A Casa das Ciencias chega aos catro millóns de visitas

Unha visita escolar na mañá deste martes supuxo o fito para o museo coruñés, unha iniciativa pioneira pola súa idea de interactividade

Trinta e catro anos despois da súa apertura, en xuño de 1985, a Casa das Ciencias da Coruña acadou esta mañá unha cifra histórica: catro millóns de visitantes. A cifra xa se agardaba desde hai uns días, ao prever a chegada de varios grupos escolares con reserva. En total, preto da metade das visitas que neste tempo pasaron polo museo corresponden a público escolar.

Segundo informan desde os museos científicos coruñeses, as previsións anuais de visitantes facían pensar que este fito chegaría a finais de ano, pero o aumento na afluencia de público nos últimos meses adiantouno. O pasado ano a Casa das Ciencias tivo ao 1 de outubro 63.550 visitantes, mentres que na mesma data deste ano foron 71.447. En 2019 os tres Museos Científicos Coruñeses están experimentado un incremento notable de visitantes en torno ao 15%.

Publicidade

Exposicións e planetario

Na actualidade, a Casa das Ciencias acolle mostras temporais e permanentes como Solarigrafías, Física en Acción, Puro Swing e A astronomía como cha contan. Do mesmo xeito, o planetario acolle proxeccións como A Noite do vampiro, Alén do Sol, O ceo para enterados e O ceo do mes. Ademais, celebrando os 50 anos da chegada á Lúa, ofrécese a proxección Lévame á Lúa.

Casa das Ciencias, o lugar do “prohibido non tocar”

“Il piú formidabile museo del mondo!“ (“O museo máis formidable do mundo!”) exclamou Umberto Eco en decembro do ano 1992, cando visitou a Casa das Ciencias da Coruña. Alí puido ver o impoñente péndulo de Foucault que preside á entrada ao edificio, o trebello que serve para demostrar o movemento de rotación da Terra, co que Eco titulou unha das súas obras máis coñecidas.

Publicidade

Do mesmo xeito que Eco, millóns de persoas fican abraiadas desde hai máis de 34 anos coa caixa de sorpresas que garda este edificio, situado no centro do parque de Santa Margarida, o corazón verde da cidade herculina.

Desde os seus comezos, e baixo a dirección de Ramón Núñez Centella, a Casa das Ciencias levou por bandeira un lema que acabou sendo célebre: “Prohibido non tocar“. Os visitantes non se tiñan que limitar a observar coa boca aberta o que ía aparecendo ante eles, senón que tiñan que fedellar, experimentar, ulir, probar… todo o que lles pasara por diante.

Foi tamén o primeiro paso dun labor de divulgación científica que o Concello da Coruña continuou máis tarde coa apertura da Casa do Home (Domus), a Casa dos Peixes (Aquarium Finisterrae), e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) converténdose nunha cidade de referencia para os amantes da ciencia, achegando tamén a divulgación aos máis cativos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Coruña é a provincia galega con máis mortes por calor en 2026

O Instituto de Saúde Carlos III, a través do MoMo, contabiliza a cifra máis alta na última década, con 231 defuncións estimadas

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada