Da borrasca Regina a máximas de 22 graos: por que Galicia vivirá unha semana de tempo tan cambiante?

Unha valgada achegarase dende o Atlántico a partir do xoves e provocará un brusco descenso térmico e unha elevada probabilidade de precipitación en toda Galicia

O Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA), o equivalente luso á Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) en España, acaba de nomear unha nova borrasca: Regina. Está situada no suroeste do país veciño e conforme pasen as horas irase desprazando polo norte de Marrocos e polo Mediterráneo, polo que os seus efectos en Galicia serán febles e de breve duración. Non obstante, a semana estará marcada por un tempo cambiante que irá dende os 22 graos de máxima nalgunhas cidades galegas entre martes e mércores ata unha alta probabilidade de chuvia e treboadas a partir do xoves. Amais da borrasca Regina, detrás destes cambios de tempo están un corredor de ventos do norte e unha valgada que se achegará dende o Atlántico.

Chuvias… por pouco tempo

Regina provocará unha profunda inestabilidade en Andalucía e no Levante nos primeiros días da semana. En Galicia, os seus efectos só se deixarán sentir o luns e na madrugada do martes, cando se prevén chuvascos localmente fortes, sobre todo na fachada atlántica. A responsable das precipitacións será unha fronte fría asociada a Regina, pero de breve duración. Segundo o prognóstico de Meteogalicia, a previsión para o martes é que se recupere o tempo solleiro, sobre todo pola tarde.

Publicidade

Volta ao tempo estable

Entre martes e mércores, Galicia estará nunha situación intermedia entre a borrasca Regina e o anticiclón dos Azores, o que propiciará a apertura dun corredor de ventos do nordés. Isto traducirase en ceos nubrados no norte e despezados no sur. E aínda que non se pode descartar algún chuvasco illado, en xeral será un día de estabilidade. Un dos elementos máis salientables da xornada será o considerable aumento das temperaturas, que poden acadar máximas de 22 graos nas cidades de Pontevedra, Vigo e Ourense. Do resto de urbes, só A Coruña estará por debaixo dos 20 graos.

O mércores volverá ser un día de estabilidade, con ceos despexados e temperaturas agradables que superarán de novo os 22 graos de máxima. O cambio chegará a partir do xoves, cando volvan aumentar as probabilidades de precipitación. As chuvias estenderanse por toda Galicia na segunda metade do día e estarán ocasionadas por unha valgada que se achegará dende o Atlántico. É dicir, unha configuración atmosférica que propiciará de novo tempo inestable, precipitacións e brusco descenso das temperaturas.

Publicidade

A fin de semana, segundo o prognóstico de Meteogalicia, tamén continuará cunha dinámica de tempo cambiante debido á posición intermedia de Galicia entre as altas e as baixas presións. Dende o servizo meteorolóxico galego engaden que haberá “sucesivos desprendementos de aire frío en altura aumentando puntualmente a inestabilidade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual