O verán arrinca este xoves ás 22.51 horas

A estación máis longa do ano prolongarase ata as 14.44 horas do 22 de setembro

Ás 22.51 horas deste xoves 20 de xuño dará comezo o verán no hemisferio norte. Nese intre o Sol acadará a máxima elevación (declinación máxima) con respecto ao ecuador celeste. Nestes días, polo tanto, teremos a maior diferenza entre o día e a noite. Porén, debido a que o tempo oficial se mide con respecto ao chamado Sol medio, sucede que o día no que o Sol sae antes xa foi o 15 de xuño e cando máis tarde ten lugar o solpor corresponde ao 27 deste mes.

A estación que agora comeza vaise prolongar ata as 14.44 horas do 22 de setembro, de maneira que estes 93,66 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro. O día 5 de xullo, a Terra pasará polo afelio, punto de máxima distancia ao Sol, sendo esta de 152,1 millóns de quilómetros. A distancia mínima (perihelio) tivo lugar o 3 de xaneiro, a unha distancia de 147,1 millóns de quilómetros.

Publicidade

Perseidas e cometa

Este ano, a visión da chuvia de estrelas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto vai coincidir coa Lúa en cuarto crecente, o cal apenas vai afectar a visión dos meteoros dado que en Galicia o noso satélite natural se ocultará sobre a unha da madrugada. Dende lugares sen contaminación luminosa poderían chegarse a observar sobre 100 meteoros/hora, contando tamén os moi febles. Ademais, a comezos de xullo existe a posibilidade de poder observar a simple vista o cometa 13/P Olbers.

Xusto a finais do verán —entre as  4.13 e as 5.16 horas na noite do 17 ao 18 de setembro— vai ter lugar unha eclipse parcial de Lúa pero de moi pouca magnitude, sendo practicamente penumbral. Precisamente, esta data coa Lúa chea vai coincidir coa mínima distancia Terra-Lúa (perixeo lunar), o cal traerá como consecuencia  importantes mareas vivas, máis aínda estando tan preto do equinoccio.

Publicidade

En canto aos planetas hai que comentar que actualmente Marte, Xúpiter e Saturno son visibles ao amencer, seguindo así no mes de xullo, pero podéndose xa ver dende mediados dese mes Venus logo do solpor. Haberá que agardar a setembro para que Saturno poida ser observado ao longo de toda a noite. A mediados de agosto asistiremos a un curioso achegamento aparente de Marte e Xúpiter, en tanto que o día 21 do mesmo mes, a Lúa ocultará a Saturno. 

Unha primavera con 46 días de chuvia

Estando afeitos ás primaveras secas nestes últimos anos, a que agora remata, con 46 días de precipitación (o 50%), pode considerarse xa normal. En total medíronse na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller 480 litros/m2, distribuídos así: final de marzo, 102,4; abril, 169,6; maio, 184,3, e 20 primeiros días de xuño, 46,2. Cómpre destacar a cantidade de chuvia recollida o 3 de maio: 68,7 litros/m2, e o 26 de abril,  44,2 l/m2. A temperatura máxima da primavera acadouse o 12 de abril con 29,6 graos, seguida dos 28,8 do 10 de maio, e os 28,7 do 13 de abril. Pola contra a temperatura mínima rexistrouse o 29 de abril con 2,7.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Conta atrás para as Perseidas: que actividades hai en Galicia para a noite máxica do verán?

Os concellos galegos poñen en marcha programas e encontros o 12 de agosto para facilitar a observación das estrelas durante o pico de actividade das Bágoas de San Lourenzo

Achéganse as Perseidas: estas son as aplicacións da NASA para perseguir a choiva de estrelas

Star Walk 2 e Sky Map permiten localizar a constelación de Perseo e orientarse no ceo durante o pico de actividade das Bágoas de San Lourenzo

Chega o pico de actividade das Perseidas: cando e como gozar deste espectáculo da natureza

A chuvia de estrelas máis famosa do verán experimentará a súa máxima nas noites entre o domingo ata o martes

A guía astronómica que necesitas en Galicia este verán

As bágoas de San Lourenzo son o evento máis esperado, pero tamén se poderá observar a Vía Láctea e aliñacións planetarias