Que ocorre tras finalizar unha investigación? Máis ciencia? Si, pero, ademais, os proxectos que nacen dunha necesidade ou dun problema real poden chegar máis aló. Isto é o que se coñece como transferencia de coñecemento: cando un fármaco, un dispositivo médico ou mesmo un software, nace no laboratorio e chega ao mercado a fin de satisfacer a un cliente final, os pacientes. Xestionar este proceso dende o seu inicio é a labor dos xestores de transferencia como Alexandre de la Fuente, que cumpre con este papel dende a Fundacion Pública Galega de investigación do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).
Trátase dunha profesión oculta entre os achados da ciencia, sen a que, moitas veces, os resultados non chegarían aos pacientes. Con todo, De la Fuente sinala que Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), está a aportar visibilidade sobre a figura do xestor de innovación. E como? Impulsan o desenvolvemento do persoal a través do Programa formativo con acreditación RTTP para persoal de xestión de transferencia, que proporciona a formación necesaria para que os xestores e xestoras poidan optar á certificación internacional Registered Technology Transfer Professionals (RTTP) da Alliance of Technology Transfer Professionals.
Isto dá lugar a importantes avances que converten a Galicia nunha comunidade especialmente avanzada dende o punto de vista da transferencia dende o laboratorio. “Faise investigación e innovación moi boas”, afirma Alexandre de la Fuente. Esta cita faise evidente a través do desenvolvemento do INIBIC en materia de transferencia: a día de hoxe, sinala que están a desenvolver multiples solucións innovadoras incluíndo como proceso de transferencia os primeiros pasos da creación de dúas empresas de base tecnolóxica de desenvolvemento de fármacos. Ademais, súmanse múltiples proxectos co foco en dispotivos médicos e softwares. Así nace a transferencia científica en Galicia, do laboratorio directamente ao mercado.
A importancia da innovación
Primeiro, débese partir dunha premisa: “Non existe transferencia sen coñecemento científico”. Por iso, o papel de estruturas como o INIBIC ou o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) son especialmente relevantes nesta actividade. Pero o problema é que hai que saber que facer cando unha investigación científica chega á súa fin. “Estamos a vivir no mundo da innovación”, sinala Alexandre de la Fuente, pois explica que, dos seus 20 anos como investigador, emprendedor e xestor de transferencia, é agora cando observa unha verdadeira revolución.
A innovación no ámbito da saúde aparece por diferentes frontes: a intelixencia artificial (IA) facilita a creación de sistemas de diagnóstico ou predición temperá de patoloxías ou a resposta personalizada a tratamentos ou, como se coñece a día de hoxe, medicina personalizada. “Todos os profesionais vinculados á saúde estanse a dar de conta de que teñen que innovar para non perder este pulo”, indica De la Fuente. Con todo, explica que innovar non está da man só de grandes proxectos, senón tamén das pequenas modificacións do día a día nos colectivos a pé dos problemas diarios, como enfermeiros, celadores e profesionais de Atención Primaria. “Enfróntanse a unha multitude de retos diarios que solucionan un problema e non son conscientes de que así innovan”, apunta.

Pero cando a base científica xa está resolta, débese dar un paso máis. “Hai un momento no que a investigación pasa a un segundo plano“, advirte o xestor de transferencia do INIBIC. Os investigadores teñen que comprender que hai que aliñarse con novos perfís profesionais expertos noutras moitas materias, que van dende a regulación ata a administración de empresas.
Que é necesario?
“Hai diferentes factores que permiten que as solucións cheguen á sociedade, pero sobre todo é importante a vocación“, apunta Alexandre de la Fuente. Así, indica que é relevante contar cun grupo de profesionais que queiran innovar. Pero tamén hai determinantes que impiden que un produto ou servizo chegue ao mercado: en moitas ocasións non existen axudas ligadas á transferencia, unha situación que cambia en Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, impulsa o Programa Ignicia, que ten como obxectivo o desenvolvemento de aplicacións comerciais da investigación xerada en centros galegos como o INIBIC. Algúns exemplos impulsados pola Xunta de Galicia son o proxecto siRNA ou L3DO. “Precísase axuda de profesionais de diferente perfil para dar forma ao produto na vida real; “, explica.
Como transferir
No caso do INIBIC a investigación realízase no entorno do Hospital da Coruña, polo que o usuario final da innovación está na casa. “É máis fácil saber se unha investigación ten sentido; só temos que preguntar aos profesionais”, indica De la Fuente. Por exemplo, se se busca desenvolver unha nova terapia oncolóxica nun tipo de cancro concreto, a mellor opción é preguntar e involucrar ao servizo de oncoloxía. Así, dende a clínica, os profesionais poden determinar posibles limitacións que, en ocasións, non se teñen en conta dende o lado da investigación: o fármaco pode non ser aceptado ou a tendencia actual dos tratamentos pode ir por outro camiño.
Neste contexto, aparecen as spin-offs procedentes do laboratorio como un mecanismo máis de transferencia. Con todo, segundo Alexandre de la Fuente, son mecanismos de transferencia que no ambito biomédico requiren de tempo, dende a constitución da empresa, atopar os perfís axeitados ata levar a cabo roldas de financiamento. Súmase unha alternativa: a licenza, onde un produto ou servizo chega ao seu punto de maduración da man dunha empresa xa constituída. Nasasbiotech, a empresa froito da transferencia que lidera Alexandre de la Fuente, especializada no desenvolvemento de solucións clínicas innovadoras de biopsia líquida para mellorar o diagnóstico, prognóstico e tratamento do cancro, foi a primeira empresa participada en Galicia por un servizo de saúde; neste caso, o SERGAS.
Pero emprender dende un centro de investigación tamén ten as súas dificultades: en primeiro lugar, o xestor de transferencia sinala que o investigador ten que entender que, cando se crea unha empresa, o punto de vista científico é só o primeiro paso. E, en segundo lugar, “a día de hoxe non existe un nicho de profesionais tan facilmente localizables que poidan impulsar unha empresa no ámbito sanitario”, sinala, xa que precisan de formación específica.
A procura do potencial
Como saber se un resultado científico pode ter potencial para converterse nunha innovación? “A resposta non a ten só o investigador, hai que abstraerse e preguntarlle ao mercado real“, afirma De la Fuente. Perfís como o seu teñen unha tarefa: preguntar fóra do hospital a empresas sobre as solucións que adoptarían dentro do seu propio proxecto. Con todo, non resulta sinxelo comezar unha investigación e saber que a túa innovación non ten cabida no mundo real. Por iso, o xestor do INIBIC apunta a iniciar un estudo cunha pregunta: que é o que busca o mercado?
E, para pescudar que camiño percorrer, entran en xogo diversos itinerarios que seguir. Se se trata dun fármaco, débense coñecer as medidas regulatorias e levar a cabo un proceso de fabricación que non se pode realizar nos hospitais. “Vas ter que compartir o coñecemento”, subliña: atopar os socios adecuados, buscar instalacións con capacidade de escalado de produto, realizar un estudo multicéntrico… Mentres, o camiño regulatorio dun dispositivo médico existe, pero é máis sinxelo.
Desta forma, podemos chegar a unha conclusión. Si, hai moito traxecto por percorrer na transferencia do laboratorio ao mercado, pero é un labor facilitado por unha figura xa non tan invisible: o xestor de transferencia, como Alexander de la Fuente, do INIBIC.














