O uso de pantallas en nenos pequenos afecta a súa capacidade de falar e de moverse

Un dos estudos máis completos ata a data examina as consecuencias da exposición de cativos entre un e catro anos a dispositivos electrónicos como móbiles e televisións

Un novo estudo, publicado esta semana na revista PLOS ONE, revela patróns preocupantes sobre o uso de pantallas en nenos pequenos. O traballo, un dos máis ambiciosos sobre o tema, examinou a case 2.000 nenos de 12 a 48 meses en 19 países latinoamericanos. Os seus resultados achegan unha evidencia significativa ao debate sobre o impacto da tecnoloxía no desenvolvemento infantil temperán. Entre as consecuencias, os autores sinalan que afecta a capacidade de falar e incluso de moverse.

A investigación conclúe que os cativos obxecto de estudo estiveron expostos ás pantallas —principalmente, móbiles e televisión— durante períodos significativamente máis longos do que recomendan as asociacións de pediatría. Esta tendencia parece ser constante independentemente da clase social ou a nacionalidade, o que suxire un fenómeno xeneralizado que transcende as fronteiras socioeconómicas.

Publicidade

É habitual pensar que esta sobreexposición a pantallas é maior en determinados estratos sociais, pero Lucas Gago Galvagno, científico do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas (CONICET) arxentino e coordinador deste estudo, explica a SINC que ninguén se libra desta tendencia, sexa cal sexa o seu país ou clase social: “Independentemente do nivel socioeconómico e a pesar das diferenzas, o uso de pantallas é alto en si mesmo e vai máis aló do tempo recomendado polas asociacións nacionais e internacionais de pediatría”.

“Neste estudo non se avaliou directamente o nivel de renda de cada país e as súas asociacións co uso de pantallas”, engade, pero traballos anteriores realizados por este mesmo equipo mostraron que “nos países de Latinoamérica cun nivel socioeconómico máis vulnerable, os tempos de pantalla tendían a aumentar e os coidadores primarios ademais acompañaban menos nesta actividade”.

Publicidade

Escaseza de recursos educativos

Estes resultados adoitan interpretarse tendo en cuenta a escaseza de acceso, por parte das familias máis vulnerables, a recursos educativos e diferentes opcións lúdicas, menor cantidade de tempo destinado á crianza por xornadas laborais máis extensas, falta de acceso a lugares de xogo públicos seguros, a facilidade de acceso e uso de pantallas ou o descoñecemento que se adoita ter das consecuencias negativas do seu uso tanto a nivel físico como psicolóxico durante os primeiros anos.

Non é canto, é como

Con todo, o estudo tamén ofrece un raio de esperanza: cando os adultos comparten activamente o tempo de pantalla cos nenos e elixen contido educativo, observáronse algúns efectos positivos nas súas habilidades lingüísticas. Este achado suxire que o problema non é tanto canto tempo pasan os nenos fronte ás pantallas, senón como as utilizan.

“O principal factor negativo é o tempo que o neno pasa en solitario nunha tarefa que é completamente pasiva como é o uso de pantallas sen acompañamento”, precisa Gago Galvagno. “Atopamos que, se o adulto acompaña a actividade, ou se o contido é educativo, o desenvolvemento lingüístico tende a aumentar”, sostén.

Espazos de xogo común

Isto débese a que, nestes casos, pode haber unha actividade de interacción acompañada de linguaxe e sinalizacións por parte do adulto, que tamén pode estar acompañada de historias ou interaccións emocionais. “Estes espazos de xogo serían fundamentais para un desenvolvemento óptimo”, engade o coordinador do estudo.

A investigación chega nun momento crítico, xa que as sociedades pediátricas de todo o mundo, incluída a Academia Americana de Pediatría, desaconsellan calquera uso de pantallas en nenos menores de dous anos. Con todo, o estudo atopou que moitos nenos son xa usuarios habituais de dispositivos con pantalla antes de alcanzar esta idade.

O artigo suxire que crear políticas efectivas require ir máis aló dos simples límites de tempo. Factores como a calidade do contido, a participación dos adultos e o contexto de uso xogan roles cruciais en como o tempo de pantalla afecta o desenvolvemento infantil.

A importancia da interacción co neno

“En resumo, o problema en si non é o uso de pantallas, senón o tempo e a forma en que as empregamos cos nenos”, conclúe Gago Galvagno. “No noso próximo proxecto xeraremos un cuestionario que mida a forma en que os adultos interactúan cos seus fillos durante o uso de pantallas, para ir pescudando de forma máis refinada cal é a parte máis nociva e como podemos usar un artefacto xa ubicuo como as pantallas para sacarlle o maior proveito e promover o desenvolvemento desde os primeiros anos”.

Os autores do estudo salientan que, aínda que os seus achados son significativos, necesítase máis investigación, particularmente estudos a longo prazo que poidan seguir o desenvolvemento destes nenos ao longo do tempo.


Referencia: Use of screens, books and adults’ interactions on toddler’s language and motor skills: A cross-cultural study among 19 Latin American countries from different SES (Publicado en PLOS ONE)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É a xeración Z menos intelixente? Que hai detrás do seu declive nalgunhas probas cognitivas

A exposición prolongada a contornas dixitais e cambios educativos reconfiguran habilidades con efectos desiguais

É o seu bebé demasiado dependente das pantallas? Sinais de alerta antes dos seis anos

Como identificar patróns de uso problemático e fomentar un desenvolvemento equilibrado na primeira infancia

A guía definitiva do Entroido ourensán: estas son as seis figuras imprescindibles

Un percorrido polas máscaras tradicionais que manteñen viva a celebración máis ancestral da provincia, das pantallas de Xinzo aos boteiros de Viana

Os nenos galegos son os que menos usan as pantallas durante a semana

Dificultades para concentrarse, para durmir ou para ler e escribir son algunhas das consecuencias da exposición temperá a novas tecnoloxías