O outono ule a castañas e herba mollada. Caen as follas, o ambiente humedécese e a choiva ábrese paso. Mais non hai que pensar só nas pingas de auga, senón tamén nas estrelas. Neses trazos fugaces que atravesan o ceo e invitan a pedir un desexo. Aínda que este fenómeno astronómico se adoita relacionar co verán, cando caen as bágoas de San Lourenzo, o outono tamén é unha época na que choven estrelas. É máis, ata o 21 de decembro, cando finaliza esta estación, poderemos ver ata catro choivas de meteoros. Unha delas, a das Dracónidas, observarase na noite deste venres.
Será a partir das 19.00 horas cando as estrelas fugaces crucen o ceo a toda velocidade. Aínda que se trata dunha choiva modesta, da que o Observatorio Astronómico Nacional estima que se chegarán a ver uns 20 meteoros por hora, as condicións para a súa observación son moi axeitadas. Ademais de que non se prevén fenómenos meteorolóxicos adversos, a lúa non será un impedimento, posto que será case nova e permitirá que o ceo permaneza escuro toda a noite.
Malia que se considera unha choiva de estrelas moderada, non sempre foi así. Houbo anos onde a velocidade e a cantidade de meteoros que cruzaron o firmamento causaron grandes exhibicións. Así aconteceu en 1933 e en 1946, con miles deles por hora percorrendo o firmamento. Ou hai dez anos, en 2011, cando máis de 600 meteoros choveron sobre nós, malia que a lúa reflectía un forte brillo e dificultaba a observación deste fenómeno tan fugaz.
Nas Dracónidas do 1933 e do 1946, miles de meteoros por hora cruzaron o ceo
As Dracónidas, igual que o resto de choivas de estrelas, prodúcense cando os restos de xeo, po e partículas dos meteoros entran en contacto coa nosa atmosfera. Debido á fricción, créase un efecto luminoso; un trazo ao que se coñece popularmente como estrela fugaz. No caso concreto das Dracónidas, o seu radiante —o lugar do que semella que procede a choiva— está situado na constelación de Draco ou Dragón, de aí o seu nome. Aínda que o tamén se coñecen como giacobínidas, en honor ao cometa do que proceden: o 21P/Giacobini-Zinner.
Non obstante, as dracónidas non serán as únicas protagonistas do outono. Esta será unha estación que deleitará os afeccionados á astronomía con outras tres choivas de estrelas. Porén, estas non serán de tan fácil observación, posto que os seus días de maior actividade coincidirán cunha lúa máis iluminada. É o que acontece coas Oriónidas, que se poderán observar entre o 2 de outubro e o 7 de novembro, co día 18 deste mes como a mellor oportunidade para velas. Son os restos do cometa Halley, aínda que o seu nome provén da constelación de Orión, onde se atopa o seu radiante.
Leónidas e Xemínidas
As seguintes estrelas fugaces son as Leónidas e as Xemínidas. As primeiras son observables durante o mes de novembro, entre o 6 e o 30. Mais será o día 17 a mellor xornada para velas, malia que a lúa volverá supoñer un obstáculo. Dende o Observatorio Astronómico Nacional aseguran que o comportamento destas estrelas fugaces é irregular, pero que nun ano con moita actividade poden ser tan rechamantes como o son as Perseidas, a choiva de meteoros máis famosa do ano. As Leónidas, denominadas así pola constelación de Leo, formaron parte do cometa 55P/Tempel-Tuttle.
As Xemínidas teñen a súa orixe nun asteroide e non nun cometa
As últimas do outono serán as Xemínidas, xa en decembro. Visibles entre o 4 e o 17, o día 14 será o día no que mostren maior actividade. Esta choiva de estrelas é unha das máis activas do ano, xunto ás Perseidas, malia que este ano tampouco será facilmente observable debido á lúa, que alcanzará o cuarto crecente pouco antes do día de mellor observación. A curiosidade que se asocia a esta choiva de estrelas está na súa orixe, que foi un misterio durante séculos. A diferenza de todas as anteriores, as xemínidas non se asocian cun cometa, senón co asteroide Faetón. O seu nome tamén procede, como as anteriores, dunha constelación: a de Xémini.
Para observar todos estas choivas de estrelas, o Observatorio Astronómico Nacional aconsella buscar un lugar con poucos obstáculos, como poden ser as árbores ou os edificios. A escuridade, sempre que non se vexa interrompida pola lúa, tamén será a mellor aliada. O que non deixa trazo de dúbida é que o outono é unha época máis que apropiada para observar o ceo. Talvez as adversidades climatolóxicas e a lúa impidan observalas, pero as estrelas fugaces estarán aí, cruzando o firmamento a toda velocidade. Aínda que non se poidan ver, está ben sabelo. Por iso de aproveitar a ocasión e pedir un desexo.