamén se desenvolveu como parte da tese doutoral da investigadora do CIQUS, Martina Migliavacca, unha das autoras principais.

Publicidade

Un único medicamento

O ictus isquémico orixínase pola presenza dun trombo que impide o fluxo sanguíneo cerebral. O único tratamento farmacolóxico na fase aguda é o activador do plasminóxeno tisular (rtPA), que desfai o trombo. “O problema deste tratamento é que só se pode administrar nas primeiras horas tras o inicio dos síntomas do ictus, ademais ten unha vida media curta, é dicir, degrádase rapidamente e nalgunhas circunstancias pode causar hemorraxias”, sinala a investigadora Clara Correa.

Neste traballo utilizouse a nanomedicina para evitar os efectos secundarios do rtPA, xa que as nanopartículas poden protexer o fármaco da súa degradación e dirixir o tratamento ao trombo, onde ten que facer efecto. Para iso utilizaron unhas novas nanopartículas, denominadas biomiméticas, formadas unicamente por membranas de plaquetas. Así as partículas encapsulan o rtPA e camúflano no sangue, evitando que se degrade e chegue ao trombo con maior facilidade.

Publicidade

“Mediante a encapsulación do fármaco conseguiuse protexer a súa actividade, aumentar a súa eficacia terapéutica e reducir os efectos adversos que causa”, sinala a investigadora Clara Correa. Ademais, levouse a cabo un proceso de liofilización destas nanopartículas, conseguindo que poidan conservarse e almacenarse a longo prazo, superando con éxito un dos principais obstáculos para a aplicación e comercialización de medicamentos.


Referencia: Thrombolytic therapy based on lyophilized platelet-derived nanocarriers for ischemic stroke (Publicado en Journal of Nanobiotechnology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos