Investigadoras do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) participaron nun estudo internacional que analiza como nenos e nenas con parálise cerebral unilateral empregan a tecnoloxía no seu día a día e como perciben as súas familias o uso de dispositivos como tablets, teléfonos móbiles ou videoconsolas no fogar. O traballo recolle as experiencias de familias de menores de entre 3 e 7 anos que padecen esta enfermidade en diferentes comunidades autónomas españolas. Os resultados amosan que moitos empregan ambas mans de maneira máis espontánea cando interactúan con xogos, aplicacións ou dispositivos que lles resultan motivadores. Segundo describen as familias participantes, o interese que esperta a tecnoloxía favorece que os nenos intenten integrar a man afectada en actividades cotiás, especialmente naquelas que requiren o uso das dúas mans.
O estudo tamén identifica barreiras importantes. Moitos dispositivos non están adaptados ás necesidades motoras destes nenos: o tamaño dos botóns, a sensibilidade das pantallas táctiles ou a necesidade de movementos precisos poden dificultar o uso e provocar frustración. As familias valoran especialmente aquelas ferramentas tecnolóxicas que poden favorecer a participación e o uso funcional da extremidade afectada sen facer que os nenos se sintan diferentes dos seus iguais.
A investigación conclúe que adaptar tecnoloxías xa presentes nos fogares podería contribuír a complementar a rehabilitación en contornas naturais e motivadoras, sempre cun uso supervisado e adecuado á idade dos menores. No estudo colaborativo ca Manchester Metropolitan University, Universidade de Castela-A Mancha e Universidade Miguel Hernández participaron a investigadora Verónica Robles García e a investigadora predoutoral Irene Gonzázlez Eiroa do grupo NEUROCOM.
Referencia: Caregiver perspectives on daily use of technology in young children with unilateral cerebral palsy in Spain: a qualitative study (Publicado en Disability and Rehabilitation: Assistive Technology)














