Aire polar, vagadas e a ameaza dunha DINA: así será o tempo en Galicia durante a semana

A segunda semana de xuño comeza cun ambiente fresco potenciado polo vento marítimo e evolucionará cara a temperaturas máis elevadas a partir do xoves

Galicia vivirá nas vindeiras xornadas unha semana marcada pola inestabilidade e os contrastes atmosféricos. Tras uns días nos que as temperaturas comezaron a ascender de forma xeralizada en toda a península, a comunidade galega situarase no epicentro dun choque de masas de aire de distinta natureza. Esta situación meteorolóxica interromperá temporalmente o ambiente estival que se comezaba a respirar, devolvendo ao noroeste peninsular un escenario máis propio da primavera.

O arranque da semana estará condicionado pola chegada dunha masa de aire de orixe polar marítimo, que irrumpirá con forza polo norte peninsular a partir do martes. Este aire, de carácter fresco e húmido, provocará un aumento significativo da nubosidade en todo o territorio galego. Ademais, favorecerá a aparición de precipitacións que afectarán principalmente á metade norte da comunidade. Dende Meteored informan que en zonas elevadas do norte peninsular varias vagadas (linguas de aire frío en altura) deixarán treboadas intensas.

Publicidade

Un inicio de semana fresco

A consecuencia máis directa desta entrada de aire polar será un notable descenso térmico entre o martes e o xoves. Mentres que o sur do país rexistrará valores que rozarán os 40 graos, o termómetro galego experimentará unha pausa nesta subida. Nestas xornadas, espérase que as temperaturas máximas atopen serias dificultades para superar a barreira dos 25 graos nas zonas máis expostas ao vento do norte.

Esta tregua térmica virá acompañada dun reforzo dos ventos de compoñente norte e noroeste, o que incrementará de forma notable a sensación de frescor en toda a comunidade. Dende Meteored lembran que este fenómeno encaixa nas tendencias de <cambio meteorolóxicas habituais: “A atmosfera de cara ao comezo da semana recordaranos que aínda estamos nesa época de transición previa ao periodo cálido e seco do verán”. Se ben é certo que o verán climatolóxico comezou o pasado 1 de xuño, a rede de meteoroloxía explica que a presenza de aire de orixe polar no norte non é estraña nesta época.

Publicidade

A chegada do ‘40 de maio’

O refraneiro popular recolle que ‘ata o 40 de maio, non quites o saio’. Esa data está a caer e, con ela, chegan as temperaturas máis propias do periodo estival. A partir do mércores as choivas irán remitindo de forma progresiva, dando paso a unha estabilización do tempo de cara á xornada do xoves. Co fortalecemento das altas presións no norte da península, os ceos galegos irán despexando e o sol gañará protagonismo, permitindo que as horas de insolación propias da proximidade do solsticio de verán comecen a recuperar o terreo perdido.

Con isto, os termómetros iniciarán un ascenso gradual a partir da segunda metade da semana. As temperaturas diurnas irán recuperando valores máis estivais e agárdase que as máximas se sitúen por enriba dos 25 graos en amplas zonas da comunidade, chegando mesmo aos 31 graos o xoves en Ourense.

Unha DINA na fin de semana

Non obstante, a tranquilidade meteorolóxica do tramo final da semana podería verse truncada de cara ao venres e a fin de semana. Algúns modelos de predición apuntan que, cun chorro polar máis ondulado, a formación dunha vagada no Atlántico podería chegar a desgallarse da circulación xeral do oeste, dando lugar á formación dunha DINA (Depresión Illada en Niveis Altos) nas inmediacións peninsulares.

Se finalmente se cumpre este prognostico, a inestabilidade volverá repuntar con forza a partir do sábado en todo o cuadrante noroeste. A presenza desta DINA podería impulsar a chegada de aire máis cálido combinado con po en suspensión, favorecendo o crecemento de nubes de evolución e o desenvolvemento de tormentas extensas e localmente intensas durante as tardes, o que pecharía unha semana de constantes cambios meteorolóxicos en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dun anticiclón a ondulacións do chorro polar: unha dina pechará a semana en Galicia

O sábado caen as temperaturas, tanto as máximas, que non superarán os 20 graos na maior parte do territorio galego, como as mínimas, que acadarán os 9 no interior

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Unha cicloxénese explosiva no Atlántico deixa avisos por choiva e vento en Galicia

Meteogalicia advirte que haberá refachos de máis de 100 quilómetros por hora na Costa da Morte e acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado no litoral

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto