Venres 19 Abril 2024

Ollo coas lentes de disfraces para Samaín, advirten os expertos

O Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia alerta dos riscos derivados do uso destas lentes sen ningún tipo de supervisión

Son un complemento moi acaído para os disfraces que posiblemente esteas preparando para esta semana. Co Samaín a piques de chegar, moita xente prepara enxeñosas ideas para pasar unha noite de medo: maquillaxes e roupas arrepiantes e ata lentes de contacto coas que semella que estamos mirando directamente a outros mundos. Pero ollo, porque detrás delas pode haber un perigo para a vista.

Así o advirte nun comunicado o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia. Só un profesional “pode avaliar se un paciente é apto para a utilización de lentes de contacto”, explica o presidente do colexio, Eduardo Eiroa. Os especialistas lembran que aínda que leven durante períodos curtos de tempo, deben seguirse as mesmas recomendacións que coas lentes de contacto correctoras.

Publicidade

Estes elementos decorativos non son correctores, e están deseñados unicamente para modificar a aparencia dos ollos. Estes días poden adquirirse facilmente en bazares, centros de beleza e outros establecementos non autorizados sen ningún tipo de control sanitario, e especialmente a través de internet. Pero tal e como salienta Eduardo Eiroa, “obrigatoriamente deben ser adaptadas por un profesional óptico-optometrista e nun establecemento sanitario de óptica”.

Explica o Colexio que os ollos, do mesmo xeito que os pés, teñen unha talla, unha medida especial de curvatura e tamaño de globo ocular. Con todo, as lentes de contacto de fantasía están feitas en medidas estándar. Así, cando a lente non é a adecuada para o globo ocular pódense producir problemas de osixenación (hipoxia) e danos na córnea que poderían derivar en úlceras. Neste punto, o Colexio apunta que é necesario visitar a un óptico-optometrista para que tome a medida do ollo e seguir correctamente as súas indicacións de uso. Ademais, desaconsellan a utilización de lentes cosméticas ou decorativas en nenos, porque non ten sentido expoñelos a todos estes riscos, nin sequera por un par de horas mentres están disfrazados.

Riscos das lentes: conxuntivite, alerxia ou abrasión

Sobre consecuencias, os profesionais explican que existen dous tipos de danos provocados polas lentes de contacto: os inherentes á lente (reaccións alérxicas e problemas na córnea) e os provocados por un mal uso e coidado da lente (líquidos adecuados e hixiene), unha situación que sucede nun 98% dos casos. Estes problemas poden estar presentes tanto nas lentes de contacto convencionais como nas estéticas.

Algúns dos riscos asociados ao uso de lentes de contacto cosméticas son conxuntivite, inflamación, reacción alérxica e abrasión corneal derivada dunha mala adaptación das lentes de contacto. Outros problemas adicionais poden derivar en redución da agudeza visual, sensibilidade ao contraste e outras discapacidades visuais. Ademais, nestes días festivos as lentes de contacto cosméticas son un complemento máis do disfrace, que acompañan a outros elementos de caracterización como a maquillaxe, as perrucas e demais produtos de cosmética para o cabelo. Por todo iso, os expertos aconsellan extremar as precaucións no proceso de uso e limpeza das lentes de contacto para evitar danos na visión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nenos e adolescentes absorben tres veces máis radiación solar que os adultos

Os expertos galegos alertan de que os menores de 10 anos deixan pasar o 75% de raios ultravioleta e poden desenvolver patoloxías oculares

Os efectos das pantallas: a idade de inicio da presbicia xa está na trintena

O presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, Eduardo Eiroa, recomenda "non excederse no tempo de uso dos dispositivos e manter descansos periódicos"

A receita preventiva contra a miopía: máis tempo ao aire libre con luz natural

Un dos factores que ten maior incidencia no incremento desta patoloxía é o emprego da visión próxima continuada en espazos interiores

Xapón interésase polas lentes de contacto con fármacos creadas en Santiago

Lentimed, empresa spin-off da USC, recibe a visita da legación dunha firma líder nipona