Galicia será pioneira en reforzar a vacina contra a meninxite aos 12 anos a partir de maio

Sanidade incorporará ao calendario vacinal unha dose adicional na adolescencia para reducir contaxios e avanzar na erradicación da enfermidade

Galicia converterase na primeira comunidade que amplía a protección fronte ao meningococo B coa inclusión no calendario de vacinación dun reforzo aos 12 anos a partir do próximo mes de maio. Así se reflicte nun informe presentado pola Consellería de Sanidade durante a reunión do Consello da Xunta, que recolle a necesidade de reducir a posibilidade de contaxios na adolescencia, xa que a meninxite é unha das enfermidades infecciosas máis graves, cunha mortalidade de arredor do 10% e secuelas permanentes, como amputacións ou danos neurolóxicos ata no 20% dos superviventes. Galicia foi pioneira na posta en marcha de medidas contra esta doenza, incluíndo historicamente vacinas como a do meningococo C, ACWY e, máis recentemente, a do meningococo B en lactantes.

Con todo, a protección da adolescencia constitúe o paso final e necesario para o cumprimento do obxectivo da Organización Mundial da Saúde de derrotar a meninxite como problema de saúde pública en 2030. Ademais, esta medida é unha recomendación do Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pediatría. A vacinación aos 12 anos responde á relevante carga de enfermidade asociada a este serogrupo, responsable historicamente dunha gran parte dos casos de enfermidade meningocócica invasiva tanto en España como en Galicia.

Publicidade

É pouco frecuente pero de extrema gravidade, caracterizada por unha evolución rápida e potencialmente mortal. Pode manifestarse principalmente en forma de sepse ou meninxite, aínda que tamén pode dar lugar a outras presentacións clínicas graves, con importantes secuelas a longo prazo nos superviventes, como discapacidade neurolóxica, perda auditiva ou amputacións.

Vacinación de reforzo

A incorporación ao calendario vacinal realizarase de forma sistemática a partir do 1 de maio, cando nenas e nenos fagan 12 anos, coincidindo coa administracións doutras vacinas como a do meningococo ACWY ou a do virus de papiloma humano. Polo tanto, este ano corresponderalle a arredor de 21.900 adolescentes nados en 2014.

Publicidade

Representan un grupo de poboación clave na transmisión, polo que a medida pode favorecer unha diminución sostida da incidencia. Administrarase unha única dose cando se dispoña da pauta completa (vacinación aos dous meses, aos catro meses e reforzo aos 12 meses) ou ben dúas doses cando non se teña completada a pauta infantil. Así, a vacinación en adolescentes xustifícase mantén a protección, dado que a resposta inmunitaria inducida na infancia diminúe ao longo do tempo. Esta administración funciona como dose de reforzo, optimizando a persistencia de anticorpos nun período de maior interacción social e exposición.

A vacina fronte ao meningococo B, ademais, confire un grao de protección cruzada fronte á infección por gonococo. Nunha etapa vital onde as infeccións de transmisión sexual representan un desafío crecente, a protección fronte á gonorrea supón un beneficio secundario de enorme importancia para a saúde pública xuvenil.

Situación epidemiolóxica

A transmisión da enfermidade meningocócica invasiva prodúcese a través do contacto directo coas secrecións respiratorias dunha persoa infectada. O meningococo pode colonizar a nasofarinxe de forma asintomática durante períodos prolongados. Calcúlase que unha proporción relevante da poboación pode ser portadora nasofarínxea en determinados momentos, aínda que menos do 1% destas persoas desenvolverá finalmente enfermidade invasiva.

Segundo os datos de vixilancia epidemiolóxica correspondentes ao ano 2025, en Galicia hai un descenso sostido de casos, sobre todo desde o ano 2000. Este descenso é máis evidente na poboación infantil e xuvenil, compatible co impacto positivo da vacinación na infancia, ademais doutros factores. Na temporada 2024-2025 detectáronse 5 casos de enfermidade menigocócica polo serogrupo B, un dos cales se deu na franxa de 10-14 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite