Os nenos galegos son os que menos usan as pantallas durante a semana de toda España. Na comunidade, o 45,5% dos rapaces utiliza estas tecnoloxías durante máis dunha hora. Aínda que é unha cifra elevada, é a máis baixa de todas as comunidades autónomas, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE). A media nacional sitúase en 61,49% e en Estremadura, a taxa de rapaces que utilizan as pantallas máis dunha hora supera o 80%.
Unha parte dos nenos non usa nada ou case nada estas tecnoloxías. En Galicia, esa taxa é do 18,36%, cinco puntos máis que a media nacional, e a proporción dos que os usan menos dunha hora é do 36,16%, un 11% máis ca o resto de España. O seu consumo é maior nas fins de semana (o 68,4% está máis dunha hora), pero segue a estar por debaixo da media (o 74,6% supera ese tempo). Só o 12,66% non as utiliza durante sábados e domingos.
O nesgo de xénero, desde cativos
O uso das pantallas durante máis dunha hora nas fins de semana é superior nos homes (73,2%) ca nas mulleres (63,6%), segundo o INE. É unha dinámica que está presente en practicamente todos os datos. A taxa de mulleres que as usa durante ese tempo de luns a venres é do 42%, fronte ao 48,9% dos homes.
Esta diferenza de xénero non parece corresponder a posibles eleccións dos nenos cando son máis maiores, xa que desde moi cativos os pais deixan os pequenos máis tempo coas pantallas que a elas. O 26% dos nenos de un a catro anos non as utilizan durante a semana fronte ao 35,5% delas. En total, o INE indica que o 36,25% dos cativos desa franxa de idade utiliza as pantallas de luns a venres máis dunha hora. A cifra dispárase ata o 44,9% os sábados e os domingos. “Os nenos de menos de seis anos non deberían utilizar ningún tipo de pantallas”, segundo explica David Bueno, investigador en Xenética Biomédica, Evolutiva e do Desenvolvemento, para The Conversation.
Cantidades de tempo excesivas
Con todo, o uso de pantallas pode ser razoable a partir dos seis anos sempre que sexa, como mínimo, dunha duración menor a unha hora. Un tempo dunha media hora é adecuado, explica Bueno, aínda que depende do neno e, por suposto, coa supervisión dos pais. Fronte a estas recomendacións, o 59,2% dos rapaces de entre cinco e nove anos utiliza durante máis dunha hora estes dispositivos de luns a venres, unha taxa que aumenta nas fins de semana ata o 79,2%.
A brecha de xénero péchase co paso dos anos e os datos son máis similares segundo avanza a idade, aínda que o seu uso case sempre acaba sendo moderadamente superior neles, segundo os datos do INE. O 78,6% dos rapaces de entre 10 e 14 anos utiliza a pantalla de luns a venres e un 88,4% durante as fins de semana.
O compoñente de clase
Ademais das diferenzas de xénero, os datos do INE tamén indican que a clase social pode afectar. Os fillos das persoas con traballos menos cualificados (e que, polo xeral, empeoran as posibilidades de conciliación) son os que máis usan o móbil. Só un 9,8% dos fillos de traballadores non cualificados non usa o teléfono, fronte ao máis do 18% dos rapaces con proxenitores que sexan directores, xerentes e profesionais tradicionalmente asociados a licenciaturas universitarias.
O uso é superior a unha hora nun 64,4% dos menores de 14 anos fillos de traballadores non cualificados. É unha diferenza proporcional do 27,5% máis con respecto aos fillos dos traballos máis cualificados ou de directores e xerentes.
Dificultades para ler, escribir ou concentrarse
As consecuencias do uso excesivo das pantallas en nenos son múltiples. A sobreexposición a certos estímulos rápidos poden dificultar a capacidade de concentración, segundo Bueno. O exceso destes contidos pode facer que outras tarefas, como ler ou escribir e que son cruciais para a súa aprendizaxe, se perciban como máis aburridas. Ademais, o uso de pantallas nestas idades pode afectar a súa forma de falar ou de moverse.
Hai outros agravantes, como usar o móbil xusto antes de durmir, que propicia o insomnio, ou ter moitas conversacións a través das pantallas en vez de en persoa. E, ao igual que os adultos, a isto súmanse os efectos aditivos baseados nos algoritmos das redes sociais.














