Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

A asociación Hispania Nostra inclúe na súa Lista Vermella do Patrimonio a Igrexa antiga de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro, ambas situadas no concello coruñés de Santiso, polo seu avanzado estado de deterioración e o risco de perda dos seus valores históricos, arquitectónicos e patrimoniais. Con estas novas incorporacións, Galicia acada os 91 elementos en risco e sitúase como a sexta comunidade autónoma con máis bens incluídos nesta listaxe.

Os dous inmobles, construídos durante o século XVIII, representan distintas manifestacións do patrimonio galego. Mentres a igrexa de Vimianzo foi durante anos o centro relixioso e social da localidade, a Casa Grande do Ribeiro constitúe un dos exemplos das antigas residencias fidalgas que poboaron a comarca de Terra de Melide.

Publicidade

Unha igrexa barroca abandoada dende 2008

Construída baixo a advocación de Santa Maria, a igrexa antiga de Vimianzo serviu durante séculos como eixo da vida da localidade, ademais de acoller enterramentos no seu atrio. En 2008 foi abandoada definitivamente e os seus retablos e bens mobles trasladáronse a unha nova igrexa construída a escasos metros.

O templo presenta unha única nave cuberta orixinalmente a dúas augas, un presbiterio rectangular e unha sacristía adosada á testeira posterior. A súa sinxela fachada principal, executada con perpiaños vistos, está organizada arredor dunha porta alintelada, un oco vertical e unha espadaña dun só van coroada por pináculos. No seu interior aínda conserva unha pila de auga bendita de granito.

Publicidade

A ausencia de cuberta, a exposición da sacristía á intemperie, a invasión de vexetación e a presenza de importantes derrubamentos e gretas nos seus muros están provocando a deterioración progresiva do inmoble. Pese a estar catalogada conforme á Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, a igrexa require unha intervención que free a súa degradación.

  • Interior da antiga igrexa barroca de Vimianzo. Foto: Hispania Nostra
  • Interior da antiga igrexa barroca de Vimianzo. Foto: Hispania Nostra
  • Interior da antiga igrexa barroca de Vimianzo. Foto: Hispania Nostra

Unha residencia fidalga ameazada por derrubamento

A Casa Grande do Ribeiro é unha das antigas moradas de fidalgos que se alzaron na comarca de Terra de Melide, na beira do río Ulla e dentro da histórica xurisdicción de Abeancos. Fronte ao pazo sitúase a capela de Nosa Señora de Loreto, fundada en 1765 por Domingo Antonio Concheiro Bolaño, clérigo pertencente á casa.

O conxunto está formado por unha construción rectangular de planta baixa e semisoto, acompañada de distintas edificacións auxiliares. Entre os seus elementos máis singulares destaca unha gran cheminea coroada por pináculos e ánforas de cerámica, convertida nunha das principais sinais de identidade do inmoble. Tamén conservan restos dun patín con columnas e de dous hórreos situados no patio doméstico.

  • Interior da Casa Grande do Ribeiro. Foto: Hispania Nostra
  • Interior da Casa Grande do Ribeiro. Foto: Hispania Nostra
  • Exterior da Casa Grande do Ribeiro. Foto: Hispania Nostra
  • Exterior da Casa Grande do Ribeiro. Foto: Hispania Nostra

A construción dunha présa durante a década de 1950 provocou que o pazo perdese parte dos seus terreos e terras de cultivo. Nos anos setenta foi abandoado como vivenda e varias das construcións agrícolas vinculadas ao conxunto foron derrubadas para ampliar e rectificar os camiños da aldea.

Actualmente, a Casa Grande do Ribeiro atópase completamente abandoada, sen teitume nin forxados e cuberta pola vexetación. Na capela aparecen acumulados sobre a mesa do altar restos de madeira do seu antigo retablo, mentres que os hórreos están parcialmente derrubados. O risco de colapso afecta a todo o conxunto e fai necesaria unha intervención urxente para evitar a súa desaparición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro