Xoves 28 Marzo 2024

Os efectos das pantallas: a idade de inicio da presbicia xa está na trintena

O presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, Eduardo Eiroa, recomenda "non excederse no tempo de uso dos dispositivos e manter descansos periódicos"

O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia sinala que, debido a un estilo de vida actual máis activo e ao aumento da esperanza de vida, as tarefas visuais de preto aumentaron, en concreto, o uso excesivo e prolongado de dispositivos electrónicos —como os smartphones, tabletas e portátiles—, en plena etapa laboral. Isto infúe nunha aparición máis temperá dos síntomas da presbicia ou vista cansa, sobre o que os ópticos-optometristas galegos indican que xa non só existe o présbita maior, senón que agora hai “présbitas novos” de entre 38 e 48 anos, que teñen molestias na súa visión próxima debido a unha gran demanda do seu sistema acomodativo para actividades profesionais e de lecer.

A presbicia é un estado refractivo no que a capacidade de acomodación ou enfoque
do ollo se mostra insuficiente para desempeñar calquera tipo de actividade en visión
próxima. “Co paso do tempo, o músculo ciliar e o cristalino perden a capacidade
para aumentar a potencia refractiva do ollo o que dificulta ver ben de preto”, explica o presidente do Colexio, Eduardo Eiroa, que engade que “a diminución da capacidade de acomodación empézase a producir desde a adolescencia e é á metade da vida cando comeza a manifestarse, normalmente a partir dos 40 anos”.

Publicidade

A incidencia da presbicia na poboación

Eiroa sinala que aproximadamente un 50% da poboación galega ten presbicia, un problema visual que afecta á hora de ler, escribir ou realizar algún outro tipo de actividade na que se necesite unha visión próxima. “A presbicia increméntase co paso dos anos, xa que a medida que pasa o tempo imos perdendo máis capacidade para enfocar a vista de cerca. Iso é inevitable”, explica. Para controlar este tipo de problema visual, o recomendable é que as persoas se sometan a un exame optométrico, aproximadamente cada dous anos a partir dos 20 anos, e de forma anual a partir dos 50.

Un 51,22% das mulleres galegas de entre 38 e 48 anos teñen presbicia fronte a un 50,97% dos homes

Segundo os últimos datos rexistrados no marco do convenio “Ollo cos Ollos”, posto en marcha polo Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia e a Consellería de Sanidade, desde 2007 a 2021, un 51,22% das mulleres galegas (19.818 mulleres) de entre 38 e 48 anos teñen presbicia, mentres que un 50,97% dos homes desa mesma idade (11.963 homes) padecen este problema visual. Entre os síntomas iniciais máis frecuentes da presbicia están: necesidade dunha maior iluminación para poder ler, dificultade para enfocar de preto, sensación de que as letras se amontoan ou bailan, tendencia a afastar os obxectos, ou a estirar os brazos para separalos dos ollos e a fatiga ocular, cansazo ou proído tras unha tarefa visual próxima.

Por que os síntomas aparecen antes?

Segundo Eiroa, os síntomas da presbicia comezan a notarse sobre os 40-45 anos como consecuencia de que o sistema de acomodación xa non permite ver con nitidez a unha distancia de 35-40 centímetros, que é a distancia na que normalmente facemos actividades de visión próxima, como ler. Como hoxe en día a actividade visual se centra na visión de cerca, algo que sucede dende hai relativamente pouco, “os síntomas poden apreciarse antes do que sucedía noutrora, dado que sometemos á vista a un esforzo moi prolongado“.

Un exemplo gráfico que explica o presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia é o de comparar a presbicia cunha musculatura débil. “Se andas pouco tempo, seguramente non notas o cansazo dos músculos, pero se vas andar moito e nunhas condicións que impliquen maior esforzo, aí si que o notas. O mesmo pasa coa percepción dos síntomas da presbicia”. Eiroa engade que non se pode retrasar a aparición da vista cansa, pois está asociada co proceso natural de envellecemento do organismo, pero “o que si se pode facer é tomar unhas medidas que permitan ao sistema acumulativo recuperarse do esforzo continuado, por exemplo, facendo descansos”.

Pautas de hixiene visual

Os ópticos-optometristas galegos indican que a presbicia ou vista cansa non se pode previr nin evitar, pero si existen certas pautas que poden atenuar os seus síntomas e unha serie de solucións terapéuticas para os seus efectos. Algunhas delas son: utilizar sempre unha iluminación adecuada para cada actividade, facer descansos periódicos —utilizar a Regra do “20-20-20”, pausas de 20 segundos cada 20 minutos mirando a 20 pés—, axustar convenientemente o contraste dos dispositivos e os usuarios de lentes de contacto deben aumentar de forma consciente a frecuencia e a amplitude do parpadeo para evitar secura e perda de transparencia das lentes.

“Non excederse no tempo de uso das pantallas e manter uns descansos periódicos”

A este respecto, Eiroa fai fincapé en “non excederse no tempo de uso das pantallas e manter uns descansos periódicos”. Así como na importancia de ter en conta pautas ergonómicas como “que o sistema visual sempre vai traballar máis comodamente coa tarefa de preto máis afastada, ter bo nivel de contraste na pantalla, que haxa boa luz ou manter unha postura cómoda e estar sentados ben posicionados”. E engade “se fisicamente non estamos descansados, imos notar máis o problema da fatiga acumulativa, porque para poder desenvolver unha actividade de cerca, precisamos un consumo de enerxía elevado”.

Filtro azul

Moitos dispositivos teñen a opción de aplicar un filtro azul, e a maiores, hai anos que se comercializan gafas con filtros bloqueadores da luz azul baixo o pretexto de que axudan a protexer os ollos. Sobre isto, Eiroa afirma que “hai certo debate, porque aínda que se fixeron experimentos con animais, nos que si parece ser que a radiación azul que emiten estes dispositivos afecta á retina, con humanos non hai estudos, polo que non se sabe ata que punto pode afectar”. E engade que “mentres non haxa unha evidencia científica contrastada, non se pode dicir con exactitude se estes filtros son necesarios ou non”.

“Empregar filtro azul como prevención pode ser positivo aínda que non estea aínda evidenciado totalmente cientificamente”

O presidente do Colexio explica que o que si está claro é que este tipo de luz que emiten as pantallas non é como a luz natural do sol, senón que é unha luz que ten unhas características determinadas cunha alta porcentaxe de radiación de onda curta, que en animais está demostrado que é prexudicial, polo que en humanos non pode ser moi beneficiosa. “Todo o que sexa prever e protexer ao sistema visual, nunca está de máis. Polo tanto, empregar filtro azul como prevención pode ser positivo aínda que non estea aínda evidenciado totalmente cientificamente. Dano non vai facer ningún”.

Solucións ópticas para a presbicia

Actualmente existen múltiples solucións ópticas para compensar os síntomas da presbicia ou vista cansa, ben sexan lentes ou lentes de contacto. Se o profesional óptico optometrista recomenda ao paciente anteollos, pódese elixir entre diferentes opcións. Unha delas é a lente graduada con lentes monofocais. Un tipo de lente monofocal para a presbicia son as coñecidas lentes premontadas, que se venden principalmente en farmacias, mercados e gasolineiras, entre outros establecementos non sanitarios.

O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia non recomenda usar as coñecidas lentes premontadas

O Colexio galego recomenda non usar este produto. As lentes de lectura premontadas, pregraduadas ou lentes de preto prefabricadas son artigos elaborados en serie, na súa inmensa maioría a partir de materiais e lentes de aumento de baixa calidade óptica e que se adoitan adquirir sen unha prescrición personalizada para axustarse ás nosas necesidades. “É o peor sistema de compensación para a presbicia, xa que aplican o mesmo grao a ambos os ollos e a aliñación dos eixos visuais non coincide cos do usuario”, explica Eiroa.

Outro tipo son os anteollos graduados con lentes ocupacionais, para actividades tanto a unha distancia intermedia como de preto (por exemplo, en mesas de traballo e estudo, uso de computadores) e fabrícanse para adaptalas especificamente ás necesidades concretas. Tamén están as opcións de anteollos graduados con lentes bifocais ou os graduados con lentes progresivas. Outra solución para compensar a presbicia é o uso de lentes de contacto, que achegan maior comodidade: poden ser lentes de contacto con sistema monovisión ou lentes de contacto con sistema multifocal. Ademais do mencionado,  existen diferentes solucións cirúrxicas para compensar os síntomas da presbicia ou vista cansa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A receita preventiva contra a miopía: máis tempo ao aire libre con luz natural

Un dos factores que ten maior incidencia no incremento desta patoloxía é o emprego da visión próxima continuada en espazos interiores

Ollo coas lentes de disfraces para Samaín, advirten os expertos

O Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia alerta dos riscos derivados do uso destas lentes sen ningún tipo de supervisión