Un novo avance galego revoluciona a rexeneración ósea en odontoloxía

O investigador da USC Mario Pérez Sayáns presentó os resultados clínicos de Galibone+, un produto sanitario obtido tras anos de investigación

O investigador principal do grupo Patoloxía Médico-Cirúrxica Oral e Maxilofacial (ORALRES) da USC e do IDIS, Mario Pérez-Sayáns, presenta no Salón Internacional de Equipos, Produtos e Servizos Dentais, Expodental 2026, os resultados do ensaio clínico de Galibone+, un produto sanitario de clase III con medicamento desenvolvido xunto á Universidade de Murcia (UMU) e a empresa Galimplant. Trátase dun biomaterial para rexeneración ósea composto por fosfato beta-tricálcico, hidroxiapatita e un principio activo farmacolóxico, cuxa formulación foi froito de anos de investigación. ”O proxecto abordouse desde unha perspectiva integral, combinando estudos de caracterización fisicoquímica, ensaios biolóxicos in vitro e avaliación preclínica in vivo finalizada cun ensaio clínico en humanos (AEMPS)”, sinala Pérez-Sayáns.

Os resultados avalan a eficacia e seguridade do produto no ámbito clínico. “O traballo desenvolvido con Galibone+ xerou unha base científica sólida que apoia o seu potencial uso en aplicacións odontolóxicas e maxilofaciais, especialmente en procedementos relacionados con rexeneración ósea, preservación alveolar, defectos óseos ou cirurxía implantolóxica”, explica o investigador do IDIS. “Todo iso sitúa o proxecto como un exemplo de investigación traslacional, na que os resultados obtidos no laboratorio avanzan cara a unha posible aplicación clínica real”, indica o doutor Pérez Sayáns, investigador principal xunto con Fabio Camacho Alonso.

Publicidade

Desenvolvemento do proxecto Galibone+

O proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, comezou con probas fisicoquímicas para analizar as propiedades do material, a súa composición, o seu comportamento estrutural e a súa idoneidade para aplicacións biomédicas. Estes estudos permitiron comprobar a súa estabilidade, as súas características de superficie e outros parámetros clave relacionados coa súa interacción coa contorna biolóxica.

Posteriormente, realizáronse estudos en liñas celulares (osteoblastos, osteoclastos, células de endotelio vascular) para avaliar a súa biocompatibilidade e a súa capacidade para favorecer respostas celulares relevantes nos procesos de reparación e rexeneración tisular. Os resultados obtidos apoian o interese do material como soporte para a adhesión, proliferación e actividade celular, aspectos esenciais no contexto da rexeneración ósea.

Publicidade

Ademais, o proxecto incluíu estudos en modelo animal (tibia de coello de Nova Zelandia Albino), fundamentais para valorar o comportamento do biomaterial en condicións máis próximas á práctica clínica. Estes ensaios permitiron analizar a súa integración no tecido, a súa resposta biolóxica e o seu potencial para contribuír á formación e reparación ósea.

Como parte do seu desenvolvemento traslacional, Galibone+ foi tamén avaliado nun ensaio clínico aleatorizado e cego, utilizando un modelo de terceiros molares incluídos. Este enfoque permitiu estudar a súa aplicación nun escenario clínico controlado, especialmente útil para valorar parámetros relacionados coa resposta tisular, a cicatrización e a rexeneración ósea tras a intervención cirúrxica. A utilización deste modelo achega solidez metodolóxica, ao tratarse dunha situación clínica frecuente, ben protocolizable e axeitada para obter evidencia comparativa sobre a seguridade e o potencial terapéutico do biomaterial. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos