Alberto García Basteiro éinvestigador no Instituto de Salud Global de Barcelona e o Centro de Investigação em Saúde de Manhiça (CISM), en Mozambique.
Alberto García Basteiro é investigador no Instituto de Salud Global de Barcelona e o Centro de Investigação em Saúde de Manhiça (CISM), en Mozambique.

Alberto G. Basteiro: “Canto antes se avalíe o que pasou, máis marxe teremos para mellorar”

O epidemiólogo de Vilalba é un dos asinantes da carta que pide unha avaliación independente da resposta á crise da Covid-19 en España

A comezos de agosto, nunha carta enviada á revista The Lancet, unha vintena de científicos solicitaron que se realizase unha avaliación independente da resposta gobernamental do Estado español e as Comunidades Autónomas á pandemia da Covid-19. “Esta avaliación non debe concibirse como un instrumento para repartir a culpa, senón para identificar as áreas nas que é preciso mellorar a saúde pública e o sistema sanitario e de servizos sociais”, dicía o texto, que consideraba preciso estudar por que padeceu o país tal impacto. Entre eles estaban varios investigadores galegos, como Juan Gestal Otero, Beatriz González López-Valcárcel ou Alberto García Basteiro. Este último, nacido en Vilalba en 1982, leva anos dedicado á loita contra a tuberculose en África, onde coordina a área dedicada ao estudo da doenza no Centro de Investigação em Saúde de Manhiça (CISM) en Mozambique, onde o galego lle serviu para tomar terra no país lusófono.

Na actualidade, o investigador vilalbés ten como prioridade “continuar a facer investigación para loitar contra a tuberculose, cun foco nas poboacións máis pobres e vulnerables”; unha enfermidade que mata 1,5 millóns de persoas cada ano e que o científico considera ignorada na historia recente por afectar sobre todo a países subdesenvolvidos. Mais non descarta regresar a Galicia, que considera, “a miña devoción, a miña casa”, “se as condicións son apropiadas”, pero por agora o seu obxectivo é combater a doenza infecciosa que segue sendo letal nalgunhas áreas do mundo: “Espero seguir tendo a sorte de poder dedicarme a isto durante moitos mais anos; independentemente do lugar onde estea, iso é o que me move”.

García Basteiro é licenciado en Medicina pola USC e especializouse en Medicina Preventiva e Saúde Pública no Hospital Clínic de Barcelona. Realizou un máster en Epidemioloxía na London School of Hygiene and Tropical Medicine e doutorouse no Amsterdam Institute for Global Health and Development. Desde 2012 está vinculado ao Instituto de Saúde Global de Barcelona, onde imparte clases de Epidemioloxía no Máster que imparte sobre esta materia a Universitat de Barcelona. Responde a GCiencia sobre algunhas das cuestións que están por vir arredor da pandemia que está a afectar o planeta.

– Co final do verán, o comezo das clases, a volta ao traballo, a posible confluencia da Covid-19 con outros virus estacionais… Cales van a ser os puntos clave para evitar unha nova onda grave da Covid-19 nos vindeiros meses?

– Como levamos dicindo dende hai moito tempo, a prioridade é fortalecer o noso sistema de vixilancia epidemiolóxica, que permita a detección temperá de casos que se teñen que illar, e dos contactos para establecer a corentena. Isto implica moita esforzo na realización de tests, e dispoñibilidade de recursos humanos para facer fronte a esta demanda. As restricións de mobilidade débense modular dependendo da incidencia e das tendencias na incidencia da doenza. A vacinación da gripe de forma masiva tamén evitará hospitalizacións e axudará a desconxestionar hospitais se os ingresos pola Covid-19 aumentan.

–  Imos ver pronto un mundo como o que tiñamos ata marzo de 2020? Cales van ser as principais diferenzas ao enfrontarnos como sociedade ás epidemias?

– Como dicía miña avoa, non hai mal que cen anos dure nin corpo que o resista. A humanidade lévase enfrontando a epidemias dende as súas orixes, e todas se superan ou se controlan en gran medida. Eu penso que en pouco tempo veremos un mundo como o que tiñamos antes de marzo de 2020 (a nivel de interaccións sociais), aínda que pode ser que a pandemia altere as dinámicas laborais e propicie cambios organizativos importantes no sistema de saúde. Desafortunadamente, superar a crise económica que se deriva da pandemia penso que si que pode levar moito tempo.

Foto: Instituto de Salud Global.
Foto: Instituto de Salud Global.

– Vostede foi un dos asinantes da carta en The Lancet para pedir unha avaliación independente da xestión da crise en España. Cre que debería impulsarse canto antes, e por que?

– Analizar o que facemos mal e tentar explorar vías de mellora é algo que facemos en moitos ámbitos da nosa vida profesional e persoal. Non é nada novo e non debe sorprender que queiramos entender mellor que é o que fixemos ou facemos mal para tentar minimizar os danos que esta pandemia ou outras que veñan poidan causar. Canto antes se avalíe o que pasou, cunha avaliación que debe ser independente e transparente, mellor, máis marxe haberá para mellorar e desenvolver mellores prácticas.

– Hai unha catarata de datos e datas sobre a procura dunha vacina que ás veces confunde á xente: coa información dispoñible, en que punto se atopa esta ‘carreira’?

– Esta carreira está seguindo as pautas habituais de desenvolvemento clínico e é fundamental que así sexa. O número de candidatos á vacina que se rexistraron en tan pouco tempo é unha mostra da gran capacidade científica que existe na nosa sociedade. Se calquera dos candidatos que están en fase III (a última fase antes da comercialización) demostran una eficacia alta ou moderada (por riba do 50%), penso que sería factible comezar a vacinar nos primeiros seis meses de 2021. E xa sería todo un récord de translación. Con todo, o desenvolvemento científico ten que estar acompañado da capacidade para fabricar as vacinas, que sempre se dá por suposta, pero que tal vez poda exercer como un colo de botella para unha vacinación a nivel mundial en pouco tempo. Dubido moito que teñamos a capacidade de produción para fabricar o número de vacinas que se precisarían para interromper a transmisión do SARS-CoV-2 no mundo durante o 2021. Pero insisto, o primeiro é demostrar que as vacinas son seguras e eficaces (aínda hai que demostralo, por moitos plans que fagamos asumindo que será así).

“Se calquera dos candidatos á vacina que están en fase III demostran unha eficacia alta ou moderada, penso que sería factible comezar a vacinar nos primeiros seis meses de 2021”

– Que pensa cando le ou escoita dúbidas sobre a orixe do virus ou sobre a seguridade da vacina?

– Penso que calquera argumento nesa dirección ten que ser sustentado cientificamente. Onde están eses estudos que demostren calquera desas hipóteses ou teorías? Eu aínda non os lin. Un produto sanitario como una vacina, que pase todas as fases de desenvolvemento clínico habituais, e todos os controis de calidade existentes para a súa fabricación, é altamente improbable que poida ter problemas importantes de seguridade.

“Non podemos esquecer que a tuberculose causa 1,5 millóns de mortes cada ano”

– O foco está na Covid-19, pero no planeta hai outras doenzas que seguen causando un impacto moi grave, como a tuberculose, na que vostede traballa. Cal é a situación actual da doenza no mundo e os desafíos que hai por diante para intentar freala?

– A diverxencia da atención dos sistemas de saúde e dos científicos a causa da Covid-19 fai que outras doenzas, como a tuberculose, fiquen desatendidas. Non podemos esquecer que a tuberculose causa 1,5 millóns de mortes cada ano. Unha cifra que a converte na doenza infecciosa que máis mata. Polas cifras que se van rexistrando, non penso que durante este 2021 a mortalidade documentada por Covid-19 sexa moi superior á causada pola tuberculose. Pero a tuberculose é, en gran medida, unha doenza “neglixenciada” historicamente, porque afecta principalmente a países de baixa renda, a países empobrecidos. A crise da Covid-19 podería ser unha boa oportunidade para reflectir nas prioridades de saúde que temos, non como Galicia ou España, senón como sociedade globalizada, onde a seguridade e a saúde dun país repercute en gran medida no resto da sociedade.

– Enfrontámonos a un futuro no que as zoonoses e outros problemas crecentes , como a resistencia bacteriana, acabarán sendo un asunto central de saúde pública? Que panorama se agarda para as vindeiras décadas?

– Está claro que a Covid-19 tamén é unha oportunidade para investir nos sistemas de alertas, de vixilancia epidemiolóxica, e no control de enfermidades infecciosas. Aínda que teñan menos peso na carga global de mortalidade, as doenzas transmitidas por microorganismos demostran que son as que poden paralizar o mundo e economía global en cuestión de poucos días. Temos que investir no seu control e na investigación necesaria para desenvolver ferramentas para o seu control. Non podemos descartar outra pandemia semellante nos vindeiros anos, e para iso, o investimento agora é fundamental. Temos que estar moito máis preparados do que o estivemos esta vez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.