Lugo, un exemplo urbano contra o cambio climático

Un estudo da Universidad Politécnica de Madrid analiza os avances conseguidos grazas ao programa europeo Life Lugo + Biodinámico

Investigadores da Universidad Politécnica de Madrid (UPM) realizaron o cálculo da pegada de carbono e da pegada ecolóxica para cuantificar o impacto ambiental das novas infraestruturas verdes e avaliar a sustentabilidade nas tarefas de implementación e xestión das mesmas.

Para iso, analizaron un conxunto de bosques urbanos e accións agrícolas implementadas, dentro do programa europeo LIFE que se está desenvolvendo na cidade de Lugo. Os resultados deste traballo, publicado na revista Urban forestry & Urban greening, mostran que a expansión da infraestrutura verde urbana xerará un balance neto positivo de absorción de dióxido de carbono que axudará a reducir os efectos do cambio climático e a mellorar a resiliencia e a sustentabilidade.

Publicidade

Case a diario aparecen artigos en medios de comunicación sobre o presente e o futuro das cidades e a necesidade de facer destes espazos habitables, saudables e sustentables. Cando se expoñen as características que debe ter unha cidade habitable, un dos aspectos que non falta case nunca é o “verde”, como un pulmón que a cidade e os seus habitantes necesitan para respirar e para manter a relación tan necesaria entre ser humano e natureza.

As solucións baseadas na natureza, implementadas nas cidades, axudan a mitigar as emisións de dióxido de carbono, a reducir a contaminación atmosférica e acústica, a reducir a temperatura, a aumentar a biodiversidade e a mellorar a saúde das persoas, contribuíndo, como resultado, a aumentar o benestar e a sustentabilidade socioeconómica dos espazos urbanos.

Publicidade

Moitas cidades están a apostar por aumentar e poñer en valor as súas infraestruturas verdes. Lugo é unha delas, e estao facendo a través da posta en marcha do proxecto do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, liderado polo concello da cidade, en colaboración coa Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid, con apoio económico da Unión Europea.

28 accións

O proxecto inclúe un mosaico de 28 accións, entre as que se pode destacar a creación dun arboretum galego, a plantación de cultivos enerxéticos na contorna urbana, a recuperación dun humidal ou a construción dun edificio en madeira para uso público, que incorpora fachadas vexetais interiores e exteriores, e unha superficie dedicada a hortos urbanos comunitarios.

Os resultados mostran que as accións levadas a cabo no proxecto Lugo + Biodinámico xerarán un balance neto positivo de absorción de dióxido de carbono, o que supón un beneficio para a mitigación de cambio climático. Ademais, segundo indican os investigadores, os beneficios poderían ser aínda maiores se se realizan algúns cambios nas prácticas de implementación e manexo das infraestruturas verdes, como o uso de maquinaria máis eficiente, a minimización no transporte de insumos e a redución do uso de fertilizantes e do uso de auga para rega, a través de medidas como o aproveitamento de auga de choiva.

En opinión de Candela de la Sota, unha das autoras, “este traballo contribúe a demostrar, a través de datos cuantitativos, o importante potencial de contribución das solucións baseadas na natureza á mitigación do cambio climático”.

Ademais, engade, espérase que as leccións aprendidas neste proxecto poidan servir de exemplo para a súa aplicación noutras cidades de tamaño medio como a cidade de Lugo, de maneira que estas poidan apoiarse no uso de infraestruturas verdes para desenvolver modelos urbanísticos alternativos e innovadores, que sexan resilientes e medioambientalmente sustentables”.

Referencia: Urban green infrastructure as a strategy of climate change mitigation. A case study in northern Spain (Publicado en Urban forestry & Urban greening).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies