As mulleres e a Covid-19: por que o seu sistema inmune se defende mellor?

* Un artigo de

O dato estaba aí, desde o principio, pero pasou algo desapercibido entre tantos outros. Todos os estudos nos que se incluían series de pacientes con Covid-19 dicíannos que o número de homes e mulleres que sufrían a enfermidade non era equitativo. Así, por cada seis homes coa enfermidade había catro mulleres. O que é máis rechamante, esta proporción inclinábase aínda máis cara aos homes cando se agrupaban os pacientes cunha presentación clínica grave, de tal maneira que o 70 por cento dos pacientes que non sobrevivían eran homes, mentres que só un 30 por cento dos falecidos eran mulleres. Parece, por tanto, que as mulleres son capaces de montar unha resposta inmunitaria fronte ao SARS-CoV-2 moito máis eficaz cós homes.

Publicidade

Desigual resposta fronte a enfermidades infecciosas

Esta desigual resposta a enfermidades infecciosas segundo o sexo non é exclusiva da Covid-19. Tamén a vemos na leishmaniase, tuberculose, leptospirose, meninxite meningocócica ou hepatite A, por sinalar algunhas enfermidades causadas por axentes infecciosos. Ademais, as mulleres, en xeral, artellan unha resposta inmunitaria máis potente que os homes tras un proceso de vacinación. Sen obviar que hai múltiples exemplos disto mesmo en animais, desde paxaros ata invertebrados.

As razóns destas diferenzas non están claras. En principio, todo apunta a que debemos considerar os múltiples puntos de contacto entre o sistema inmunitario e as hormonas sexuais, así como as diferenzas xenéticas –e de regulación de xenes– entre homes e mulleres.

Publicidade

No caso da Covid-19, un estudo moi recente realizado na Universidade de Yale examinou as diferentes respostas inmunitarias entre homes e mulleres, tratando de descubrir cales son as súas bases moleculares. Para iso, recrutouse a 98 pacientes con diagnóstico confirmado de infección co SARS-CoV-2. A análise detallada destes pacientes revelou datos moi importantes. Tanto homes como mulleres tiñan unha carga viral equivalente, do que se deduce que o virus nos infecta e se reproduce por igual nos dous sexos.

En canto ao nivel de anticorpos producidos, era tamén indistinguible en homes e mulleres. Por tanto, concluíron os investigadores, as diferenzas debían atoparse nos outros dous grandes compoñentes do sistema inmunitario. Isto é, a inmunidade innata ou inespecífica e a inmunidade específica celular.

Os compoñentes da inmunidade inespecífica responden de maneira moi rápida, pero fano igual fronte a todos os patóxenos. A resposta específica, en cambio, tarda algúns días en poñerse en marcha, e é levada a cabo por elementos que recoñecen de maneira exclusiva a ese patóxeno, e só a ese.

Pois ben, seguindo esta pista descubriuse que os homes presentaban maiores niveis que as mulleres de certos compoñentes solubles (citocinas e quimiocinas) implicados na resposta inflamatoria. Ademais, en homes está reducida a activación dos linfocitos T, as principais células da resposta inmunitaria específica. E en homes, pero non en mulleres, a progresiva diminución da activación das células T está correlacionada, de forma chamativa, co empeoramento da enfermidade.

A idades avanzadas, a situación empeora para os homes, porque a diminución na activación de células citotóxicas é maior. Por último, a medida que aumentan os índices de masa corporal —-indicador de obesidade—-, a enfermidade adquire un peor prognóstico en homes, pero non en mulleres. En resumo, ser home, e de progresiva idade avanzada e obesidade implica peor prognóstico se che ataca o SARS-CoV-2.

Pola contra, no caso das mulleres a gravidade está correlacionada co aumento de citocinas proinflamatorias que regulan a resposta inespecífica, en concreto as chamadas TNFSF10 e IL15.

Estar obeso parécese moito, demasiado, a avellentarse

Tratar a Covid-19 de maneira personalizada

A análise global destes complexos datos revela que a progresión da enfermidade en homes é consecuencia dunha progresiva diminución da resposta inmunitaria celular específica. Pola contra, no caso das mulleres a gravidade da Covid-19 está asociada a alteracións do outro brazo inmunitario, a inmunidade inespecífica. Ademais, todo apunta a que o mal prognóstico en mulleres non se relaciona cunha resposta diminuída como ocorre nos homes. Moi ao contrario, está vinculada a unha excesiva produción de citocinas proinflamatorias da inmunidade innata. É dicir, para que o sistema inmunitario sexa capaz de eliminar eficazmente ao virus é precisa unha resposta potente pero estritamente coordinada entre todos os compoñentes de defensa. E esta coordinación racha de maneira distinta en homes e mulleres.

Estes resultados poderían axudar a mellorar o tratamento dos pacientes con Covid-19. Os homes necesitarían unha potenciación das súas respostas celulares específicas, mentres que ás mulleres beneficiaríalles todo o contrario, isto é, o bloqueo de citocinas innatas proinflamatorias.

Os achados poñen en evidencia, unha vez máis, que debemos tratar enfermos e non enfermidades. Camiñar cara á medicina personalizada. No caso da Covid-19, parece que o sexo podería ser un factor crave no protocolo terapéutico que debería, por tanto, ter orientacións diferentes en cada caso.


* Ignacio J. Molina Pineda de las Infantas é Catedrático de Inmunoloxía do Centro de Investigación Biomédica da Universidad de Granada.

*Cláusula de divulgación: o laboratorio do doutor Molina recibe fondos competitivos de investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, da Junta de Andalucía e de Action for A-T, United Kingdom Charity.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

Nova epidemia de ébola: por que declarou a OMS unha emerxencia internacional?

O 15 de maio confirmouse un gromo causado pola especie 'Orthoebolavirus bundibugyoense' na República Democrática do Congo. Por Raúl Rivas

O océano está cheo de oíntes… e a maioría escoita mellor ca nós

O son viaxa aproximadamente 4,5 veces máis rápido en auga de mar que no aire. Por Antonio Figueras