Publicidade
Martes 13 Maio 2025
Publicidade

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Antón Costas Comesaña (Vigo, 1949), actual presidente do Consello Económico e Social de España, como académico correspondente da institución. O economista galego pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Camiños para facer fronte aos novos desafíos económicos e construír un novo contrato social: diálogo, negociación e consenso”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Alberto Gago Rodríguez.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como o presidente da Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital no Congreso dos Deputados, Pedro Puy; a deputada do Grupo Parlamentario do BNG Iria Carreira; os deputados do Grupo Parlamentario do PSdG-PSOE José Ramón Gómez Besteiro e Julio Abalde; o director da Área de Xestión de Gain, Benito Fernández; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a outros representantes de institucións políticas, económicas, empresariais, culturais e académicas galegas e familiares do homenaxeado.

Publicidade

Un firme compromiso con Galicia e co seu desenvolvemento

O presidente deulle a benvida ao novo académico, ao que cualificou como “un economista transformador, referente en España, que está a deixar unha pegada importante na nosa sociedade, pola súa capacidade para xerar ideas innovadoras, fomentar o diálogo e o consenso, e defender políticas que impulsen o desenvolvemento económico e social”. Puxo de relevo que “ao longo da súa carreira ten sido un defensor incansable de políticas que promovan a igualdade de oportunidades, a xustiza social e, ao mesmo tempo, un crítico construtivo das prácticas económicas que perpetúan a desigualdade e a exclusión”. Ademais, destacou o feito de que “ao longo da súa vida ten mantido un firme compromiso con Galicia e traballado incansablemente para promover o seu progreso”.

Un novo contrato social

No seu discurso, Antón Costas sostivo tres ideas complementarias. “A primeira é que, se queremos pechar o paso aos novos fascismos del siglo XXI, temos que construír un novo contrato social que dea resposta á frustración, o resentimento e a incertidume existente nas clases media e traballadora. Un contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo e na creación de bos empregos, capaz de fomentar o dinamismo económico á vez que unha sociedade xusta. O risco de fallar é repetir os erros dos anos vinte e trinta do século pasado”. No segundo punto referiuse á importancia do diálogo, a negociación e o acordo para avanzar na Axenda 2030. Para iso, constatou, é necesario unha sociedade informada, capaz de distinguir entre “unha política pragmática dunha populista”.

Publicidade

En terceiro lugar, Antón Costas sinalou que os bos empregos, a produtividade e a erradicación da pobreza infantil son prioridades nas que se debe sustentar ese novo contrato social en España. Ou novo académico referiuse tamén a “retos existenciais” como a inclusión social, ou cambio climático, a transición dixital, a xeopolítica e a demografía. E rematou o seu discurso declarando que “en contra do que se pensa, estes tempos de frustración, resentimento e incerteza favorecen a construción dun novo contrato social”.

O pacto social

O académico Alberto Gago Rodríguez, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Vigo, respondeu á disertación do novo membro da RAGC, destacando “o pacto social, a cohesión social e a economía social” como “a tríade de intereses, obxectivos e motivacións que inspiran o traballo do profesor Costas Comesaña”. Puxo de relevo que “foi profesor universitario, investigador, divulgador e docente recoñecido durante décadas. Pero nese tempo foi e fixo moitas máis cousas este directivo, analista, activista e promotor social, participando como experto e consultor en comisións oficiais de asesoramento a Gobernos e Parlamentos, desenvolvendo unha actividade moi recoñecida como columnista e divulgador, e exercendo un compromiso crecente nos diversos postos de responsabilidade que foi asumindo nos sectores público e privado”.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Otilia Mó ingresa na Academia de Ciencias cun discurso en defensa da educación pública

A galega foi pioneira na química cuántica no país e está moi implicada no fomento na incorporación das mulleres á investigación

O enxeñeiro Jesús Doval ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

O novo membro da institución destacou que a electrónica de potencia é unha tecnoloxía clave na conversión de enerxía eléctrica

A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición sobre o Matemático Rodríguez

A mostra homenaxea a figura do primeiro científico galego internacional e fai un percorrido pola súa traxectoria vital e profesional

Carracedo: “Os datos xenómicos axudarán a predicir o risco individual de doenzas comúns”

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o acto de apertura do curso cunha clase maxistral do catedrático en Medicina Legal da USC