Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas

Galicia eliminará a hepatite C en 2026, catro anos antes da data establecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Esa é a previsión dos especialistas que participaron nun acto celebrado este luns en Santiago para conmemorar o décimo aniversario do Plan para a Abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde (PEAHC), promovido pola Alianza para a Eliminación das Hepatites Víricas en España (AEHVE). Segundo salientaron durante o evento, a erradicación da enfermidade en mulleres “é practicamente un feito”. A prevalencia na franxa dos 49 aos 59 anos está arredor do 0,04%.

O acto celebrouse en colaboración coa Consellería de Sanidade. A súa cabeza visible, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que en Galicia xa se trataron e curaron preto de 10.000 persoas dende a posta en marcha do plan. Tamén puxo en valor o programa de cribado que se implantou en xullo de 2023 e destinado a persoas de entre 40 e 69 anos que acoden a Atención Primaria por calquera motivo. A través desta medida xa se realizaron máis de 280.000 probas que permitiron a detección de 372 casos de infección activa.

Publicidade

A xornada celebrada en Santiago, na que participaron expertos e profesionais sanitarios, así como representantes das asociacións de pacientes, enmárcase dentro do programa de actividades que a AEHVE promoveu con motivo do décimo aniversario da publicación do plan. “Esta iniciativa situou España entre os países con mellores indicadores de progreso cara á eliminación da hepatite C como problema de saúde pública”, sinalan.

O plan en cifras

Entre xaneiro de 2015 e decembro de 2024, un total de 172.312 pacientes foron tratados con antivirais de acción directa (AAD), alcanzando unha efectividade terapéutica do 94,81%. Este elevado índice de éxito contribuíu de maneira determinante á redución da prevalencia da infección por VHC e, con ela, da mortalidade por hepatite C, dos casos de cirrose hepática, hepatocarcinoma e necesidade de transplantes hepáticos.

Publicidade

Actualmente, España presenta unha das prevalencias máis baixas do mundo en canto a infección activa por VHC. En 2022, estimouse nun 0,14% (aproximadamente 54.500 persoas), se se exclúen os grupos exposicións e/ou situacións de risco, a porcentaxe na poboación xeral baixa ao 0,12% (uns 45.000 casos), dos que se calcula que menos dun terzo (arredor de 13.000 persoas) permanecen sen diagnosticar.

Con todo, estas taxas son significativamente máis altas en poboacións clave como as persoas usuarias de drogas (12,5% en usuarios activos e 6,7% en exusuarios), e en homes homosexuais, bisexuais e outros homes que teñen sexo con homes (GBHSH) que practican chemsex (8,5%).

As actividades postas en marcha por AEHVE con motivo do Aniversario do PEAHC contan coa colaboración das sociedades científicas da Alianza, e das compañías Gilead, Abbvie, Roche e Echosens.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua