Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

Hai unhas semanas dende que a femia de arroaz solitario Ladeira comezou a observarse soa no porto de Marín. Este feito levou a sospeitar que algo pasara coa súa filla, Ladiña. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) confirma que a cría faleceu a causa dun accidente cunha hélice dun barco. Segundo as observacións, Ladiña xa presentaba un enorme corte na aleta dorsal con desvío da súa parte superior causada por unha liña de cana de pesca.

En maio de 2024 foron detectados estes dous arroaces (Tursiops truncatus) entrando no porto da Guarda. Pouco despois, asentáronse no porto de Baiona durante todo o verán. O seu uso da enseada, por fronte da praia de Ladeira, foi o que levou a pór o nome de Ladeira e Ladiña.

Publicidade

A CEMMA dispuxo un equipo de seguimento para avaliar a súa situación e previr riscos. O que se observou foi que a nai precisaba de parar, completamente en superficie e quieta, durante horas, e unha vez superado o descanso, seguía co seu cachorro comendo, mergullando e seguindo barcos. Este comportamento podía estar asociado a unha patoloxía respiratoria ou dixestiva con dor.

Despois do verán de 2024, volveron ao porto da Guarda, mais coa entrada do inverno introducíronse na ría de Vigo, buscando augas máis tranquilas e resgardadas. Ocasionalmente foron observados con algún exemplar máis, aínda que o feito de ter que parar a descansar impídelles seguir a unha manda. A partir da primavera, xa no 2025, foron ascendendo nas rías, sendo detectadas durante o verán na ría de Arousa, percorrendo todos os portos do interior da ría. Agora, a nai continuará o camiño polos mares sen a súa filla.

Publicidade

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. Sentimos a falla da nosa arroaza (pódese decir así?) coma se fora unha veciña máis. pero non nos atrevemos a decir, na mellor tradizón de imperio romano de occidente “que a terra lle sexa leve”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

As candorcas volven ás costas galegas: rexístrase un avistamento nas Rías Baixas

A CEMMA confirma que os cetáceos xa se atopan de camiño ao norte de Galicia e agardan a chegada doutros dous grupo que veñen dende Portugal

A historia das tartarugas que chegaron a Galicia tras o tren de borrascas e agora regresan ao mar

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños liberará a 'Tanxil' e 'Noetiña' fronte á ría de Vigo na embarcación 'Novo ollo do mar'

‘Mozarrón’ e ‘Pega’, as tartarugas que regresan ao mar tras chegar desnutridas ás costas galegas

A CEMMA devolve ao océano dous espécimes de 'Caretta caretta' despois dunha rehabilitación en augas de 18 a 20 graos