A gonorrea aumentou un 350% en Galicia en seis anos: “Pode estar infradiagnosticada”

A xinecóloga Efigenia Arias alerta do "aumento escandaloso" de infeccións de transmisión sexual e relaciónao coa perda do medo fronte á sida

“O aumento de infeccións de transmisión sexual nos últimos anos é escandaloso”, asevera a xinecóloga Efigenia Arias Baltar. Na súa consulta do Hospital de Santiago está a tratar, cando menos, tres casos semanais de gonorrea. Algo semellante acontece coa clamidia e a sífilis. A súa non é só unha impresión, senón unha realidade que se traduce en cifras devastadoras. Un informe do Instituto de Saúde Carlos III sinala que a gonorrea aumentou en Galicia un 350% entre 2016 e 2022, os últimos anos dos que se teñen datos, dado que se pasou de 148 a 670 casos. A sífilis tamén experimentou un incremento significativo, pero non tan exponencial. No mesmo período de tempo, notificáronse en Galicia un 57% máis de casos, é dicir, pasouse de 127 a 199 contaxios. O documento non especifica cantas infeccións por clamidia houbo, mais Efigenia Arias asegura que tamén se está a producir unha explosión de casos. “Non sei se os datos reflicten de todo a realidade. As ITS poden estar infradiagnosticadas”, apunta.

Con todo, a situación non é exclusiva de Galicia, senón do mundo. Sen ir máis lonxe, o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) lanzou un aviso a comezos de xuño polo aumento de ITS en toda Europa. Segundo indica o propio organismo, os datos publicados en marzo deste ano “revelaron tendencias preocupantes na transmisión de infeccións como a clamidia, a gonorrea a sífilis”. Por iso, o ECDC insta á poboación europea a practicar sexo seguro e con protección durante as vacacións do verán. Precisamente, este é o punto no que pon máis énfase Efigenia Arias, dando unha posible explicación ao aumento exponencial e xenérico das ITS: “Cada vez úsanse menos os métodos barreira, como o preservativo”.

Publicidade

As hipóteses detrás do incremento

“Nos anos 90 había moito medo á sida e case todo o mundo usaba preservativo. Conforme a súa incidencia foi baixando e apareceron mellores tratamentos, perdeuse o medo. Por iso as novas xeracións usan menos os métodos barreira ou os usan parcialmente. É dicir, só no momento da exaculación”, explica a profesora de Obstetricia e Xinecoloxía da Universidade de Santiago (USC). Outra das hipóteses que baralla para poder entender este forte incremento de ITS nos últimos anos, é a perpetuación dunha crenza: que o preservativo provoca perda de sensibilidade. Como non é substituíble, prescíndise del. “Hai unha falta absoluta de educación sexual. Non entenden o gravísimo risco destas infeccións nin cales son as súas consecuencias a longo prazo”, sostén.

Outra das teorías que están sobre a mesa está relacionada coa pandemia. Segundo explica Efigenia Arias, despois da Primeira Guerra Mundial produciuse un gran aumento de ITS, especialmente de sífilis. “Tiñan a sensación de que se acababa o mundo e de que había que aproveitar a vida”, expón, comparando os comezos do século XX co que aconteceu hai catro anos. As experiencias traumáticas colectivas, tal e como traslada a experta, poden ser un dos motivos que estean detrás desa asunción completa do risco, e de exporse innecesariamente a unha ITS. De feito, segundo os datos presentados nun congreso ao que asistiu, a prevalencia de clamidia en Londres é dun 5% en adultos novos. “Isto significa que se nun momento dado vas a unha discoteca chea de mozos e mozas e lle colles ouriña, o 5% van dar positivo”, matiza.

Publicidade

Falta de educación sexual

A aceptación do risco tamén está directamente relacionada co descoñecemento. A falta de educación sexual que acusa Efigenia Arias vén, precisamente, de que moitas persoas non asocian as ITS coas graves consecuencias que poden causar a longo prazo. É dicir, poden relacionar a sífilis a feridas nos xenitais pero non aos aneurismas, ás cardiopatías e aos trastornos neurolóxicos que pode causar a anos vista. De igual modo acontece coa gonorrea e coa clamidia, cuxos síntomas iniciais poden ser secrecións vaxinais e proídos durante as relacións sexuais, entre outros, mais non se pensa na infertilidade que poden provocar polos danos ocasionados nas trompas de Falopio. “A xente nova ve a fertilidade moi a longo prazo ou incluso algo ao que se pode renunciar. E, se non, pensan que hai técnicas que permiten que todo o mundo poida ter fillos”, teoriza.

De igual modo, a crenza xeral asociada as ITS a persoas con poucos recursos e, tamén, á xente máis nova. Porén, a profesora da USC detecta un cambio no perfil de doentes: está a afectar a todos os sectores da poboación, e por conseguinte, a todas as idades, malia que haxa algunhas enfermidades, como a clamidia, que teñen unha incidencia máis alta na xente máis nova. De feito, un caso que tratou máis dunha vez en consulta é o dunha muller de máis de 40 anos nunha fase previa á menopausia. A doente pregunta se pode quedar embarazada e a reposta é que, malia o difícil que sería, non se pode descartar. O certo é que a paciente queda con persoas descoñecidas a través de plataformas en liña, e cre que é máis probable que atope parella se manifesta no seu perfil que non emprega métodos barreira nas súas relacións sexuais. “Non só é unha forma de controlar ás mulleres, senón que elas están dispostas a sacrificar a súa propia seguridade”, lamenta a xinecóloga.

Esta non é a única práctica sexual de risco. Nos congresos aos que asiste periodicamente a investigadora da USC abórdase, por exemplo, “el juego del muelle”, unha perigosísima práctica de sexo heterosexual e adolescente na que moitos rapaces e poucas rapazas manteñen relacións sen protección. Algunhas quedan embarazadas e a cuestión é non saber quen é o pai. Ou ben, as quedadas para manter sexo en grupo con individuos que teñen VIH. E iso si, facelo sen protección. “É como unha ruleta rusa. Posteriormente solicitan quimioprofilaxe para evitar a transmisión do virus”, indica a xinecóloga.

Máis alá das consecuencias

As prácticas sexuais de risco, incluíndo o abandono dos métodos de barreira, son algúns dos factores que están detrás deste aumento significativo das ITS. Pero non só se están rexistrando cada vez máis casos de clamidia, gonorrea e sífilis, senón que tamén se comezan a ver claramente as súas consecuencias a longo prazo. Por exemplo, as dúas primeiras infeccións poden causar o que se denomina “enfermidade inflamatoria pelviana”. “É un absceso de pus nas trompas, como se tiveras unha apendicite ou peritonite nesta zona”, explica. A cuestión está en que é unha secuela de ITS que se contraeron anos atrás, que provocaron a acumulación de secrecións e derivaron nun dano nas trompas. “A taxa multiplicouse tremendamente. En toda a miña residencia atendín unha ou dúas. Agora, ao mellor, teño tres casos ao mesmo tempo de mulleres de todas as idades”, expón.

Malia as secuelas que poden provocar, con infeccións que poden derivar en sepse e, por tanto, na morte, Efigenia Arias non cre que haxa moita marxe de manobra para corrixir esta situación. “É un tema difícil de abranguer. Unha alumna miña, Clara Callado, fixo un traballo de educación sexual a través de Tiktok e Instagram. Demostrou que aumentaban os coñecementos dos usuarios pero que non modificaban moito as súas condutas”, lamenta a xinecóloga. De igual modo, cre que as campañas de saúde pública tampouco están a ser o suficientemente efectivas, o que deriva nun problema moi difícil de abordar e que suma cada vez máis casos.

Outras enfermidades

Máis alá da gonorrea, a sífilis e a clamidia, hai outras enfermidades que se transmiten por vía sexual como, por exemplo, as hepatites. Efigenia Arias cre que a dispoñibilidade de vacinas ante este tipo de doenzas hepáticas axuda, de novo, a perder o medo, malia que a longo prazo poidan derivar en cancros incurables ou transplantes de fígado. De igual modo, o VIH segue aí, pero o forte descenso nas últimas décadas e a posibilidade de administrar tratamentos efectivos motiva a exposición ao risco. Finalmente, o virus do papiloma humano (VPH), a primeira causa de cancro de cérvix, presenta as súas particularidades, dado que se pode transmitir aínda usando métodos barreira. A este respecto, Efigenia Arias pon o foco na vacinación: “Non evita a infección, pero si as complicacións derivadas do virus. No caso do SARS-CoV-2, as hospitalizacións. No caso do VPH, os cancros”.

A abordaxe deste aumento exponencial de ITS é complicada. Non só o di a profesora da USC, senón que é unha opinión compartida. En certo modo, máis alá das campañas publicitarias e da educación sexual que se imparta á xente máis nova, hai unha parte de responsabilidade individual que non depende nin de ningún organismo nin de ningún médico, senón da disposición de cada un. O que está claro é que as prácticas sexuais de risco e o abandono dos métodos barreira están a provocar unha explosión de casos de ITS das que aínda non se ven as consecuencias, senón que se comezarán a apreciar, talvez, a 20 anos vista, cando aumenten, como teoriza Efigenia Arias, as taxas de infertilidade. A conclusión da xinecóloga é ben clara, pero tamén unha lección categórica: “As relacións sexuais poden ser divertidas, podemos desfrutalas, pero tamén deben ser saudables e seguras”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Doce factores que explican por que están aumentando as infeccións de transmisión sexual

Cada día, máis dun millón de persoas en todo o mundo contraen unha ITS e, por desgraza, estas cifras van en aumento

Os casos de clamidia dispáranse en Galicia e aumentan un 46% en só un ano

Un cambio de tendencia na última década provoca que se multiplique por cinco a incidencia do gonococo e se incrementen os casos de sífile

Galicia, pioneira en usar a vacina da meninxite B contra a gonorrea

A medida servirá de referencia ante o vertixinoso aumento de afectados por infeccións de transmisión sexual

Un estudo proba con éxito un novo fármaco eficaz e seguro para a gonorrea

Os ensaios clínicos contaron só con homes brancos e haberá que facer máis controis con mulleres e outras etnias