Xoves 18 Abril 2024

Os perigosos encontros con candorcas en Galicia, un feito sen precedentes

O grupo de expertos que está analizando os contactos con barcos suma desde o 10 de agosto preto de 30 encontros na costa galega

Desde que o 10 de agosto se rexistrou nas costas de Galicia o primeiro encontro entre grupos de candorcas (Orcinus orca) e embarcacións de recreo, o asunto xerou unha importante expectación. Ante a alarma xerada polo perigo xerado, tanto para os animais como para os barcos, o Grupo de Traballo de Candorcas Atlánticas, no que participan investigadores expertos en bioloxía mariña de España e Portugal, desenvolveu unha campaña de análise e recollida da información dispoñible para intentar explicar o que estaba acontecer. E co que se sabe ata agora, os episodios son canto menos sorprendentes; despois de consultar á Comisión Baleeira Internacional, a entidade de referencia no estudo de cetáceos no mundo, o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) recibiu a información de que “non existe constancia de feitos semellantes, con interaccións tan persistentes e tan concentradas nun espazo concreto”, segundo expuxo Elvira García Bellido, bióloga e xefa da área de Especies Mariñas do Miteco, que participou nunha conferencia de prensa celebrada este martes polo grupo, na que se informou das interaccións producidas nas costas de España e Portugal neste tempo. A excepcionalidade dos feitos é tal que, tal como salientou García Bellido, non existen protocolos específicos para este tipo de encontros ou interaccións.

16 interaccións con candorcas desde agosto

Na comparecencia tamén tomou parte Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), entidade dedicada ao estudo dos cetáceos en Galicia. Foi nas costas galegas onde se produciron a meirande parte dos episodios das últimas semanas, que abranguen, en total, a área desde o estreito de Xibraltar. López ofreceu os datos para Galicia: desde 1990 rexistráronse un total de 58 avistamentos de candorcas, unha especie catalogada como vulnerable en España. Pero só desde o pasado 10 de agosto, cando uns ornitólogos realizaron avistamentos no cabo Touriñán, producíronse 29 contactos con humanos no litoral. Aclaran os expertos, dentro destes contactos, as diferenzas entre avistamentos e interaccións, nas que hai unha aproximación clara ás embarcacións. Así, dos 29 encontros, 13 foron avistamentos e 16, interaccións.

Publicidade

O vídeo do incidente entre candorcas e un veleiro nas Rías Baixas

Segundo a información recollida ata o momento, Alfredo López expuxo que, destas 16 interaccións, o 10% non tiveron ningunha consecuencia, o 24% tiveron consecuencias leves e, no 20% destes casos, producíronse impactos de consideración que chegaron a impedir a navegación dos buques afectados. Nalgúns casos rexistrados, os animais chegaron a romper o temón da embarcación, mesmo provocando xiros de 180º nos buques.

É unha “situación nova“, segundo expón o biólogo da Cemma. “Ata o de agora adoitaban estar de paso, en tránsitos relativamente rápidos, pero disto non hai precedentes, non se coñecían situacións semellantes”.

O atún vermello

Outra das expertas que participou na rolda de prensa foi Ruth Esteban, doutora en Ciencias do Mar especializada en ecoloxía das candorcas. Segundo os datos compilados, os grupos de candorcas avistados nas últimas semanas compoñen un total de 39 individuos. Representan unha subpoboación da especie con parentes próximos nas Illas Canarias, e illados xeneticamente, á súa vez doutros grupos presentes no Atlántico Norte en latitudes máis setentrionais.

Unha das probables explicacións é a elevada presenza do atún vermello (Thunnus thynnus) unha presa da candorca das que se están observando nas últimas semanas importantes bancos nas áreas que coinciden co paso dos cetáceos. Neste sentido, como tamén explicou Ruth Esteban, hai constancia dalgunhas interaccións puntuais con atuneiros preto de Xibraltar, xa que as candorcas aproveitan o izado das redes cargadas de atúns para capturar exemplares. É probable que unha das razóns dos encontros humanos con candorcas se deba á elevada poboación de atúns, o que mellora a alimentación dos cetáceos e, por tanto, mellora as condicións das súas poboacións, sobre todo crías e xuvenís. Así, a meirande parte das interaccións produciuse con xuvenís que, segundo Esteban, “son moi curiosos e achéganse máis aos barcos”. Algúns dos individuos que foron seguidos, de feito, tiñan feridas despois destes contactos, aínda que non se puido confirmar se foron debidas ao impacto cos buques.

Avistan candorcas en augas das Rías Baixas

Limitacións na navegación e vixilancia

Desde o Ministerio tamén se contempla incrementar a vixilancia e as medidas de prevención de posibles encontros. Elvira García Bellido avanzou que se moverá cara a zona entre Ferrol e Cedeira un avión de recoñecemento, habitualmente usado en incendios forestais, para analizar a situación e intentar seguir o rastro do grupo de candorcas.

Pola súa parte, é probable que nos vindeiros días a Dirección Xeral de Mariña Mercante informe de limitacións de navegación para veleiros, especialmente os menores a 15 metros de eslora, co obxectivo de impedir novos incidentes debidos aos encontros.

Candorcas, e tamén baleas

Á presenza de candorcas engadiuse nas últimas semanas en Galicia o avistamento de grupos de distintas especies de baleas, como rorcuais comúns ou baleas azuis, segundo puido observar o instituto BDRI do Grove. O seu director, Bruno Díaz, destacou que son “números significativamente moi altos comparados cos catro anos precendes de estudios nas nosas augas”, e achegándose ata a só dúas millas da costa.

En relación á elevada presenza das distintas especies, Díaz tamén apunta á “elevada productividade” en termos de zooplancton, “ligada coa presencia de peixes zooplanctivoros que son a principal presa de depredadores como o atún vermello (abundante nestes días) e polo tanto do seu depredador, a candorca “.

Mais existe a opción, segundo o biólogo galego, de que se estea producindo unha recuperación na presenza estable de cetáceos na costa atlántica galega. “A elevada presenza de exemplares de corta idade nas nosas augas, con algunhas baleas de poucos anos de idade, e con apenas presenza de exemplares maduros sexualmente, por exemplo de máis de 20 metros”, segundo Bruno Díaz, poderían reforzar a hipótese. Está todo pendente, porén, de como se desenvolvan as investigacións en curso. “Estamos realizando estudos conxuntamente con investigadores de Islandia, Noruega e Azores para entender un pouco mellor de onde veñen e a donde van este animais”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar

A rede ambiental máis grande do mundo declara as rías galegas como área importante de mamíferos mariños

A IUCN destaca o valor da poboación dos cetáceos que viven nas costas de Galicia, especialmente dos golfiños
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos