Os científicos insisten: a avaliación da resposta á Covid-19 en España é “urxente”

Unha nova carta insta aos gobernos central e autonómicos a analizar o acontecido ante o novo aumento de infeccións das últimas semanas

Un grupo de 20 científicos e científicas españois acaba de publicar unha nova carta dirixida aos gobernos central e autonómicos para impulsar unha avaliación “urxente” e independente do acontecido desde o comezo da pandemia da Covid-19 en España. O texto, que recolle The Lancet Public Health, dá continuidade á carta remitida en agosto na revista The Lancet, e conta entre os seus asinantes cos investigadores galegos Alberto García Basteiro, epidemiólogo do Instituto de Saúde Global de Barcelona, Beatriz González López Valcárcel, catedrática da Universidad de Las Palmas e experta en economía da saúde, e Juan Gestal, profesor emérito de Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela.

Os asinantes da carta lembran que, “se ben recibimos un amplio apoio de máis de 50 sociedades científicas e asociacións que representan á saúde pública, a medicina e á enfermería, agora é necesario definir esta avaliación en termos de oportunidade, alcance e liderado”.

Publicidade

Neste sentido, como primeiro requisito insisten en que é “urxente” iniciar “inmediatamente” a avaliación, e ir informando periodicamente dela ata o final da pandemia. “Nun país onde as tensións políticas son altas, o segundo requisito é o apoio xeneralizado de partidos políticos, asociacións científicas, profesionais da saúde, pacientes e coidadores, a sociedade civil e a sociedade no seu conxunto”. Como terceira petición, expoñen a necesidade de que o goberno central e os autonómicos “escoiten as recomendacións propostas na avaliación e actúen de acordo a elas”.

Principios

Unha vez marcados estes requisitos, a carta expón catro principios rectores para a mencionada avaliación: a independencia do comité que desenvolva este traballo, instaurar unha cultura de “non culpar” enfocando as propostas cara as solucións da situación e non de reparto de culpas, que o equipo manteña o equilibrio de xénero e sexa multidisciplinar para impulsar unha avaliación máis ampla, e a necesidade dun alcance amplo da análise, abordando os efectos sanitarios, económicos e sociais da pandemia, con achegas do goberno do Estado e os autonómicos, “dado o alto nivel de competencias descentralizadas”.

Publicidade

A semana pasada, nunha entrevista con GCiencia, o epidemiólogo Alberto García Basteiro, primeiro asinante das dúas cartas publicadas polo grupo The Lancet, explicaba que “analizar o que facemos mal e tentar explorar vías de mellora é algo que facemos en moitos ámbitos da nosa vida profesional e persoal”, polo que “non é nada novo e non debe sorprender que queiramos entender mellor que é o que fixemos ou facemos mal para tentar minimizar os danos que esta pandemia ou outras que veñan poidan causar”; “canto antes se avalíe o que pasou, cunha avaliación que debe ser independente e transparente, mellor, máis marxe haberá para mellorar e desenvolver mellores prácticas”.

Alberto G. Basteiro: “Canto antes se avalíe o que pasou, máis marxe teremos para mellorar”


Referencias:

– The need for an independent evaluation of the COVID-19 response in Spain (The Lancet, 6 de agosto de 2020).

Evaluation of the COVID-19 response in Spain: principles and requirements (The Lancet Public Health, 21 de setembro de 2020).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas