Seis claves da miopía na infancia: “É unha epidemia”

O profesor Francisco Gómez-Ulla alerta sobre o aumento acelerado da patoloxía entre os máis novos e a necesidade de prevención e diagnóstico precoz

A miopía estase a converter nun dos grandes retos de saúde na infancia. Actualmente, o 19% dos nenos de entre cinco e sete anos xa presenta miopía, e as previsións apuntan a que esta cifra podería aumentar ata o 30,2% no ano 2030. Atendendo a este contexto, o pasado 26 de febreiro, a Real Academia de Medicina de Galicia acolleu unha charla do profesor Francisco Gómez-Ulla, académico numerario do sillón de Oftalmoloxía, catedrático de Oftalmoloxía e director médico de Miranza Instituto Gómez-Ulla, centrada nas claves para previr a aparición desta patoloxía ocular.

“É unha epidemia que está crecendo de xeito importante; non só pola xenética, senón tamén por factores ambientais“, explica o profesor Gómez-Ulla ante as cifras. Por iso, subliña que o máis importante para reducir os números é a prevención e o diagnóstico precoz, sobre todo en nenos con risco xenético parental.

Publicidade

Previr a miopía dende a infancia

Un dos factores máis determinantes no desenvolvemento da miopía é a herdanza familiar. O risco incrementa notablemente en función dos antecedentes. “Se os dous pais son miopes, un de cada dous fillos será miope tamén“, sinala o profesor Gómez-Ulla. Con todo, se só a ten un dos proxenitores, a miopía aparecerá nun de cada tres casos e, se ningún é miope, a incidencia segue a ser significativa: un de cada catro nenos pode desenvolvela.

“Hai uns factores xenéticos que non se poden modificar, polo que hai que actuar sobre os factores modificables, como o estilo de vida”, explica. Hoxe en día, prácticas como traballar ou estudar durante moitas horas diante de pantallas, sobre todo con pouca luz, fai que a miopía aumente. Con todo, traballar ao aire libre, por exemplo, é un factor que diminúe a rapidez do crecemento das dioptrías.

Publicidade

Máis luz natural e menos pantallas

Un estudo recente da Facultade de Optometría da Universidade Estatal de Nova York publicado na revista Cell Reports desminte que as pantallas sexan a verdadeira orixe da miopía. Apunta a que o factor máis importante para o desenvolvemento desta afección é a cantidade e tipo de luz que entra no ollo e a súa eficacia en activar a retina. Por exemplo, se unha pantalla emite moita luz azul, o tamaño das pupilas redúcese aínda máis.

Francisco Gómez-Ulla sinala que xa existía esa sospeita que fai evidente o risco de progresión. Débense evitar hábitos prexudiciais como realizar tarefas de lectura ou pantallas con pouca iluminación, xa que pode aumentar a progresión da miopía segundo as últimas investigacións.

Revisións anuais en nenos con risco

No caso dos máis pequenos, o máis importante é unha detección temperá. “No caso dos nenos con ambos os proxenitores miopes, deben pasar controis oftalmolóxicos anuais“, explica o oftalmólogo, xa que identificar a miopía a tempo permite intervir antes e aplicar estratexias de control máis eficaces.

Entre as recomendacións principais, destaca unha medida sinxela pero moi efectiva: dúas horas diarias de luz solar ou á luz natural, combinada coa redución do uso de pantallas. “O mundo moderno obríganos a empregar dispositivos, pero hai que adoptar medidas de descanso“, aclara Gómez-Ulla.

Tratamentos actuais para frear a súa progresión

Como explica o catedrático, ao igual que un pediatra mide a altura e o peso para ver se un neno medra de xeito normal, os especialistas da visión tamén miden a lonxitude axial do ollo mediante un biómetro. Isto ocorre porque a miopía adoita aparecer cando o ollo medra demasiado: se o ollo está nun percentil moi alto, o neno ten un risco elevado de desenvolver miopía alta.

Así, nos casos nos que o neno xa presenta miopía, existen diversas opcións terapéuticas para frear o seu avance, entre elas: lentes de desenfoque periférico, lentes de contacto brandas ou de dobre foco, e tratamento farmacolóxico con colirio de atropina diluída, en concentracións de 0,01% e 0,05%, segundo o perfil do neno e o seu nivel de risco. En menores con risco elevado, considérase especialmente a pauta do 0,05%. Estas medidas deben ir acompañadas de controis periódicos para avaliar o crecemento do ollo.

Coidado coa “falsa miopía”

Hai que falar da falsa miopía, provocada por un espasmo acomodativo. Nestes casos, unha graduación incorrecta pode levar a diagnósticos erróneos. Por iso, é importante realizar sempre unha avaliación completa, comparando a graduación sen dilatación e posteriormente con dilatación para descartar un diagnóstico erróneo.

Tratamentos para corrixir o defecto refractivo

Unha vez que a miopía se estabiliza, nunca antes dos 20 anos, pódese abordar o defecto refractivo existente. Isto é un erro de enfoque que ocorre cando a forma do ollo non permite que a luz chegue directamente á retina, facendo que as imaxes sexan borrosas. Para corrixilo poden empregarse con técnicas sobre a córnea ou cirurxía intraocular, dependendo da idade e circunstancias de cada ollo e o número de dioptrías a corrixir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras da UDC exploran o potencial da tecnoloxía en nenos con parálise cerebral unilateral

Os resultados en menores de entre 3 e 7 anos amosan unha maior implicación da extremidade afectada durante tarefas motivadoras

Partículas, azucre e impostos

O investigador Anxo Vidal, gañador do concurso de comunicación científica IGFAE C3, explica a relación entre a física, a sacarosa e a economía

Problemas de sono e TDAH: como se relacionan estes dous trastornos?

O trastorno por déficit de atención e hiperactividade e os problemas para durmir son alteracións frecuentes na infancia que parecen retroalimentarse

A exposición a plastificantes no embarazo asóciase con menor cociente intelectual na infancia

Unha investigación achega novas evidencias sobre os posibles efectos no desenvolvemento cerebral dos nenos e nenas de 10 anos