Martes 23 Abril 2024

Oriónidas: así poderás ver a choiva de estrelas que deixa o cometa Halley

Entre 15 e 20 meteoros poderán verse nestes días co máximo deste fenómeno, aproveitando a breve tregua das choivas en Galicia

O cometa Halley pasa cada 75 anos preto da Terra, (de feito, non pasará de novo ata 2061) pero todos os outonos deixa o seu rastro en forma dunha choiva de estrelas, a das oriónidas, que nestes días se atopa no seu máximo. Esta noite, aproveitando que o anticiclón disipará durante un tempo as nubes e as precipitacións en Galicia, é un bo momento para contemplar este espectáculo no ceo.

Que son as oriónidas?

É unha choiva de meteoros, as tamén coñecidas como estrelas fugaces, que teñen lugar entre o 2 de outubro e o 7 de novembro, aínda que o máximo se acada estes días. É un fenómeno de actividade moderada, que pode oscilar entre 15 e 70 meteoros por hora e unha alta velocidade, xa que viaxan a 66 quilómetros por segundo. Con todo, o número de estrelas fugaces por hora pode variar rápidamente segundo a densidade de fragmentos do cometa, polo que as predicións exactas son difíciles de realizar.

Publicidade

Radiante das oriónidas. Fonte: IGN.
Radiante das oriónidas. Fonte: IGN.

As oriónidas proceden do po do cometa Halley, a través do cal pasa a Terra cada ano. Ao rozaren coa atmosfera, estes meteoros desintégranse e poden verse como estelas brillantes no ceo. Reciben este nome porque parecen proceder da constelación de Orión, coñecida tamén como cinto do cazador. En maio, a Terra volve pasar pola estela do Halley, dando lugar ás eta-acuáridas.

Como ver as oriónidas?

Neste ano, a Lúa estará en cuarto menguante, polo que a observación non será especialmente favorable. Porén, o mellor momento é na primeira parte da noite, antes de que saia o satélite, para que non obstaculice a visión. É conveniente dirixir a mirada cara a parte máis escura do ceo, lonxe do satélite.

Como sempre, é recomendable dirixirse a un punto elevado, co horizonte libre de obstáculos, e afastarse dos focos de contaminación luminosa na cidade. É mellor deitarse no chan, agardar uns 20-30 minutos para que o ollo se adapte á escuridade e perciba mellor o ceo. Aínda que as oriónidas parecen proceder da constelación que lles dá nome, poden verse en calquera parte do ceo.

O Halley en Galicia en 1910 e 1986: así se viviu o paso do cometa

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Esta é a desconcertarte orixe das Xemínidas, a maior chuvia de meteoros do ano

A descomposición térmica do asteroide Faetón está detrás deste espectacular fenómeno, que se poderá observar entre o 13 e o 14 de decembro

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos