Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

A probabilidade de ter cancro asociado ao sobrepeso e á obesidade é menor para as persoas que fan exercicio. Con todo, o máis importante é non estar cun peso por riba do recomendado, aínda que se faga actividade física. Esta é unha das principais conclusións dun estudo desenvolvido por investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) e da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte, partindo da análise dos datos de máis de 70.000 pacientes, rexistrados no Biobanco do Reino Unido. Publicada no Journal of Sport and Health Science, esta investigación constata os beneficios de manterse fisicamente activos á hora de evitar esta enfermidade.

“Chamounos especialmente a atención que, aínda que realizar máis actividade física, especialmente de intensidade moderada a vigorosa, parece reducir o risco de cancro asociado ao sobrepeso e á obesidade, evitar estas condicións parece ser aínda máis importante”, afirma Adriano Sánchez, investigador do grupo Well-Move da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, autor principal deste artigo. 

Publicidade

Un risco de cancro 36% maior

Hai unha serie de procesos biolóxicos que axudan a evitar o cancro cando se está activo fisicamente, segundo a hipótese de Sánchez. Ao igual que ocorre con facer exercicio, os mesmos procesos biolóxicos funcionan de forma oposta no caso de ter obesidade ou sobrepeso. Isto aumenta o risco de padecer cancro. “Segue sen estar claro como as diferentes cantidades e intensidades de actividade física poden modificar a asociación entre os distintos niveis de adiposidade e o risco de cancro”, explica o investigador.

Partindo deste escenario, o estudo permitiu constatar como o risco de cancro era entre un 15% e un 20% menor naquelas persoas con sobrepeso e obesidade pero con altos niveis habituais de actividade física de intensidade moderada a vigorosa, fronte os participantes sen sobrepeso pero fisicamente pouco activos. Pola contra, cando se comparou con participantes sen sobrepeso pero máis fisicamente activos, as persoas con sobrepeso e obesidade presentaron un risco de padecer cancro entre un 6% e un 36% maior, aínda que fixesen exercicio.

Publicidade

“Segue sendo esencial manterse activo”

Ao mesmo tempo, a análise específica de certos tipos de cancro, como mama, colon ou gástrico, revelou que, dentro das persoas sen sobrepeso, as menos activas presentaron un risco maior que aquelas que realizaban máis actividades deste tipo. De aí que Sánchez incida en que a actividade física non pareceu contrarrestar completamente o risco aumentado por desenvolver cancro derivado do exceso de peso. Porén, os seus resultados si amosan “unha atenuación nas persoas con sobrepeso e obesidade que realizaban máis actividade física”. 

Polo tanto, “segue sendo esencial manterse activo”, conclúe o investigador da UVigo. Aínda que realizar un pouco de actividade física xa parece ter beneficios para reducir o risco de cancro, o máis interesante parece ser acadar as recomendacións actuais da Organización Mundial da Saúde, segundo Sánchez. “Polo menos, 150 minutos semanais de actividade física de intensidade de moderada, como camiñar a paso lixeiro, a vigorosa, como subir escaleiras a ritmo lixeiro ou saír a correr”, subliña. O investigador incide así en que esta análise abranguía todo tipo de actividade física, non só un exercicio estruturado e planificado que, sinala, “podería ofrecer maiores beneficios, ao ser máis adaptado a cada persoa ou grupo de persoas”.

O traballo parte da análise dos datos reunidos no UK Biobank, que realizou un seguimento a máis de 70.000 persoas ao longo de seis anos. Este permitía obter datos dos niveis de actividade física, adiposidade de cada pacientes e do índice de masa corporal. Datos que, á súa vez, puxeron en relación coa incidencia do cancro nesta poboación ao longo do seguimento, durante o que se diagnosticou esta enfermidade a 2625 persoas.


Podes ler o artigo completo do DUVI aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves da NASA para observar a eclipse total de Sol do 12 de agosto

Galicia será un dos territorios europeos privilexiados para contemplar o fenómeno astronómico do ano a causa do paso da banda de totalidade polo territorio

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Setenta e seis segundos de asombro dende A Coruña: que ocorre na nosa mente durante unha eclipse total

O catedrático Fernando Vázquez analiza como o fenómeno astronómico do 12 de agosto esperta a sorpresa e crea unha experiencia compartida difícil de esquecer