Martes 17 Xuño 2025

Galicia, pioneira en usar a vacina da meninxite B contra a gonorrea: “A expansión entre a xente nova é enorme”

A medida servirá de referencia ante o vertixinoso aumento de afectados por infeccións de transmisión sexual

A Consellería de Sanidade anunciou que implementará a vacina da meninxite B para poder frear o número crecente de casos de gonorrea. A posibilidade que se ofrecerá a partir do mes de xuño é pioneira en todo o mundo, xa que será o primeiro sistema sanitario en aplicala. Iso si, non é a primeira administración en anuncialo: Reino Unido tamén afirmou que utilizará este método en agosto deste mesmo ano.

“É boa idea, aínda que non teña unha efectividade do 100%”, asegura a inmunóloga África González. Aínda así, a tamén catedrática da Universidade de Vigo considera que a base das campañas debe ser comunicar e recordar á poboación, especialmente á xente moza, a importancia da prevención. “A vacina ten un certo grao de protección, pero hai que estar concienciado de protexerse nas relacións sexuais”, afirmou a experta.

Publicidade

Grande expansión entre a xente moza

A intención é aumentar as formas de protexer a cidadanía ante o aumento desorbitado das infeccións por gonorrea. O número de contaxios situábase, en 2016, nos 148 doentes. Sete anos despois (os últimos datos dispoñibles) hai 6,4 veces máis casos. Alcanzan así os 944 diagnosticados, segundo o informe Vixilancia epidemiolóxica de infeccións de transmisión sexual en España. As taxas por habitante tamén se disparan: pasa dos 5,4 afectados ata os 35 por cada 100.000 cidadáns. Ademais, este aumento foi exponencial: en apenas dous anos multiplicouse por catro.

Hai unha enorme expansión de casos na xente nova”, asegura González. A científica cre que aínda hai unha baixa cultura de protección fronte a estas enfermidades. Por iso, aposta por que a campaña de vacinación vaia acompañada doutra de concienciación, algo que desde a Consellería de Sanidade tamén confirman a este diario.

Publicidade

Galicia sitúase, con respecto a outras comunidades, por debaixo da media. As cifras son moito máis alarmantes en Cataluña, con 165,30 casos por cada 100.000 habitantes. Aínda así, a maior preocupación é o aumento xeral dos índices en practicamente todos os lugares. Algunhas comunidades aínda teñen un incremento menor, como Aragón. No caso de Galicia e outras rexións, as taxas multiplícanse ano tras ano, sen saber cando alcanzaremos o posible pico ou cando se reducirá a incidencia.

A resistencia aos antibióticos, unha gran preocupación

A gonorrea é especialmente preocupante porque, cada vez máis, certas cepas son resistentes aos antibióticos tradicionais. E mentres medra esta inquietude, a taxa de infectados é xa seis veces superior á rexistrada en 1995, segundo indica o último informe de vixilancia epidemiolóxica. De aí que moitos estudos estean a probar fórmulas innovadoras para frear a enfermidade. É o caso, por exemplo, da gepotidacina. Este é un medicamento en probas que, segundo detallan desde a Axencia SINC, é destacable como alternativa ante o mal uso dos antibióticos. Segundo os ensaios, feitos maioritariamente en homes brancos, conta cun 92,6% de fiabilidade.

“O aumento de infeccións de transmisión sexual nos últimos anos é escandaloso”, manifestaba a xinecóloga Efigenia Arias Baltar hai un ano a este diario. Doce meses despois e ante o empeoramento da situación, a Xunta propón utilizar a vacina contra o meningococo B. Non hai ningunha forma de inmunización moi eficaz, pero esta opción ofrece unha protección parcial situada ao redor do 40%, segundo un estudo publicado por The Lancet.

Centrado nas persoas con moitas parellas sexuais

A investigación publicada na revista británica tamén destaca a elevada efectividade de vacinar a aqueles que teñan unha maior actividade sexual ou que poidan ser persoas de risco. De feito, é relativamente similar á inmunización da poboación completa. É por isto que a medida publicada pola administración galega está pensada para este sector da cidadanía. É dicir, aquelas con antecedentes de enfermidades deste tipo ou con máis de cinco parellas sexuais.

O pasado día 21 de maio tamén se publicou un estudo en Science Translational Medicine no que se detallaban con profundidade certas causas desa protección parcial da vacina contra a meninxite B no seu uso contra a gonorrea. Este aludía á semellanza entre as dúas bacterias que provocan estas enfermidades. “Aínda que diferentes, ambas comparten certas bases”, explica González, que recorda que hai argumentos científicos para a aplicación da vacina.

Aumento desenfreado das enfermidades de transmisión sexual

Os últimos informes publicados non só preocupan polo incremento dos casos da gonorrea. No caso da clamidia, Galicia comezou a rexistrar os datos o ano pasado. En total, diagnosticou un total de 1.085 doentes e unha taxa de 40,19 por cada 100.000 habitantes. A tendencia en España é dun aumento progresivo, pasando dos 7.239 doentes en 2016 ata os 36.983 rexistrados en 2023.

Un crecemento máis leve pero igual de sostido rexístranse nos casos de sífilis. Estes duplicáronse en Galicia nos últimos sete anos. A nivel nacional, triplicáronse. O aumento de doentes de enfermidades de transmisión sexual é unha preocupación crecente nas administracións públicas. A Xunta proba esta medida que, por outra banda, será observada por outras comunidades. Agora, os próximos informes dirán se conseguen frear o preocupante ascenso dos últimos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do paraíso natural á extinción local: cando se perderon todos os esturións do río Miño

Seis décadas despois da desaparición dos sollos en Galicia, as administracións continúan sen aplicar un plan para recuperar a especie

Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas

O aire africano activa a alerta laranxa: Galicia roldará os 40 graos nestas zonas

O martes e o mércores serán os días máis cálidos, con temperaturas abafantes nos concellos limítrofes co Miño de Ourense e Pontevedra