Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

O 77% das persoas que realizaron un tratamento para deixar de fumar na Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidade de Santiago (USC) conseguírono cun tratamento psicolóxico aplicado a través de videochamadas e co apoio da aplicación móbil SinHumo. Os resultados foron publicados en Nicotine & Tobacco Research, a revista de referencia en estudos de tabaquismo. O artigo é froito dunha investigación dirixida polos docentes Elisardo Becoña e Ana López, ambos da Unidade da USC.

Outro resultado relevante da investigación, que contou cun período de seguimento de 12 meses, é que a adherencia e seguimento ao tratamento é moi elevada e cun nivel de satisfacción moi alto: un 85% das persoas fumadoras indicaron estar moi satisfeitas co tratamento recibido e a utilización da app.

Publicidade

Trátase dun dos primeiros estudos realizados que utiliza unha metodoloxía baseada nun formato a distancia, “con excelentes resultados e datos de abstinencia similares aos tratamentos psicolóxicos para deixar de fumar presenciais”, explica Becoña. “Este estudo mostra que se poden utilizar con éxito os recursos tecnolóxicos, como son as videochamadas e aplicacións móbiles, para o tratamento das persoas fumadoras seguindo un tratamento psicolóxico”, apunta.

Para os autores do estudo, a posibilidade de realizar estes tratamentos a distancia non só facilita a súa realización senón que “este tipo de formato é atractivo para persoas fumadoras que non pensan deixar de fumar con outros tratamentos convencionais, como as persoas de menor idade, por exemplo”.

Publicidade

A investigación publicada é un novo paso no desenvolvemento, avaliación e difusión de tratamentos psicolóxicos eficaces para as persoas fumadoras que desde hai 40 anos vén realizando a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC. “Tanto pola súa eficacia, como pola valoración das persoas fumadoras que participaron no estudo, este resultado é un avance importante para a abordaxe da conducta de fumar e, especificamente, no uso de tratamentos psicolóxicos eficaces”, engaden.


Referencia: The Efficacy of the SinHumo App Combined With a Psychological Treatment to Quit Smoking: A Randomized Clinical Trial (Publicado en Nicotine & Tobacco Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos