A medicina rexenerativa é cada vez máis punteira, e dende Galicia existen proxectos como ORALREGENERIX que o demostran. Liderado polo grupo Advanced Biofab do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), esta iniciativa trata de buscar a solución para un problema clínico nun ámbito pouco explorado: a odontoloxía. Cando os dentistas quitan desperfectos na boca, o óso tarda ata seis meses en rexenerarse, tempo durante o cal o paciente debe vivir con limitacións, sobre todo no ámbito alimenticio. Así nace un biopen que poderán usar os profesionais no consultorio para poder imprimir a peza dental no lugar necesario e cubrir mellor o oco coa forma específica do desperfecto de cada paciente, grazas á bioimpresión 3D.
Detrás desta idea pioneira está un trio de tres científicos: Daniel Nieto, o investigador principal, contratado pola Xunta de Galicia a través do programa Oportunius; Nadina Usseglio, investigadora e farmacéutica; e Alberto Otero, odontólogo. Este grupo interdisciplinar creará a solución: “Neste momento estamos a desenvolver unha tinta para que a rexeneración sexa máis rápida“, sinala Usseglio. O proxecto está nunha fase inicial, onde están a desenvolver os prototipos de biopen e iniciando os procesos regulatorios para confirmar a seguridade do dispositivo.
Así, a causa da súa relevancia, o proxecto ORALREGENERIX conta co apoio do programa Ignicia Proba de Concepto, promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Xunta de Galicia, a través dun financiamento superior aos 400.000 euros baixo o obxectivo futuro de crear unha spin-off para poder comercializar o produto. “É unha axuda fundamental, sobre todo para poder acceder ao plan de negocio; vai máis aló do que adoitamos facer en investigación”, subliña a promotora.
De traumatismos a patoloxías periodontais
A rexeneración por biopen favorecería a todo tipo de afectados: “Poden ser pacientes que perdan a peza dental por patoloxía ou por traumatismo“, explica Nadina Usseglio. Tamén aplica a aquelas persoas ás que lles medran os dentes en dirección transversal, o que xera un oco no óso que se debe rexenerar para aplicar o implante.
Así, as compliacións durante o proceso de recuperación dependen de cada paciente e de como se leve a cabo o tratamento. Como norma xeral, non poden comer con normalidade, alimentándose en base a unha dieta branda, sobre todo nos casos de desperfectos moi acentuados. Noutros pacientes, o problema pode solventarse mastigando cos outros dentes. Con todo, a boca ten un problema: non pode quedar quieta, fenómeno que se acentúa con actos involuntarios como o bruxismo. “ORALREGENERIX fai unha achega novidosa, tratando de romper o reto dos tempos e mellorar a calidade de vida do paciente”, explica a investigadora.
O futuro da bioimpresión 3D
“En xeral, a medicina rexenerativa está a avanzar moito na clínica”, apunta Usseglio. Con todo, ao tratarse dunha tecnoloxía que se aplica directamente nos tecidos do paciente, o proceso ata chegar á comercialización e uso é máis lento. “Pode aportar moito aos tratamentos”, apunta. Por iso, no proxecto, Daniel Nieto aporta a experiencia no desenvolvemento de tecnoloxías de bioimpresión 3D e Nadina Usseglio garante como facer a rexeneración sen que a ferida se infecte; “a figura fundamental é o noso compañeiro dentista, que é quen está na consulta”, subliña. Segundo apunta a investigadora, a causa de que a boca é un lugar complicado para traballar, a participación de Alberto Otero permite matizar as funcións do biopen que non serven na práctica por unha posible incomodidade do paciente.
Un longo percorrido
O obxectivo, segundo o equipo de ORALREGENERIX, é que a spin-off poida estar lista para decembro do ano 2027. “Estamos facendo todo o posible”, engade Nadina Usseglio, no medio dun longo camiño descoñecido para ela de procesos administrativos, patentes e próximos ensaios clínicos. “Ademais do apoio da Xunta de Galicia, que é moi importante, tamén buscamos máis sustento económico en roldas de investimento”, apunta. Así, reforzarán o equipo coa incorporación dun CEO proximamente.
Así, para a investigadora, o maior reto aínda non foi científico, senón regulatorio: “A investigación aplicada é un desafío en todos os aspectos”, indica, con especial fincapé nos produtos médicos, xa que as medidas de seguridade que hai que asegurar deben ser máis perfectas para que o produto non teña efectos negativos sobre o paciente. “Ao final deste proxecto queremos reducir os tempos de curación do paciente cun tratamento máis localizado e preciso“, conclúe Nadina Usseglio.














