Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século

A precipitación media alcanzou 800 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro, cun incremento do 81% respecto á media climática

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou hoxe que Galicia rexistrou nos meses de decembro, xaneiro e febreiro “o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século”. Durante a presentación do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a conselleira engadiu que a precipitación media durante este inverno ascendeu ata os 800 litros por metro cadrado.

Uns valores cuxo precedente máis recente se remonta aos anos 2000-2001 e que supoñen un incremento do 81% respecto ao habitual neste período. “Foi o cuarto inverno máis chuvioso da serie histórica”, incidiu. En concreto, decembro non tivo unha anomalía de choiva moi notable, pero xaneiro e, sobre todo, febreiro foron meses moi húmidos con anomalías do 98% e do 160% superiores aos valores normais nestes meses, respectivamente.

Publicidade

En canto ás temperaturas, Ángeles Vázquez indicou que vivimos un inverno cálido, aínda que foi bastante máis frío que os dous anteriores. A temperatura media foi de 9,1 graos, o que supón unha anomalía de seis décimas superior ao valor climático de referencia. Isto debeuse principalmente á media da temperatura mínima, cuxa desviación respecto ao valor climático foi 2,8 graos máis alta do habitual. Pola contra, a anomalía media da temperatura máxima foi tres décimas inferior ao valor normal.

Febreiro, un mes anómalo

Por meses, decembro e xaneiro foron normais en canto ás temperaturas, e húmido e moi húmido, respectivamente, no que respecta ás precipitacións. En canto a febreiro, de cuxo informe climatolóxico tamén informou hoxe a conselleira, foi un mes extremadamente húmido e moi cálido. Segundo dixo Ángeles Vázquez, a precipitación media acumulada foi de 304 litros por metro cadrado. “Para atopar un febreiro máis húmido temos que remontarnos a 1979”, engadiu.

Publicidade

Máis polo miúdo, a conselleira lembrou que nas dúas primeiras semanas rexistrouse unha continua chegada de borrascas moi activas. Na segunda quincena, aínda que as borrascas non foron tan frecuentes nin activas, seguiron acumulando cantidades relativamente significativas de precipitacións.

No que respecta ás temperaturas, a media do mes de febreiro foi de 10,3 graos, cunha anomalía de 1,5 graos por riba do frecuente neste período. A temperatura mínima media foi de 5,4 graos e a máxima foi de 12,4 graos, que son valores algo máis altos do que correspondería a un mes febreiro. Esa anomalía positiva foi moito máis significativa na temperatura mínima, o que se explica polo feito de que a presenza constante de borrascas deixa madrugadas de ceos nubrados con ambiente bastante suave. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica