Reino Unido acendeu todas as alarmas dende que o mércores 18 de marzo se notificara un gromo de meninxite na cidade de Canterbury, no condado de Kent e ao sueste de Inglaterra. Segundo os datos achegados polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) hai unha vintena de casos activos e dous falecidos. A investigación sobre o gromo apunta a súa orixe nunha discoteca da cidade inglesa, e tamén se rastrexaron vínculos coa Universidade de Kent. En Francia tamén se notificiou un caso que parece estar vinculado co gromo en Reino Unido. De momento, o ECDC considera que o risco de que a enfermidade salte ao resto de Europa “é moi baixo”.
“A probabilidade de exposición e infección na poboación xeral é insignificante. Para as persoas expostas a este evento en Kent que xa foran vacinadas contra o meningococo B, a probabilidade de infección é baixa, xa que están protexidas pola vacina; entre as persoas expostas non vacinadas, o risco de infección é moderado”, informa o ECDC en nota de prensa. Dende o organismo europeo recomendan administrar antibióticos preventivos e vacinación ás persoas próximas aos casos notificados, sempre cunha avaliación previa do risco individual. Indican, tamén, que se transcorreron máis de 10 días dende a data da exposición, o risco de contraer a enfermidade diminúe considerabelemente, dado que se corresponde co período de incubación.
Alta taxa de mortalidade
Este gromo, asociado a asistentes dunha discoteca de Canterbury entre o 3 e o 7 de marzo, correspóndese coa enfermidade meningocócica invasiva que está causada pola bacteria Neisseria meningitidis, cunha alta taxa de mortalidade. Cando ingresa no torrente sanguíneo pode provocar enfermidades como a meninxite, que é a inflamación das membranas que rodean o cerebro e a medula espiñal; e tamén sepse, que é unha infección xeneralizada no sangue. “A enfermiadde meningocócica progresa rapidamente e pode ser mortal se non se detecta e trata con antibióticos a tempo”, sinalan dende o organismo europeo.
O ECDC tamén aclara que os gromos provocados por esta bacteria adoitan producirse en lugares onde se congrega moita xente, como pode ser unha discoteca. Así mesmo, aínda que se poidan producir casos secundarios, a enfermidade non se propaga coa mesma rapidez que a dun virus respiratorio. A infección ten maior incidencia en nenos pequenos, adolescentes e adultos novos, así como lactantes menores dun ano. Segundo datos achegados polo organismo, na Unión Europea notifícanse de media uns 2.000 casos ao ano cunha taxa de mortalidade de arredor do 10%.













