Venres 6 Decembro 2024

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM

Con 18 anos, Verónica Bolón (Carballo, 1984) non tiña clara a súa vocación. Comezou unha enxeñaría en Telecomunicacións pero deixouno a mediados de curso. Aquela carreira non era para ela. Decidiu probar coa informática e decatouse de que iso era exactamente o que estaba buscando. Licenciouse en 2009, doutorouse en 2014 e logo dunha estadía na Universidade de Manchester converteuse en profesora titular na Universidade da Coruña e en investigadora no CITIC.

Actualmente centra a súa liña de investigación no estudo da intelixencia artificial, especialmente aquela que trata de ser o más sostible posible. É autora de dous libros, 48 artigos e máis de 50 en congresos internacionais. E segundo os datos de 2022, xa supera as 1.100 citas en Google Scholar. Unha carreira brillante que sempre permaneceu, sen présa pero sen pausa, polo camiño da informática. Agora, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acaba de galardoala co Premio Ada Byron polo fomento das vocacións STEM e polas súas liñas de investigación. Verónica xa pode dicir, sen medo, que atopou a súa vocación.

Publicidade

—Ada Byron foi a primeira persoa en desenvolver un algoritmo. E fíxoo xa no século XIX. Que significa para vostede recibir un premio co seu nome?

—Gustaríame que se coñeceran máis cientificas como Ada Byron. De feito, este xoves estiven nun colexio falando da miña profesión e expliqueilles aos nenos que non todo é Marie Curie, que tamén había outras científicas da historia moi importantes, como é Ada Byron. Así que recibir un premio co nome da precursora da informática é un honor e un pracer.

Publicidade

—Está suficientemente recoñecido o labor de Ada Byron nas ciencias da computación?

—É certo que hai premios co seu nome. Hai este e outro que dan en Deusto. En informática si que a coñecemos. Digamos que é a Marie Curie da informática. Pero se saímos deste ámbito non, non é coñecida. Igual o é por ser filla de Lord Byron. Tamén sae nun dos libros da saga Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes, sendo unha das 100 científicas que aparecen. Dende que saíu ao mercado este libro penso que a figura de Ada Byron se coñece máis.

—Fan falla máis referentes coma ela? Falamos dunha pioneira da informática a principios do século XIX.

—Ada Byron ten moito mérito. Foi unha pioneira cando nin se soñaba con ter ordenadores. E si, precisamos máis referentes porque as que existen non están claramente visibilizadas e fan falla máis modelos neste campo. A informática é un ámbito no que hai poucas mulleres, arredor dun 12% ou 13% de matriculadas. É moi pouco. Se hai poucas matriculadas tamén hai poucas exercendo despois a profesión. Obviamente todo o mundo coñece a Steve Jobs, Bill Gates e Mark Zuckerberg. Pero hai poucas mulleres. Hai que facer un esforzo por coñecer as que está en postos de poder. Pero, en xeral, hai poucas e hai que traballar en visibilizalas.

“As carreiras técnicas non se coñecen ben e por iso se matriculan menos nenas”

—Un dos motivos polos que recibe o Premio Ada Byron é polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. De feito, é a coordinadora do proxecto Inspita STEM no nodo da Coruña. En que consiste este programa?

—O programa naceu no País Vasco e estendeuse por diferentes comunidades autónomas e provincias. No proxecto temos a figura de mentoras, que son mulleres profesionais de calquera ámbito STEM, e que non teñen por que ser informáticas. Poden ser outro tipo de enxeñeiras, científicas… Estas mulleres van a colexios, ben a sexto de Primaria ou a primeiro da ESO, e traballan durante seis sesións cos nenos e nenas. Traballan temas como os estereotipos de xénero, que son as STEM, como son, como nos rodean, as mulleres referentes da historia… Tamén se xoga co feito de que estas mentoras traballan nunha disciplina STEM e van elas en persoa, e así ao alumnado coñece a unha referente feminina. Así, o alumnado sabe que esa muller é enxeñeira, informática ou o que sexa.

—Que vos transmiten os rapaces?

—Detectamos que xa hai bastante diferenza entre nenos e nenas a esas idades. Xa hai bastante estereotipo e normalmente é unha experiencia que lle gusta bastante ao alumnado. Pero confírmanos que este tipo de actividades fan falla. Hai algunhas sesións nas que se separan nenos e nenas. Non o facemos por segregación, senón para ver se se comportan igual. Ás veces as nenas están máis cohibidas cando están en grupo e sóltanse máis cando se separan. De todas formas, cando se separan os nenos reciben igual a formación. As mentoras sempre contan que entre os nenos sobre todo xa hai bastante estereotipo a esas idades e algúns incluso preguntan por que teñen que coñecer a esas mulleres. Un pouco preocupante para ter 12 anos…

“Segue habendo pais que lle din aos fillos que hai carreiras de homes e carreiras de mulleres”

—Por que as nenas seguen sen escoller as carreiras técnicas?

—Non cremos que haxa só unha razón. Se houbese só unha sería máis facil de solucionar. Pero sobre todo hai moito descoñecemento arredor deste tipo de profesións. Hai carreiras nas que isto non vai pasar porque son maioritariamente femininas, como a enfermería. Todos os nenos e nenas saben o que é ser enfermeiro. Haberá outras cousas pero non é a ignorancia. Porén, nas enxeñarías e na informática hai moito descoñecemento, é dicir, non se coñecen ben as profesións. É difícil querer ser algo que non se coñece. Por iso en Inspira se traballa moito en explicar que son esas profesións. En informática sobre todo hai o estereotipo friki. Ás veces as expectativas familiares… Polo visto, segue habendo pais que lle siguen dicindo aos seus fillos esta carreira é de homes ou de mulleres.

—Como se pode reverter este proceso e aumentar a cifra de alumnas nestas carreiras?

—Con este tipo de iniciativas. O bo de Inspira STEM é que vai a Primaria porque moitos dos programas que había, sobre todo ata ese momento, ían á etapa do instituto. E xa está demostrado que os estereotipos de xénero xa aparecen antes e canto antes se poidan ir traballando, mellor. Polo tanto, este tipo de iniciativas, charlas de divulgación, bacharelato STEM para que o alumando poida ir facendo proxectos de calquera destas disciplinas… Eu creo que hai moitos factores pero para min o coñecemento é clave porque son profesións que son descoñecidas pola sociedade en xeral. Por exemplo, a enxeñaría informática parece unha profesión solitaria, de frikis, de estar todo o día programando… Non é así. Os enxeñeiros informáticos o que facemos é resolver problemas grazas á computación. Para poder resolvelos hai que pasar horas con xente doutras disciplinas e entender o problema que teñen para poder solucionalo. Realmente é unha profesión social na que fai falla saber socializar, empatía, ter un pensamento computacional de como resolver problemas… Pero isto é algo que non se coñece e descubrimos cando xa estamos exercendo.

“Chat GPT non é un profesional. O único que fai é predicir a palabra máis probable en función das anteriores”

—É dicir, prevalencen os estereotipos.

—Si, si. Se lle fas unha enquisa á xente da rúa verás que moitos pensan que os enxeñeiros informáticos son os que arreglan ordenadores. E eu non teño nin idea… O que resolvemos coa enxeñaría informática son outro tipo de problemas. Hai un descoñecemento da sociedade, de igual modo que a maioría da xente non sabe o que fai un enxeñeiro de camiños. Hai profesións que coñecemos moito porque estamos acostumados. Por exemplo, todo o mundo vai ao médico e sabe o que é un médico pero hai outras nas que hai máis descoñecemento. Se se coñeceran máis, non vexo por que unha carreira lle vai gustar máis aos homes e non ás mulleres.

—Vostede sempre tivo clara a súa vocación?

—Non, eu non tiña unha vocación clara. Eu si que estudara un bacharelato científico-tecnolóxico e sabía que me gustaban as matemáticas e a física. Como non tiña vocación decidín facer enxeñaría e dentro delas chamoume a atención Telecomunicacións e empecei. Despois, a metade de curso, vin que non me gustaba e non me acababa de encher. Pero iso foi unha decisión moi difícil porque eu sempre fora unha alumna de boas notas e, de repente, iso era como un fracaso. Ao final fun valiente e decidín que iso non me gustaba e que quería probar outra cousa. Nese momento faláronme de enxeñaría informática e aí descubrín a miña vocación. Pero eu tampouco sabía que se facía nesta carreira ata que me vin alí. De feito, eu sempre que vou dar unha charla a un instituto conto a miña experiencia. Non temos que ter medo a equivocarnos. Os erros teñen solución e non pasa nada.

—Unha das súas principais liñas de investigación é o estudo dos algoritmos verdes? Como de preto estamos de que sexan cada vez máis sostibles? E, sobre todo… Para que serven?

—Agora estamos lonxe porque realmente non é algo que lle interese ás grandes empresas ou, polo menos, non se lles vai esixir. As grandes empresas son as que consomen a meirande parte da intelixencia artificial, as que poñen os cartos e das que vemos os avances. E os algoritmos verdes de momento non lles interesan porque están en contraposición a avances como Chat GPT, que aínda que non sabemos cal é o consumo enerxético ten que ser enorme. De feito, hai algúns estudos que intentan estimalo.

É interesante porque a intelixencia artificial ten un impacto bastante grande no consumo enerxético. Había un estudo sobre GP3, o primeiro modelo no que estaba baseado Chat GPT, que na súa etapa de adestramento, cando aprende, consumía o equivalente a 126 fogares daneses. É unha barbaridade. E iso só na súa fase de adestramento, pero este tipo de sistemas volven adestrar máis veces para refinarse. Hai que pensar tamén que Chat GPT ten que ter un consumo de uso moi grande. Estes grandes modelos están aloxados en grandes supercomputadores, na nube. Había un estudo de Greenpeace que dicía que os grandes centros de datos son responsables de entre o 2% e o 3% do consumo enerxético global. E isto era antes, cando aínda non aparecera Chat GPT.

Os algoritmos verdes o que buscan é conseguir un resultado competitivo pero diminuíndo o coste enerxético. Se temos unha solución en termos do que quere predicir pero consome moito menos… Mellor, pero depende para o que sexa. Se é para algo médico, búscase precisión. Se é para recomendar unha película en Netflix e falla un pouco pero é máis sostible, paréceme un bo compromiso.

—Mellor a concepción social da intelixencia artificial? O Chat GPT acapara diaramente portadas dos medios.

—Que contribuíu a que se coñecera máis a intelixencia artificial… Seguro. Como investigadora, as ferramentas como Chat GPT fascínanme. Cando o probei por primeira vez levei unha gran sorpresa e non imaxinaba algo tan sofisticado. Como usuaria, dáme medo. Están lanzando todos estes avances en produtos novos que en realidade están en desenvolvemento e están chegando á poboación sen pasar ningún tipo de control, sen que haxa regulación e isto ten os seus perigos. Por exemplo, Chat GPT invéntase moitas cousas e iso sábese e recoñéceno os seus creadores. Pero se non pasa por controis, ninguén te avisa e a xente pensa que o pode usar para facer un traballo… Sen coñecer os seus riscos. Ademais doutros problemas éticos como a privacidade dos datos que emprega. E como Chat GPT outras moitas ferramentas similares que estamos utilizando sen saber se son discriminatorias, se respectan os dereitos das persoas… Ti tes un electrodoméstico na túa casa e pasou por controis de calidade. Pero estes sistemas de intelixencia artificial non pasan controis e a xente está a usalos igual.

“Gustaríame seguir investigando para converter a intelixencia artificial en algo máis sostible, máis democrático e máis ético”

—Talvez un dos grandes riscos pode ser o autodiagnóstico. Pese a que a intelixencia artificial ten moitas e interesantes aplicacións biomédicas.

—Si. O outro día comentáronme que en TikTok hai moitos vídeos de xente pedíndolle a Chat GPT unha dieta para adelgazar. Obviamente esta ferramenta non é un nutricionista e o que fai é soltar datos de dietas que aprendeu. Eu non digo que non poida ser un apoio para un profesional, pero por si só non, porque nin sequera preguntaba o peso da persoa. Soltaba aí un texto con sentido e xa está. A min dáme un pouco de medo que a xente vexa iso, o crea e o faga. Imaxina para que máis se pode utilizar sen ningún tipo de control. E Chat GPT non é nutricionista porque o único que fai é predicir a palabra máis probable en función das anteriores.

—Cales son os seus próximos proxectos? Que lle gustaría?

—Gustaríame seguir investigando na intelixencia artificial verde. Os grandes modelos de linguaxe como Chat GPT ou a posibilidade de crear unha intelixencia artificial xeral iso é para as grandes empresas. Os investigadores temos que buscar outras áreas e a min paréceme interesante este desafío de conseguir métodos de intelixencia artificial que funcionen relativamente ben pero que sexan máis sostibles, máis inclusivos, que non faga falla ter acceso a eses supercomputadores. Unha intelixencia artificial máis democrática, máis sostible e máis ética.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

A falsa empatía de Chat GPT

Os 'chatbots' usan palabras e frases comprensibles e familiares e tamén adoptan patróns de comunicación propios das persoas

atlanTTic desenvolve un proxecto para afrontar os riscos dos sistemas de aprendizaxe federada

Os equipos liderados por Rebeca Díaz e Fernando Pérez combinan diferentes tecnoloxías para dar resposta a un dos maiores problemas da era dixital: a privacidade