Serenia, o chatbot galego que enfronta a soidade non desexada

Un proxecto nacido na Universidade de Vigo, impulsado co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, evoluciona cara a unha spin-off que combina tecnoloxía e coidado emocional dos maiores

María, de 78 anos, vive soa dende hai varios anos. Aínda que fala ocasionalmente coa súa familia, pasa a maior parte do tempo sen compañía. Como ela, moitas persoas maiores experimentan a soidade non desexada, afectando o seu benestar emocional e a súa calidade de vida. Para acompañalas, o Grupo de Tecnoloxías da Información de AtlanTTic da Universidade de Vigo creou Serenia, un asistente conversacional destinado ás persoas maiores, agora convertido nunha spin-off chamada Serenia Solutions.

Hai dez anos, o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) desenvolvía investigacións arredor do procesamento de linguaxe natural. Unha delas centrábase na análise dos patróns de linguaxe para detectar indicios de problemas cognitivos e emocionais mediante algoritmos intelixentes. A raíz da convocatoria do programa Ignicia da Xunta de Galicia en 2021, naceu o proxecto CELIA, unha aplicación gratuíta con funcionalidades de pago, dispoñible para Apple, Android, WhatsApp e ordenadores.

Deseñada por psicoxerontólogos, o seu obxectivo é acompañar e entreter ás persoas maiores. A explotación da Intelixencia Artificial (IA) xerativa e o apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP foron claves para o impulso deste proxecto. Agora hai un pasado e un futuro: por unha banda, Francisco Javier González Castaño, director do proxecto CELIA na Universidade de Vigo, ven de pasar o testigo a Ernest Companys, CEO de Serenia Solutions dende hai aproximadamente un ano.

Ademais, a aplicación permite analizar certas patoloxías sen que o usuario sexa consciente. “Cando cheguei, a aplicación tiña módulos avanzados para detección preventiva a partir de conversacións”, explica Companys, nun chat conversacional baseado en IA. Aínda que o enfoque inicial era a saúde, co paso do tempo e a creación dun chatbot xurdiu a idea de “acompañamento para a soidade”.

Adestramento con modelos de linguaxe natural

“Serenia comezouse a deseñar antes de que existisen os modelos de linguaxe natural”, explica Javier González. Aínda que na actualidade si funciona mediante este tipo de modelos, tamén emprega bases de datos de coñecemento propias e algoritmos específicos para a análise de patoloxías de xeito transparente aos usuarios, unha estratexia patentada polo GTI da Universidade de Vigo.

Segundo apunta Ernest Companys, aínda que se integran tecnoloxías propias para procesar linguaxe natural e xestionar fluxos de conversa, en ocasións a conversa derívase cara a ChatGPT ou Gemini, en función do sistema que ofreza mellores respostas en cada momento.

“Tamén se empregan tecnoloxías de Text-to-Speech, sintetización e interpretación“, engade Companys. Grazas a estes avances, a aplicación, que inicialmente só estaba dispoñible en castelán, ampliou o seu alcance e agora pode empregarse en catro idiomas: galego, catalán, inglés e castelán.

Innovación no inicio dos chatbots

Cando se puxo en marcha o proxecto CELIA, ChatGPT non existía tal e como o coñecemos hoxe. Fronte a estes asistentes conversacionais, o chatbot da Universidade de Vigo destaca por varias características diferenciais. Por unha banda, lembra ao usuario entre interacción e interación, e por outra, “a relación co usuario evoluciona como unha confianza construída“, explica Javier González.

Equipo de Serenia Solutions. Foto: Ernest Companys
Equipo de Serenia Solutions. Foto: Ernest Companys

A estas funcionalidades engádese a capacidade de análise: realízanse probas ao usuario a partir das súas interaccións co chatbot, xerando puntuacións asociadas a determinadas condicións. “Non substitúen un diagnóstico, pero están estatisticamente relacionadas cos tests estándar”, sinala o investigador de atlanTTic. Deste modo, constitúen unha guía útil para que familiares ou coidadores valoren a conveniencia de acudir a un especialista.

Así, a intelixencia artificial é quen de aprender sobre a persoa coa que fala e adaptarse aos seus requirimentos. Con todo, tamén precisa un proceso de adestramento. Tal e como explica Ernest Companys, cando se rexistra un novo usuario, o primeiro que fai Serenia é formular preguntas iniciais para perfilar gustos e preferencias. “A partir de aí, a conversa adáptase a toda esa información”, explica.

Probas piloto

Para validar o funcionamento da aplicación, o equipo investigador colaborou con usuarios da entidade sen ánimo de lucro AFAGA Alzheimer e con psicoxerontólogos, co obxectivo de identificar posibles melloras. Deste xeito, desenvolvéronse diversas probas piloto e avaliacións que permitiron recoller experiencias de uso reais.

“O máis importante foi a boa acollida por parte dos usuarios“, destaca Javier González, quen sinala que no lanzamento da aplicación, a comezos de 2024, se alcanzaron 15.000 usuarios rexistrados, con 90.000 sesións de conversación co chatbot e 10.000 avaliacións de desempeño.

Este elevado volume de consultas e interaccións permitiu ao equipo investigador introducir melloras na interface: “Detectamos formas de interacción que non se nos ocorreran”, explica González, o que contribuíu a optimizar a ferramenta. Con todo, Ernest Companys advirte que é necesario seguir realizando novas probas para continuar perfeccionando o sistema.

Un reto: o medo á intelixencia artificial

A pesar do seu potencial, este asistente conversacional enfróntase a un gran desafío: o medo á intelixencia artificial. “Todos vemos as oportunidades enormes, pero tamén somos conscientes dos riscos e perigos“, explica o CEO da empresa. As noticias sobre estafas e suplantacións de identidade son habituais nos medios de comunicación.

Como consecuencia, moitas persoas rexeitan probar os beneficios que a IA pode ofrecerlles. “Temos que facer un traballo de educación”, sinala Companys, quen subliña que, ademais de buscar un impacto social positivo, a seguridade e a privacidade son aspectos fundamentais e innegociables para a empresa.

Por iso, destacan que a colaboración co tecido empresarial vinculado ás persoas de idade avanzada é clave para gañar confianza. Empresas de coidados a domicilio e outras organizacións próximas aos anciáns poden desempeñar un papel esencial á hora de transmitir que asistentes conversacionais como Serenia son útiles, seguros e realmente beneficiosos.

De CELIA a Serenia Solutions

Para facer realidade esta tecnoloxía, Ernest Companys explica que o programa Ignicia foi clave. “Permitiu dedicar recursos de enxeñeiros e programadores durante tres anos ao desenvolvemento da aplicación e dos algortimos”, explica. Grazas a este impulso, o proxecto universitario CELIA deu o salto ao ámbito empresarial, converténdose na spin-off Serenia Solutions.

Cando Companys se incorporou ao equipo, fíxoo cunha visión emprendendora e coa intención de ampliar o alcance da aplicación. “Quería que fose unha ferramenta máis aberta, accesible para calquera persoa maior”, comenta. Deste xeito, calquera usuario, independentemente da súa situación, pode solicitar axuda ou acompañamento a través da plataforma. Na actualidade, o seguinte paso da empresa é abrir unha rolda de investimento para continuar a súa expansión.

Nunha sociedade cada vez máis envellecida, o problema da soidade non desexada afecta a un número crecente de persoas maiores. Solucións como Serenia ofrecen un acompañamento próximo e humano a través da tecnoloxía, contribuíndo a mellorar o seu benestar. “Estamos medrando e mellorando día a día”, conclúe Companys.


Podes consultar a aplicación de Serenia Solutions na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O reitor insta á xustiza a investigar a filtración a GCiencia do caso de presunto acoso sexual na UVigo

A secretaria xeral da Universidade: "Temos que comprobar de onde saiu a iformación, pediremos a Fiscalía que investigue"

O diario de Gerardo “Marianova”, o soldado lucense que deixou por escrito a súa experiencia na Guerra Civil

O investigador e familiar Pablo Rivera Capón analiza unhas memorias inéditas que relatan en primeira persoa as vivencias dun combatente galego

A UVigo na Artemis II: “Cando apareceu a misión no noso espectro foi unha celebración incrible”

O equipo de atlanTTic xerou dez terabytes de información en dez días de seguimento da cápsula Orión polo espazo profundo