A crise dos pellets provocada pola vertedura do buque Toconao espertou moita preocupación sobre o seu impacto no medio mariño. Dende a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) prestan especial atención á análise do sistema dixestivo nas necropsias. Con todo, todavía non alertaron da presencia de bólas de plástico no interior de ningún exemplar examinado. Dende a Cemma realizan unha análise das características dos pellets e da probabilidade de inxestión polos diferentes mamíferos do ecosistema acuático. Céntranse nas súas características físicas pero tamén nas químicas para determinar o risco de inxestión, que destacan que “non é moi elevado”. Aínda que si que “pode ser máis preocupante o risco de afección“, explican.
Neste senso, a Cemma destaca os posibles impactos dos materiais a nivel químico. Os pellets atopados dende decembro nas costas galegas son “bastante inertes”, afirman dende a coordinadora. Pero aínda así desprenden distintas substancias químicas que se espallan pola auga. O risco destes elementos plásticos de pequeno tamaño e microplásticos é que actúan como atraentes doutras substancias tóxicas, que si que poderían provocar unha “toxicidade secundaria”. Neste sentido podemos falar de tres tipos de substancias: virus, bacterias e algas. “As toxicidades atraídas polos pellets son unha ameaza para os animais mariños”, sosteñen dende a organización.
Alfredo López, biólogo do Cemma, fai unha comparativa co petróleo. Esta substancia, por exemplo, divídese en compoñentes que se espallan pola superficie, polas augas medias e que chegan ata o fondo do mar. O caso dos pellets é diferente, porque ocupan maioritariamente a superficie da auga. Con todo, iso non implica que polas súas propiedades químicas os pellets poidan ter efectos moi nocivos no medio mariño. As algas fan que os pellets cambien de cor facéndoos máis atractivos para os mamíferos acuáticos. Adicionalmente os virus e bacterias poden engadir patóxenos e tóxicos que poden afectar ás especies.
Risco de inxestión
En canto ao risco de inxestión destacan que as bólas de plástico do tamaño dos pellets non son atractivas para mamíferos grandes como poden ser as tartarugas ou os mamíferos mariños. O formato esférico e non apelmazable dos pellets non adoita atraer a este tipo de animais. Aínda así, identifican como posibles especies en risco os animais filtradores como as baleas, xa que non seleccionan o seu alimento. O feito de que non se alimenten na superficie fai que o risco sexa menor. Ademais, polo tamaño destes mamíferos, é case seguro que as bólas de plástico pasasen sen problemas polo sistema dixestivo sen afectar á obstrución do mesmo.
No relativo ás tartarugas mariñas destacan que teñen preferencia por formatos planos e apelmazables. Con todo non quita que poidan ser inxeridas por estas especies, aínda que destacan que se a “frecuencia non é alta, non deberían ser letais“. Xa que de novo pasarían polo sistema dixestivo da mesma forma que outros microplásticos que xa teñen atopado de xeito habitual dende a coordinadora.
Dende a Cemma tamén consideran necesario destacar que máis alá desta vertedura “puntual” e debido ao malestar xeral dos mares, segundo un estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) o 94% dos golfiños comúns de Galicia teñen microplásticos no seu estómago. Se a isto engadimos a alta durabilidade dos plásticos chégase á situación de que “os arroaces son os máis contaminados con PCBs de Europa”, engaden dende a Cemma. Son substancias prohibidas que todavía seguen no medio.