As rías galegas veñen de ser recoñecidas oficionalmente pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a rede ambiental máis grande do mundo, ao acreditalas como unha área importante de conservación para mamíferos mariños. Desta maneira, a costa galega entra a formar parte da Rede Global de Áreas Importantes de Mamíferos Mariños (IMMA, polas súas siglas en inglés), o que implica o seu valor para a población dos cetáceos que viven nela, como as candorcas e varias especies de golfiños e baleas. O obxectivo deste nomeamento é atraer a atención dos reponsables políticos para a toma de decisións coa fin de garantizar a conservación destes animais en Galicia mediante medidas de xestión máis apropiadas.
Na plataforma onde se poden consultar os motivos polos que se lle concede a categoría IMMA ás rías galegas, exponse a relevancia ecolóxica para a conservación dos golfiños de nariz de botella comúns (Tursiops truncatus), onde conviven “fortes asociacións de grupos, agregacións inusualmente grandes e patróns estacionais que reflicten a dependencia da poboación dos hábitats únicos proporcionados por estas ensenadas e baías costeiras”. Os golfiños recentemente nados e as femias lactantes atopan neste ecosistema un lugar perfecto para vivir grazas ás zonas de alimentación produtivas ao longo de todo o ano.
Segundo explican dende o Instituto de Investigación do Delfín Mular (BDRI), o ano pasado reuniuse o grupo de expertos para abordar as áreas importantes de conservación para o Oceano Atlántico, no que participan integrantes da organización. Desta maneira, os seus estudos contribuíron á designación do IMMA ao longo de toda a Península Ibérica. “A declaración establécese en base a estudos científicos publicados en revistas internacionais. Se temos estudos que avalan a importancia das rías, poden converterse nunha zona importante. É unha figura independente, o que implica a da biodiversidade por algunhas características en particular”, explican dende a BDRI.
Unha das investigacións nas que se basearon os expertos para acreditar a revelencia do mar galego demostrou que as rías galegas máis grandes, incluídas as de Arousa, Vigo, Pontevedra, e Ares-Betanzos son lugares clave para estas especies de cetáceos mariños. Desta maneira, os datos recollidos polos expertos revelan na Ría de Arousa un promedio de 1,4 avistamentos por hora.
“Presentamos a candidatura e foi aceptada. Queriamos que se considerasen unha zona importante, aportamos todas as publicacións para evidenciar que son únicas a nivel mundial, particularmente polos golfiños, que forman parte da natureza das nosas rías. Xa en enciclopedias de 1700 aparece a súa relevancia”, apuntan dende a BDRI. “É unha declaración que ten moito peso e está avalado por científicos que dan importancia as nosas rías. Quere dicir que hai que protexer a biodiversidade”.














