Luns 29 Abril 2024

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

A fábrica de fundición e louza La Victoria en Monelos (A Coruña), creada por Joaquín Galiacho en 1844, deixa de ser un misterio. Activa ao longo de 14 anos, esta empresa metalúrxica logrou posicionarse no sector a través da máquina de vapor. Foi a primeira empresa privada en utilizar esta nova técnica, que supuxo unha oda na revolución industrial galega. Así o expón o recente traballo de Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, historiador e membro do grupo Investigación e Desarrollo en Artes e Humanidades da Universidade de Santiago (USC). “É curioso que ninguén, nin a xente de Monelos nin da Coruña, teña constancia desta fábrica”, argumenta o investigador da USC.

Joaquín Galiacho, celador de camiños malagueño, atopa na Galicia do ano 1821 un lugar ideal onde establecerse despois das súas incursións no territorio polo seu traballo como militar. Nun destes destinos coñece a Francisca Botana, muller coa que casa e herda un gran inmoble situado á beira do río Monelos. Como liberal, o de Málaga exiliouse a Francia durante a Década Ominosa. “Alí tivo acceso, a través dos traballos aos que estaban expostos estes exiliados como castigo, aos coñecementos técnicos da enxeñería das construcións metálicas e coincide cunha época na que as fábricas de fundición francesas empezan a despuntar”, afirma Teijeiro, escritor do artigo publicado na revista Cuadernos de Estudios Gallegos.

Publicidade

Os modelos das manufactureiras francesas dos anos 30 serán os que adopten as fundicións galegas cara a segunda metade do século XIX. Así, Galiacho somérxese no mundo das metalúrxicas, establecido ata o momento no norte da península e Andalucía. En 1844, a mítica industria de Sargadelos atoparía na súa fábrica, La Victoria, a súa primeira competidora local.

Debuxo de Jenaro Pérez Villaamil: Fábrica del Sr. de Galiacho, cerca de A Coruña, entrada de Monelos, llamada de La Victoria. Museo de Belas Artes da Coruña, 1849, papel e lápis
Debuxo de Jenaro Pérez Villaamil. Fábrica del Sr. de Galiacho, cerca de la Coruña, entrada de Monelos, llamada de La Victoria. Museo de Belas Artes da Coruña, 1849, papel e lápis.

A Braña del Campo de la Victoria, unha propiedade construída no século XVIII nas proximidades da vivenda de Galiacho e Francisca, servirá como inspiración para o nome desta futura fábrica. O historiador Enrique de Vedía y Gooseens en 1845 auguráballe un gran porvir polos “seus rápidos adiantos e polo gusto dos seu artigos”. En 1853 comeza a funcionar a fábrica de louza La Victoria, produtora de vaixelas caracterizadas pola súa calidade e debuxos sofisticados. A súa crecente fama chegará á súa fin en 1858, cando pecha as súas portas por problemas económicos e o aumento da competencia. Dous días despois de venderse, Joaquín Galiacho falece.

A primeira fundición da Coruña

La Victoria foi a primeira fundición da Coruña. A fábrica axudou a transformar a periferia rural da cidade herculina nunha zona industrializada con conexión directa ao porto. Ademais, cambiou drasticamente o que se coñecía como “proceso de fabricación”.

Durante os primeiros anos de funcionamento metalúrxico, as factorías estaban impulsadas pola roda hidráulica. Máis tarde, instalaríase a máquina de vapor. O seu uso era unha novidade en Galicia. James Watt e Matthew Boulton inventaron este artiluxio en Inglaterra e comezouse a comercializar en 1776. No mesmo ano, o Arsenal de Ferrol adquiriría unha. A máquina de vapor de Galiacho sería a primeira en empregarse nunha fábrica privada galega. Deste xeito, excedía o potencial da maquinaria de Sargadelos de Luis de la Riva, quen só usaba unha roda hidráulica de madeira.

Membrete no que se representa La Victoria e a súa contorna co río e a ponte de Monelos en 1850. Foto: gravado por Giraudier e impreso por Domingo Puga
Membrete no que se representa La Victoria e a súa contorna co río e a ponte de Monelos en 1850. Foto: gravado por Giraudier e impreso por Domingo Puga

As Fábricas de Fundición e Louza de Galiacho ían á vangarda mecánica. “Foi das primeiras fábricas industriais, modernas, que se estableceron na cidade”, nun contexto histórico no que medra o porto coruñés. Sen os coñecementos sobre enxeñería de Galiacho, non sería posible poñelas en funcionamento. As relacións comerciais nacionais e inglesas e o desenvolvemento da explotación mineira galega tamén foron piares no éxito da empresa.

Cento sesenta e seis anos despois do seu peche, a memoria de Galiacho e La Victoria reavívase a través deste artigo. Símbolo das bases do ascenso metalúrxico da Coruña, é un capítulo necesario para comprender a evolución da historia da produción da paisaxe industrial de Galicia. “Esa é a finalidade coa que escribín o artigo”,s ostén Daniel Lucas Teijeiro.

O titán desaparecido

En 1858, a actividade desta empresa pioneira na Galicia do século XIX chega á súa fin. Segundo esgrime o artigo publicado polo historiador da arte da USC, un posible protagonismo suplantado pola seguinte fundición que se estableceu no mesmo lugar, Solárzano, sepultaría a súa fama. “A partir de aquí, o pasado de Galiacho queda oculto”, apunta.

Rotonda de Monelos coa escultura Alegoría do Río Monelos ideada polo artista Manuel Ferreiro Badía en 2010. La Victoria se ubicaría sobre gran parte desta rotonda e sobre o solar do edificio de vivendas do fondo. Foto: Daniel Lucas Teijeiro Mosquera
Rotonda de Monelos coa escultura Alegoría do Río Monelos ideada polo artista Manuel Ferreiro Badía en 2010. La Victoria localizouse sobre gran parte desta rotonda e sobre o solar do edificio de vivendas do fondo. Foto: Daniel Lucas Teijeiro Mosquera

A pesar diso, os eloxios a Galiacho non foron poucos nos anos posteriores. En 1900, o escritor coruñés Francisco Tettamancy Gastón resaltaba o labor desta metalúrxica: “Introduciu na Coruña o axente poderoso a quen son debidos os inmensos progresos e o voo prodixioso que tomou a industria nas sociedades modernas”.

“Os produtos de ferro fundido empezan a distribuírse entre a poboación. Ata ese momento, os traballos feitos con este material realizábanse en pequenos talleres de ferreiros locais, pero o incremento da produción seriada comeza con Galiacho e Sargadelos nesa época”, define o historiador da arte da USC.

A extracción de pirita ferrocobriza fai entender que a produción de Galiacho se orientou á elaboración de artefactos de cobre, material recorrente para obxectos domésticos, en crecente consumo. As fábricas de Galiacho producían dende utensilios cotiáns, ata pezas mecánicas para barcos e mobiliario urbano. “Eses produtos eran modernos naquel momento e a incipiente burguesía podía adquirilos”, argumenta Teijeiro Mosquera.

A mercancía de La Victoria compón un amplo abano que define a cultura material da Europa de mediados do século XIX. Destacan as grandes cantidades de potes que se producían en 1791. Coa actividade de Sargadelos, pasaron a denominarse potes de Galicia e Galiacho foi o continuador da elaboración deste útil de cociña.

1 comentario

  1. Interesantísimo artigo. Mágoa que o paso do tempo borre da memoria do pobo galego a súa propia memoria

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños