O primeiro confinamento evitou 800 mortes por contaminación en Europa

Un estudo relaciona a redución nos niveis de dióxido de nitróxeno coa dimunicuón de falecementos asociados a este contaminante

Un equipo científico europeo avaliou a relación entre as medidas de confinamento que se adoptaron entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo de 2020 co descenso nos niveis de catro contaminantes (dióxido de nitróxeno ou NO2, ozono, partículas PM2,5 e PM10) en 47 grandes cidades europeas, ademais de estimar o número de mortes que se evitaron nelas durante ese período.

Esta semana publicáronse en Scientific Reports os resultados do estudo, liderado pola Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres (LSHTM) e o Servizo de Vixilancia Atmosférica de Copernicus (CAMS), en colaboración con diversos centros europeos como o Barcelona Supercomputing Centre.

Publicidade

A principal conclusión da investigación é que houbo resultados considerablemente distintos en función das diferentes intervencións. Por exemplo, o peche de colexios e centros de traballo, a cancelación de actos públicos e as restricións de movemento tiveron os maiores efectos na redución dos niveis de NO2, xa que a xente non puido desprazarse aos seus lugares habituais.

España, gran descenso nos niveis de dióxido de nitroxéno

Os resultados mostran que as cidades españolas, francesas e italianas rexistraron o maior descenso de dióxido de nitróxeno de entre o 50% e o 60% nas datas analizadas, e que este reduciuse considerablemente en toda Europa. A diminución doutros contaminantes foi menos acusada.

Os resultados mostran que as cidades españolas, francesas e italianas rexistraron o maior descenso de dióxido de nitróxeno

Os autores consideran que se debe a que preto da metade das emisións de NO2 xéraas o transporte rodado, que foi o sector máis afectado polas restricións, un tipo de desprazamento que contribúe moito menos ás emisións totais dos outros contaminantes estudados. De feito, as restricións ás viaxes nacionais e internacionais tiveron pouco impacto nos niveis de contaminación xeral do aire a escala local.

Mortalidade e calidade do aire

O estudo cuantificou os cambios nas mortes prematuras derivados dos cambios da contaminación nas cidades a curto prazo. Analizando as variacións nas concentracións diarias dos compostos, xunto coa valoración da exposición da poboación, os científicos estimaron que se evitaron en total máis de 800 falecementos grazas á mellor calidade do aire derivada das medidas gobernamentais aplicadas para limitar a propagación do coronavirus.

O estudo cuantificou os cambios nas mortes prematuras derivados dos cambios da contaminación nas cidades a curto prazo

Para realizar a investigación utilizáronse datos da superficie terrestre achegados polo CAMS utilizando modelos rexionais de calidade do aire para comparar as concentracións dos principais contaminantes do aire en dous escenarios de emisións contaminantes: un con condicións habituais de actividade e outro cunha estimación de emisións derivada das medidas que aplicaron os gobernos durante o primeiro confinamento, que foron diferentes en cada país, cada día e en cada sector de actividade (tráfico rodado, industria, etcétera).

Maior descenso en dióxido de nitróxeno

Así se valoraron as intervencións políticas individuais en cada cidade e a súa repercusión en canto a redución dos niveis de contaminación. Aínda que houbo efectos diferentes, tal e como se esperaba, observaron un forte descenso do NO2, e, en menor medida, de partículas finas PM2,5 e PM10 nas zonas onde se aplicaron confinamentos máis estritos.

“As políticas gobernamentais que se decidiron na primavera e comezos do verán de 2020 deron a oportunidade única de estudar un escenario real con niveis menores de contaminación do aire”, apunta á Agencia SINC Rochelle Schneider, investigadora do LSHTM e primeira autora do estudo, quen destaca: “Este e outros estudos similares poden axudar a trasladar a mensaxe de que definitivamente hai que mellorar a calidade do aire urbano tanto pola saúde humana como polo medioambiente”.

Pola súa banda, Vincent-Henri Peuch, director do Servizo de Vixilancia Atmosférica de Copernicus (CAMS), engade que as conclusións son extremadamente importantes porque consolidan a evidencia cuantitativa de que as medidas gobernamentais relacionadas coa covid “tiveron un efecto directo sobre os niveis de contaminación do aire en Europa, sobre todo polo que se refire ao NO2”.


Referencia: Differential impact of government lockdown policies on reducing air pollution levels and related mortality in Europe (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Denuncian que o poste dun pantalán leva máis dun mes na praia de Carril

Limpiarousa e Noia Limpa advirten que está composto por "materiais contaminantes" e acusan falta de compromiso ás administracións

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Atopados os vestixios máis antigos da presenza humana en Europa nunha zona de Ucraína

As ferramentas paleolíticas achadas no xacemento de Korolevo quedaron enterradas hai 1,42 millóns de anos

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún