Kiur, o software que combina IA e redes neuronais para apoiar aos sanitarios galegos

A ferramenta facilita a detección, análise e recomendación de tratamentos de feridas crónicas en persoas maiores, mellorando a eficiencia e a calidade asistencial

Galicia, cunha poboación de 65 ou máis anos que representaba o 26,6% en 2024 e con previsión de chegar ao 33,1% en 2039, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), enfróntase a un incremento das feridas crónicas, un problema sanitario frecuente, especialmente entre as persoas maiores. Con poucos profesionais de enfermaría especializados neste ámbito, as dúbidas recaían sempre nos mesmos expertos. Desta necesidade xurde KIUR, unha aplicación dirixida a profesionais sanitarios que busca dar apoio ao persoal das áreas sanitarias galegas na cura de feridas crónicas.

Estas feridas crónicas son difíciles de cicatrizar, xa que adoitan tardar máis de seis semanas en curar, mesmo con tratamento. Xeralmente, son consecuencia de enfermidades subxacentes como a diabetes, a insuficiencia venosa ou as úlceras por presión. “Hai milleiros de tipos de feridas diferentes, e a tecnoloxía para tratalas evolucionou moito nos últimos anos”, explica Óscar Pérez, membro de Gradiant e CEO de Kiur.

Publicidade

O proxecto iniciouse en 2017 como unha investigación centrada no desenvolvemento dunha aplicación móbil baseada en intelixencia artificial (IA) para a detección e análise de imaxes. “Fas a fotografía co móbil, o sistema detecta a ferida e identifica os tecidos dentro dela”, aclara Pérez. A partir desta idea inicial, o equipo foi perfeccionando o prototipo e creando a rede neuronal ata 2023, cando o obxectivo principal pasou a ser a comercialización e implantación clínica do produto.

Neste proceso resultou clave o programa Ignicia da Xunta de Galicia, do que o proxecto ACE foi beneficiario en 2022. Segundo o CEO de Kiur, a axuda da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP foi determinante nos dous últimos anos, especialmente para levar a cabo a validación clínica, os estudos técnicos e o deseño da interface.

Publicidade

Sistema de soporte á decisión clínica

O produto que comercializa Kiur é un Sistema de Soporte á Decisión Clínica (CDS, polas súas siglas en inglés). “A aplicación axuda ao profesional sanitario na súa toma de decisións, pero non decide por el“, explica Óscar Pérez. Así, está dispoñible directamente no teléfono móbil do profesional, tanto na área de enfermaría como na de medicina, xa que, segundo o país, a responsabilidade da cura das feridas pode recaer nun ou noutro perfil profesional.

No proceso intervén a IA. O profesional realiza unha fotografía da ferida, e o sistema identifica automaticamente a lesión, os seus tecidos e outras características. A continuación, a aplicación formula preguntas de confirmación sobre aspectos que non se poden determinar visualmente, como por exemplo: “A ferida ten olor?”.

Unha vez completadas as respostas, nun proceso que dura apenas uns segundos, e coñecendo a localización xeográfica do profesional, a aplicación pode acceder ao catálogo de produtos sanitarios da súa área ou rexión. “A partir desta información, xera unha recomendación personalizada“, sinala Óscar Pérez.

As suxestións da aplicación son flexibles e adáptanse a distintos contextos clínicos. Por exemplo, pode ocorrer que o profesional se atope no domicilio do paciente e non dispoña da combinación de produtos recomendada pola app. Nese caso, pode optar por outras combinacións dentro das opcións propostas polo sistema, co obxectivo de comprobar que porcentaxe da ferida queda cuberta coa selección realizada.

Base na rede neuronal

O que diferencia Kiur é a súa clasificación como medical device, é dicir, un dispositivo médico de clase IIA. Isto implica que se trata dun software sanitario que pode empregarse dunha forma comercial no ámbito hospitalario e clínico. “A súa base está na visión por ordenador e nas redes neuronais“, explica.

A fiabilidade da solución completa ofrecida pola aplicación susténtase nun proceso de validación clínica. Neste caso, o ensaio clínico foi avaliado pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS), o que permite obter o marcado CE e, consecuentemente, a clasificación como medical device.

Con todo, a intelixencia artificial aplícase unicamente á detección da ferida e á análise das súas características. O algoritmo empregado para as recomendacións non utiliza IA: “Está protexido por un segredo industrial“, sinala Óscar Pérez, pois a intelixencia artificial, nalgúns casos, non resulta completamente trazable.

Beneficios sociais e profesionais

O foco de Kiur está no paciente, xa que busca mellorar a súa calidade de vida. O perfil habitual é o dunha persoa maior, con problemas de mobilidade e outras patoloxías asociadas. “Normalmente presenta certo grao de illamento social“, indica o CEO da spin-off, ademais de precisar curas entre catro e sete veces por semana. Por iso, en moitos casos precisa tamén dunha boa rede de apoio, como familiares, amizades ou coidadores, que lle axude coas curas.

Mais tamén existe a outra cara da moeda: os profesionais que dubidan ou non contan con experiencia no manexo de feridas crónicas. Pode ser o caso dun especialista que traballase sempre en quirófano e só coñeza o tratamento de feridas agudas. “Este sistema dálle confianza ao profesional de que está a facer o mellor para o paciente”, explica Óscar Pérez.

En ocasións, os especialistas atoparon feridas que levaban anos sen pechar e que, grazas a esta aplicación, conseguiron mellorar o tratamento e mesmo reducir o tempo de curación. Isto non só ten un impacto positivo no benestar do paciente, senón tamén na súa contorna familiar e no propio sistema sanitario. “Non só polos aforros humanos e o tempo, senón tamén polos custos”, subliña Pérez.

Na validación clínica tamén se está a avaliar o aforro económico e a efectividade de Kiur no ámbito sanitario. Aínda que os resultados se publicarán a finais de novembro, Óscar Pérez adianta que se observan “aforros substanciais”.

O futuro de KIUR

O próximo proxecto de Gradiant será a creación dunha spin-off a finais de ano. A empresa xa lanzou tres spin-offs ao mercado cun valor de máis de 40 millóns de euros e máis de 60 traballadores (Alice Biometrics, Sense Aeronautics e unha terceira especializada en detección, clasificación e neutralizacións de drons). O equipo traballará para obter todas as certificacións do sistema de calidade, entre elas a ISO 13485. Segundo adianta o CEO, entre 2026 e comezos de 2027 levarase a cabo un ensaio clínico a nivel nacional e internacional.

En base á súa actividade clínica, o modelo de negocio estrutúrase como un Software As a Medical Device (SAMD) e cun enfoque B2B. Kiur contará con dous principais perfís de clientes: por unha banda, o ámbito hospitalario e de atención primaria, xeralmente organismos públicos, responsables do coidado e das curas dos pacientes; e, por outra, as residencias de maiores, onde as feridas crónicas son un problema recorrente. “Os nosos socios sempre serán clínicos”, subliña Óscar Pérez.

A longo prazo, asegura que o sistema podería replicarse facilmente noutros ámbitos sanitarios, como as unidades de queimados ou os tratamentos dermatolóxicos. Grazas ao financiamento obtido a través do programa Caixa Impulse Innovación en Salud 2025, o equipo prevé expandir a solución, mantendo o foco nas feridas crónicas. “Temos previsto dar o salto a outros países europeos, como Alemaña ou Inglaterra“, explica.

O CEO destaca que o éxito de Kiur radica en dar resposta a unha necesidade real: non nace dun equipo tecnolóxico, senón dunha necesidade clínica. “Utilizamos a tecnoloxía para axudar ás persoas”, conclúe o membro de Gradiant. Na actualidade, o proxecto atópase en fase de validación en 18 centros sanitarios e varias residencias de maiores, nun estudo multicéntrico que busca consolidar a ferramenta como unha solución clínica práctica e eficaz para o tratamento de feridas crónicas en Galicia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol