Nos últimos anos, o incremento no uso das pantallas —móbiles, ordenadores, consolas ou tablets, entre outras—, xunto cunha redución do tempo de exposición á luz natural e dous anos de pandemia, trouxeron consigo a seguinte pregunta: repercutirá isto negativamente nos problemas de vista? A resposta é sí. De feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) considerou o alto incremento dos casos de miopía como “un dos grandes problemas de saúde pública”.
“Galicia, como o resto de Europa, vai en camiño de aumentar as persoas que padecen miopía”, sinala Eduardo Eiroa, presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas da comunidade galega. Segundo o especialista, os factores que teñen máis incidencia no incremento desta patoloxía é o emprego da visión próxima continuada e a diminución do tempo que se pasa ao aire libre.
A miopía
A miopía é un trastorno común da visión que provoca que as persoas que a desenvolven vexan borrosos os obxectos de lonxe, pero vexan con claridade os que están próximos. Prdúcese cando a forma do ollo fai que os raios de luz se inclinen (refracten) incorrectamente, o que enfoca as imaxes diante da retina en lugar de sobre a retina. A OMS estima que para o 2050 a metade da poboación mundial terá miopía. Este gran incremento está motivado principalmente “por factores ambientais, xa que o factor xenético ten menos peso no desenvolvemento deste trastorno en proporción ao número total de casos”, sinala Eiroa.
Factores de risco
“A visión próxima continuada e unha menor exposición á luz natural son os factores que teñen maior incidencia no incremento da miopía”, declara Eiroa. O tempo que se pasa traballando a curta distancia con iluminación artificial é cada vez máis elevado, así como o aumento das actividades de ocio que se practican en interiores. As crianzas son as máis afectadas pola miopía, xa que a idade máis frecuente de diagnóstico está entre os 6 e 8 anos.
“A visión próxima continuada e unha menor exposición á luz natural son os factores que teñen maior incidencia no incremento da miopía”
Aínda que tamén pode aparecer durante toda a etapa escolar, a adolescencia e incluso na universidade, sendo menos común na etapa adulta. Entre a escola, as actividades extraescolares, estudar e o tempo de ocio con dispositivos dixitais, as crianzas están constantemente en espazos interiores. Eiroa sinala que xa hai estudos que demostran que pasar máis tempo ao aire libre na infancia, con luz natural, reduce as posibilidades de desenvolver este trastorno.
Prevención
Cando se traballa a distancias curtas, o que se está forzando é a visión central. Por iso, segundo Eiroa, unha medida importante é intentar contrarrestar a actividade visual a distancias próximas en espazos interiores con activididade visual en espazos abertos con luz natural. “Tamén é importante facer exercicio ao aire libre, porque iso fai que a vista traballe a distancias máis amplas”, sinala Eiroa, o que permite que se desenvolva a visión periférica, que é a que posibilita o movemento sen tropezar.
“Hai que evitar o sedentarismo, pero tamén modificar os nosos hábitos visuais”
“Hai que evitar o sedentarismo, pero tamén modificar os nosos hábitos visuais” reforza Eiroa. Segundo o presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, non vai ser fácil reverter a tendencia do aumento de casos de miopía, porque o estilo de vida actual é cada vez máis esixente coa vista. “O sistema visual da especie humana evolucionou para ver de lonxe, e ata hai pouco, non se realizaban actividades que requerisen tanto emprego da visión próxima continuada”, conclúe.