A arqueóloga que descubriu a súa paixón aos 12 e hoxe lidera un proxecto ERC dende Galicia

A investigadora do CRETUS Olalla López Costas avanza na investigación sobre paleocontaminación grazas ao apoio do programa Oportunius da Xunta

“Con 12 anos descubrín que os arqueólogos estudaban esqueletos humanos e tiven claro que quería dedicarme a iso”. Así comezou a traxectoria da investigadora Olalla López Costas, actualmente membro do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago (CRETUS). No seo do grupo EcoPast dirixe o proxecto PollutedPast, financiado cunha ERC Consolidator Grant e polo programa Oportunius da Xunta de Galicia, co obxectivo de comprender como a contaminación ambiental por metais afectou ás poboacións que habitaron Europa nos períodos romano e medieval.

Porén, o seu camiño non partiu directamente da arqueoloxía. Cando tivo que elixir carreira, Olalla López optou por Bioloxía para poder estudar esqueletos humanos, xa que daquela aínda non existía un grao de Arqueoloxía en ningunha universidade española.

Publicidade

Dende 2015, ademais de profesora de Arqueoloxía na USC, é tamén investigadora no Departament of Archaeology and Classical Studies da Universidade de Estocolmo. Doctorouse na Universidade de Granada e participou en escavacións en España, Grecia e Portugal. Esta experiencia internacional permitiulle coñecer problemáticas comúns a múltiples lugares do mundo, máis aló do contexto galego.

“Estamos na vangarda de Europa, pero si que estamos facendo investigación de moitísima calidade”, destaca. O Laboratorio de Antropoloxía de Granada foi clave para o seu impulso investigador. Posteriormente chegou a Suecia como investigadora posdoutoral, integrándose nun equipo formado por mulleres líderes, algo que asegura ser máis habitual nos países do Norte de Europa. Alén dos grandes estudos lonxitudinais, tamén reivindica o valor das investigacións de menor escala vinculadas a sitios galegos, como A Lanzada. “Pode interesar a xente de todo o mundo porque cada quen pode atopar un paralelo co seu pasado e coa súa historia”, explica.

Publicidade

PollutedPast: como impactaba a contaminación?

Baixo a dirección de Olalla, o proxecto PollutedPast busca comprender como a contaminación por metais afectou a vida das persoas e o ambiente no pasado. Para iso analízanse restos humanos e animais procedentes da Península Ibérica, Portugal, o sur de Suecia e, máis recentemente, de Grecia e Francia. Tamén estudan turbeiras e lagos, co fin de obter unha perspectiva ambiental máis ampla. No caso de Galicia, o equipo céntrase en xacementos como A Lanzada, as necrópoles da Pontevedra medieval e os esqueletos da Catedral de Lugo.

O método de análise baséase na medición do contido dos metais e nos seus isótopos. “As turbeiras e os lagos falan da contaminación ambiental, mentres que os seres humanos reflicten a contaminación sufrida ao longo da súa vida”, explica a investigadora. A investigación non se limita ás escavacións: “Estamos analizando tamén o que din as persoas: textos, epigrafía e documentos antigos“, engade López. A finalidade do grupo EcoPast é integrar disciplinas tan diversas como arqueoloxía, xeoloxía, historia da arte, química ou bioloxía.

Entre os achados máis destacados, López Costas subliña que os restos de bebés presentan niveis de contaminación moito máis elevados e que existiu un período de forte contaminación por mercurio e chumbo na época romana. Esta tendencia diminuíu posteriormente, pero volveu aumentar a partir do século XIV. “No século XV comeza a utilizarse o mercurio como tratamento médico, moi contaminante”, explica.

Ademais, aínda que se adoita pensar que aquelas poboacións descoñecían os riscos destes metais, os textos antigos mostran que si que eran conscientes dos problemas de saúde asociados. O proxecto tamén está a abrir novas vías de estudo: “Por primeira vez estamos vendo que se poden facer análises en restos humanos cremados“, destaca López Costas, un avance que amplía o abano de casos dispoñibles para a investigación.

Creación dunha subdisciplina

“Gustaríame crear unha especie de subdisciplina“, explica Olalla López cando se lle pregunta polos seus obxectivos de futuro. A súa intención é integrar o estudo da paleocontaminación na análise dos esqueletos humanos, unificando ambas as perspectivas. Así, a investigadora da USC aspira a formar un grupo de traballo con visión transdisciplinar que permita responder preguntas como: Que ocorre nas turbeiras? Que nos contan os esqueletos?

Porén, este tipo de investigacións presentan múltiples retos. López Costas sinala que non sempre resulta sinxelo traballar co mundo viquingo dende Suecia ou determinados restos de Grecia, debido ás limitacións de acceso. Tamén os textos antigos supoñen unha dificultade, xa que moita información está en latín ou grego: “Estamos a ter moitos problemas para consultar os documentos medievais porque é necesario desprazarse aos arquivos“, explica. A isto súmase o enorme volume de traballo derivado de arredor de setecentas mostras, o que require un longo proceso de tratamento e interpretación dos datos.

De toda esta diversidade cultural que conflúe en PollutedPast, Olalla López extrae unha clara aprendizaxe: “Ter unha cultura científica tan diferente pode ser sempre un desafío, pero é precisamente o que máis nos gusta”, destaca, subliñando o carácter enriquecedor.

Un proxecto sostido polo programa Oportunius

“Eu sempre digo que, se non fose por Oportunius, nunca chegaría a ter unha ERC”, afirma a investigadora do CRETUS. Cando rematou o seu contrato, foi grazas a este programa que puido manter a súa liña de investigación e continuar traballando dende Galicia. “Se non fose así, probablemente tería regresado a Suecia”, admite. Relata tamén un caso significativo: un dos membros do seu equipo, procedente dese país nórdico, acaba de solicitar unha ERC dende Galicia porque o apoio que recibe a través de Oportunius e da USC non é comparable ao que lle ofrecen no seu país de orixe.

En canto aos recursos, o programa permite adquirir equipamento propio e evitar ter que compartilo continuamente: “Cando traballas con volumes tan grandes de mostra, os tempos alónganse moito e é difícil manter a estabilidade”, explica. Por iso considera que tanto as ERC como o programa Oportunius son axudas que se complementan á perfección no ecosistema investigador galego.

“Oportunius ofrece ese punto de calidade e estabilización”, subliña. E engade: “Cando hai un modelo que funciona, o importante é mantelo estable no tempo”. Presume así, diante dos compañeiros doutras universidades, deste avance que permite que investigadores galegos poidan quedar en Galicia á fronte dos seus propios proxectos.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

Gumersindo Feijoo, novo director científico do CRETUS

O enxeñeiro químico é catedrático da USC dende o 2008, está entre o 2% de científicos máis citados do mundo e destaca polo seu labor divulgador

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade