Chega a lúa de maio, denominada tamén Lúa de Flores, xa que é o mes da primavera no que as plantas comezan a florecer. A orixe deste nomeamento remóntase ás culturas precolombianas de América. E é que observar o satélite dende a Terra en todo o seu esplendor é un dos acontecementos máis agardados para os aficionados á astronomía. En Galicia, o 5 de maio ás 19:00 horas a Lúa atoparase completamente chea. Con todo, os ceos estarán cubertos polo paso dunha borrasca, o que pode dificultar a súa observación.
Outro dos factores que fan máis especial a lúa de maio é que producirá unha eclipse lunar penumbral, que durará aproximadamente catro horas e poderá verse dende África, Asia e Australia. Non aparecerá nos ceos de Galicia. Dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, o astrónomo Pedro Pablo Campo explica que a lúa en Galicia sae antes, de maneira que o satélite non se atopa visible cando se está a producir a eclipse. “Non se ve porque a Lúa non chega a entrar na sombra da Terra, entra no chamado cono de penumbra“, comenta Campo. A eclipse lunar penumbral dáse cando a Terra se interpón entre o Sol e a Lúa, polo que sempre se produce nas fases de lúa chea.
Polo xeral, o astrónomo explica que as eclipses de lúa son fáciles de ver. Poden darse entre catro e sete ao ano, contando tamén coas de Sol. De feito, o próximo 28 de outubro haberá unha eclipse parcial de Lúa, pero é posible que tampouco a cheguemos a ver. “Non é de moita magnitude, só se vai tapar unha esquina da Lúa”, comenta. O Real Observatorio Astronómico de Madrid, comenta que outros fenómenos astronómicos que poderemos ver en maio serán durante o anoitecer, cando se poderá observar a Marte e Venus; e durante o amencer, a Saturno, Xúpiter e Mercurio.
A Lúa de Flores será grande e brillante pero non chegará a ser unha superlúa —este ano haberá catro, unha en xullo, dúas en agosto e a última en setembro—. Poderemos observala se o tempo o permite, xa que se agardan precipitacións. Os astrónomos aconsellan que as condicións idóneas para contemplala son zonas alonxadas da contaminación lumínica, despois de adaptar os ollos á escuridade durante mínimo media hora. Por suposto, aparatos como o telecoscopio serán os compañeiros ideais para esta e todas as lúas cheas.