Sábado 20 Abril 2024

“Apagar todos os incendios, desde o punto de vista ecolóxico, é discutible”

O investigador forestal José Antonio Vega axúdanos a coñecer mellor os incendios forestais para previlos e, sobre todo, para protexernos

Escoitamos moito falar dos incendios, cada vez máis. De feito, a ameaza do lume e os danos que provoca centran agora a nosa atención ao longo de todo o ano, xa non só no verán. As informacións e as campañas de loita contra o fogo forestal multiplícanse, pero descubrir ou repasar algúns conceptos sobre os incendios nunca é un exercicio van se queremos facer fronte á unha das peores consecuencias do cambio climático en territorios como a fronteira entre España e Portugal.

José Antonio Vega é doutor Enxeñeiro de Montes e dedicou toda a súa vida profesional a investigar como mellorar as técnicas de protección contra incendios, algo que segue facendo incansablemente. Dirixiu o Centro Forestal de Lourizán, en Pontevedra, e foi profesor na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo durante máis de dúas décadas. Vega visita de novo as aulas do centro, pero esta vez para responder as preguntas de GCiencia.

Publicidade

Como ten evolucionado a nosa visión do fogo?

—Os restos arqueolóxicos demostran que o lume en Galicia, como noutros lugares, foi empregado polas persoas durante miles de anos para alimentarse e darlle de comer ao seu gando, por exemplo. O fogo é un elemento da evolución humana inmenso, pero tamén da evolución da vexetación, dos seus ciclos de vida, e quizais a xente non sexa consciente disto.

Nas últimas décadas mostrouse moito o lado negativo do lume e iso perturba non só o noso enfoque, senón tamén a propia xestión dos incendios. Todos os incendios son considerados unha emerxencia, pero moitos non o son realmente. En España, por exemplo, hai miles de lumes provocados polos raios, é dicir, de orixe natural. Apagar todos os incendios, desde o punto de vista ecolóxico, é discutible. O éxito da extinción ten ademais o seu paradoxo. Os combustibles acumúlanse provocando que o próximo incendio sexa máis daniño. Hai que encontrar un equilibrio na idea que se ten do lume. É algo fundamental que a sociedade debe ter claro.

Segue ardendo Galicia co lume forestal, como dicían Os Resentidos nos oitenta?

—Galicia segue ardendo máis que o resto do país, moito máis. Houbo períodos de tempo nos que a porcentaxe do número de incendios chegou a ser dun 50% no conxunto estatal. Pero afortunadamente xa non é así. Hoxe, o número de incendios segue sendo alto para a superficie forestal que temos, é verdade. Isto é consecuencia de moitos factores como poden ser unha poboación rural moi dispersa, aldeas illadas, a tradición do uso do lume ou a desorde territorial. Pero, como digo, a tendencia é decrecente. Non hai que ser triunfalistas, pero é unha realidade. A xente que empregaba o lume de xeito tradicional, unha importante fonte de neglixencias, vai desaparecendo e as novas xeracións están educadas doutra maneira.

Por que arde máis Galicia?

—Nos lugares moi habitados como é Europa e concretamente Galicia, a orixe dos fogos é fundamentalmente humana. Que proporción son neglixencias? Cantos son intencionados? É un tema inabordable e penso que sería máis eficaz non focalizarnos tanto nese tema, que tamén é necesario, pero ser máis proactivos, pór máis énfase na concienciación da poboación e na educación desde a escola infantil. Non debemos buscar tanto as raíces profundas das causas porque mentres sexa tan fácil queimar e haxa tantas horas no día nas que non hai vixilancia, pois seguirá habendo incendios.

“O número de incendios segue sendo alto en Galicia para a superficie forestal que temos”

Tamén existen factores climáticos e da vexetación. Na parte oriental temos un clima mediterráneo e ademais trátase dunha zona con pouca poboación e polo tanto con moita continuidade xa nos combustibles. Na parte esquerda, na atlántica, as precipitacións son abundantes e a temperatura suave, por iso a vexetación crece tanto. E isto é unha grande diferenza con outras zonas do país.

Cales son os danos que provocan os incendios forestais?

—O peor deles, a perda de vidas humanas, sen dúbida, e tamén o impacto nos bens e nos servizos que o home obtén dos recursos forestais. O efecto na calidade do aire, pode ser outro deles, xa que cos grandes incendios libéranse millóns de toneladas de gases que contribúen ao efecto invernadoiro. O impacto na saúde mental da poboación tamén é algo que debemos ter en conta. Pero despois tamén existen outros efectos, quizais menos tanxibles, que son os que causan no ecosistema. Para min o peor dano é o que se produce no solo porque pode perdurar moito tempo. A vexetación recupérase e os animais volven, pero o solo tarda en producirse miles de anos.

Non debemos esquecer que a conxunción de incendios repetidos, provoca a degradación final do solo. Moitas das paisaxes que agora son totalmente improdutivas en Galicia ou nas que é difícil plantar vexetación que nos gustaría ver como os carballos, son terreos nos que o solo xa está degradado polo uso inadecuado do lume.

O fogo foi un elemento esencial da evolución da humanidade, pero tamén da vexetación, dos seus ciclos de vida.
O fogo foi un elemento esencial da evolución da humanidade, pero tamén da vexetación, dos seus ciclos de vida.

Está preparada Galicia para afrontar os grandes incendios forestais, cada vez máis intensos e severos como consecuencia do cambio climático?

—Eu creo que non e o que aconteceu no ano 2017 co furacán Ophelia en Galicia, e sobre todo en Portugal, foi un aviso. Facer fronte a este novo tipo de incendios, esixe un cambio de mentalidade. Necesitamos actuar sobre o territorio a unha escala distinta ao que estabamos acostumados. Trátase dun problema que afecta o conxunto da poboación e polo tanto a xente ten que aprender a tomar decisións de maneira colectiva. É necesario crear novas estruturas de combustible e manexar doutra maneira o territorio para impedir que o lume avance. Isto é moi importante para protexer a vidas das persoas.

Como podemos encarar este tipo de incendios?

—O primeiro, con responsabilidade e desde unha perspectiva solidaria, sobre todo entre o medio urbano, que tamén se ve afectado polas consecuencias do lume, e o rural. No terreo, as queimas prescritas poden ser unha solución ecolóxica e eficaz que se debe regular para a redución de combustible e, desde a ciencia, debemos seguir investigando e traballando na restauración do solo, ir máis alá da rehabilitación que se practica hoxe, pero que é unha medida de urxencia para evitar a súa degradación. Pero tamén penso que non podemos caer no fatalismo do cambio climático, na idea de que non podemos loitar contra el e mitigar as súas consecuencias e non asumir así as nosas responsabilidades. Por último, quero pensar que os incendios tamén poden ser considerados como unha oportunidade para pensar no que estamos facendo mal e intentar corrixilo.

  1. É INCRÍBEL QUE AO ANALIZAR OS INCENDIOS OS PRESUNTOS DOCTOS NA CUESTIÓN SE ESQUEZAN
    DE COUSAS BÁSICAS QUE SON ESPECIALMENTE CLARAS EN GALIZA .

    UNHA , O ENORME EUCALIPTAL QUE NOS ASOLAGA

    OUTRA , O MINIFUNDISMO QUE IMPOSIBLITA CALQUERA APROVEITAMENTO RACIONAL DO MONTE

    O NECESARIO ABANDONO POR TANTO QUE HOXE SE
    DA POIS OS DONOS DOS MONTES DESCOÑECEN OS
    SEUS TERREOS CUNHAS MEDIDAS ÍNFIMAS QUE FAN IMPOSIBLE CALQUERA INVERSIÓN.
    CANDO O TOXO SE CORTABA POLOS PROPIETARIOS
    PARA FACER ABONO ORGANICO O MONTE NON ARDÍA .

    BEN HABERIA MOITO QUE FALAR PERO HOXE É IMPOSIBLE FACER ALGO POLOS PROPIETARIOS POIS
    XA NON HAI XENTE QUE TRABALLE NO RURAL E ISO
    HAI QUE TELO EN CONTA …

    O CATASTRO É UN DESASTRE ETC,ET C…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións