Achéganse as Perseidas: estas son as aplicacións da NASA para perseguir a choiva de estrelas

Star Walk 2 e Sky Map permiten localizar a constelación de Perseo e orientarse no ceo durante o pico de actividade das Bágoas de San Lourenzo

Cada día estamos máis preto do grande evento astronómico do verán: as Perseidas. Tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo, esta choiva de meteoros pode verse entre o 17 de xullo e o 24 de agosto, aínda que non todos os días presenta a mesma intensidade. O pico de actividade está previsto para a noite do 12 ao 13 de agosto, cando se poderán chegar a observar ata 100 meteoros por hora. Pero, como podemos asegurarnos de velas?

A visibilidade desta “choiva de estrelas” depende de varios factores, como as condicións metereolóxicas, a contaminación lumínica, a hora e o lugar dende o que se observe. Por sorte, cada vez hai máis ferramentas que facilitan a facilidade coa que as podemos observar.

Publicidade

Para observar este fenómeno astronómico, provocado polos restos do cometa Swift-Tuttle, é necesario mirar cara á constelación de Perseo, xa que os meteoros parecen xurdir dun punto próximo a esta, coñecido como radiante. Entre os recursos que ofrece a NASA, hai dúas aplicacións útiles para localizar Perseo no ceo nocturno de agosto.

Star Walk 2 e Sky Map

A axencia espacial estadounidense recomenda dúas aplicacións móbiles: Star Walk 2 e Sky Map.

Publicidade

Star Walk 2 funciona como unha guía nocturna para explorar estrelas, constelacións, planetas, satélites e outros corpos celestes menos coñecidos. Inclúe a función Star spotter, que permite identificar estrelas en tempo real, aínda que só está dispoñible en dispositivos con brúxula dixital. Para localizar un obxecto celeste concreto, só hai que seleccionalo no menú de búsqueda e seguir a frecha que indica a dirección no ceo. Ademais, ofrece información detallada sobre os obxectos visibles, eventos astronómicos baseados na túa localización e modelos 3D de corpos celestes. Está dispoñible na App Store de forma gratuíta, aínda que contén anuncios e opcións de compra dentro da app.

imaxe da aplicación Sky Walk 2
Captura de pantalla da aplicación Star Walk 2.

Pola súa banda, Sky Map, anteriormente coñecida como Google Sky Map, é unha excelente alternativa para dispositivos Android. Utiliza o GPS, a brúxula e o acelerómetro do móbil para amosar en tempo real a posición dos obxectos no ceo ao apuntar cara eles. Conta tamén cun sistema de identificación interactiva que etiqueta os corpos celestes co seu nome e proporciona detalles sobre cada un deles.

Ambas aplicacións son boas opcións para localizar o radiante das Perseidas e observar a choiva de meteoros. Facilitan a observación astronómica dun xeito accesible, mesmo sen ter coñecementos previos. Só fai falta mirar ao ceo… e deixarse sorprender.

Recomendacións fóra da rede

Máis aló das aplicacións, a Axencia Aeroespacial dos Estados Unidos tamén ofrece recomendacións prácticas e analóxicas para gozar das Perseidas da mellor maneira posible.

A franxa horaria máis axeitada para observar este fenómeno astronómico vai dende a medianoite ata o amencer, especialmente entre as 2:00 e as 5:00 da madrugada, cando o radiante se atopa máis alto no ceo e a escuridade é maior. Durante estas horas, a Lúa adoita estar en fase minguante, polo que a súa luz non interfire coa visibilidade.

Para obter unha mellor experiencia de observación, recoméndase afastarse da contaminación lumínica das cidades. Os mellores lugares son espazos naturais como parques, praias pouco concorridas ou zonas de montaña, onde o ceo permanece máis “limpo” e escuro.

Ademais, non se necesita equipamento especializado: as Bágoas de San Lourenzo pódense ver a simple vista, sen telescopios nin prismáticos. Iso si, convén levar roupa de abrigo, unha tumbona ou manta para deitarse comodamente e repelente de mosquitos para evitar molestias.

Por último, un detalle clave: consulta a previsión meteorolóxica con antelación. Saber se o ceo estará despexado na túa zona marcará a diferenza entre ver unha das choivas de meteoros máis espectaculares do ano ou perdela entre as nubes. Prepararse ben é a mellor forma de deixar que o ceo faga a súa maxia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século

Queres ter un anaco do cosmos? A NASA permite adoptar un píxel do Grace Roman

A iniciativa permite obter unha pequena parte das primeiras imaxes do observatorio espacial, que ten un campo de visión cen veces maior ca o do telescopio Hubble

30 segundos de incerteza marcan o novo fito da NASA: así foi o lanzamento do telescopio Grace Roman

O último observatorio da axencia espacial estadounidense xa saíu da atmosfera terrestre e agárdase que produza as primeiras imaxes a principios de 2027

Begoña Vila, ante o lanzamento do telescopio Grace Roman: “Só teremos 30 segundos”

A astrofísica da NASA asegura que o novo observatorio producirá en cinco meses a mesma cantidade de datos que enviou Hubble nos 36 anos que leva operativo