Venres 11 Outubro 2024

‘Sica’ e todo o que non lle pertence ao mar

O cambio climático aparece representado nun contexto de cotiandade na primeira longametraxe de Carla Subirana, ambientada na Costa da Morte

O mar devolve á terra todo o que non lle pertence. Este é o mantra que envolve a hora e media que dura Sica (Carla Subirana, 2023), cuxa estrea en salas é o 19 de maio. Esta clave ten dous sentidos. A súa lectura máis obvia apunta a todos aqueles obxectos que rematan perdidos no mar polo deixamento humano: botellas de plástico, tapóns, aparellos de pesca, produtos hixiénicos, crema solar e unha longa lista de corpos inmóbiles arrastrados pola súa forza. Tamén é a esperanza que mantén a protagonista para que o mar lle devolva o seu pai, desaparecido tras o naufraxio do barco no que navegaba, ao igual que o pai doutra rapaza da vila.

Na penumbra do salón da súa casa, Sica (Thais García) está apoiada no peito da súa nai, Carmen (Núria Prims), e escoita os latexos do seu corazón. A televisión, mentres, marmura sobre a suba do nivel do mar e os efectos do quecemento global coa voz do narrador dun documental. Son espectadoras de forma pasiva de todas as mudanzas que a natureza está a experimentar, ao carón da súa casa e alén da Costa da Morte. Por un momento, o cambio climático semella un problema afastado, secundario e, sobre todo, interiorizado.

Publicidade

Isto mantense como fío durante todo o filme, permanente nos detalles da cotiandade. Sica atopa nas rochas un deses obxectos expulsados polo mar, o que pode ser unha pista para a súa busca. Leda (María Villaverde), quen tamén perdeu o seu pai no naufraxio, devólvea á realidade cunha frase: “Só é unha morea de plásticos“. De novo, os sinais que alertan a crise climática aparecen integrados na normalidade.

Sica e Leda. Crédito: Sica

A Costa da Morte é o escenario no que se desenvolven todos os acontecementos, cuxa espectacularidade queda retratada pola fotografía de Mauro Herce (Arraianos, O que arde, Longa noite). Non se pon nome á vila, pero si a localizacións exactas. A particular formación xeolóxica de furna das Grallas ou furna de Pedra Furada na praia de San Miro (Malpica) crea un eco que para Sica é un faro que alumea a súa esperanza, unha presenza que a acompaña.

Publicidade

—Hoxe fun á furna das Grallas e escoitei a papá —dille Sica á súa nai.

—De verdade cres que sentirás o teu pai a través dun furado? —respóndelle.

—Todo o mundo sabe que as almas dos mariñeiros descansan aí —replica Sica as lendas sobre as almas dos mariñeiros que poden oírse entre as gretas da terra.

A natureza conduce a acción das personaxes como unha máis. “O vento, o mar, as ondas… móstrannos o seu propio estado de ánimo, co temperamento único que ten o océano nesta costa. Os personaxes amósanse pequenos fronte á súa inmensidade, e medorentos ante a chegada do furacán Ofelia, que ao mesmo tempo é a única capaz de devolver a harmonía á vida de Sica”, explica Carla Subirana. A capacidade de Suso (Marco Antonio Florido), ao que chaman cazatormentas, é a de ler e predicir a natureza, determinante na viaxe de Sica.

Sica e Suso, o cazatormentas. Crédito: Sica

De Barcelona á Costa da Morte

Hai 6 anos cheguei camiñando, polo Camiño dos Faros, a unha pequena vila da Costa da Morte e quedei fascinada pola beleza salvaxe das súas paisaxes e polas historias dos naufraxios. Nese instante decidín facer unha película”, lembra a barcelonesa Carla Subirana da súa toma de contacto co escenario. A película é unha coprodución entre Cataluña e Galicia e está rodada en ambas linguas. Esta ruta que percorreu Subirana une Malpica con Finisterre pola costa en máis de 200 quilómetros.

Os actores máis novos foron seleccionados nun casting realizado entre poboación autóctona. Thais García (Sica) é de Cabana, Marco Antonio Florido (Suso) é de Carballo e María Villaverde (Leda) é de Vimianzo. Pola outra banda, Carmen, a nai, é Núria Prims, unha actriz tamén de Barcelona de extensa traxectoria. Dentro da historia, a personaxe conserva a súa procedencia, por iso as conversas entre Sica e a súa nai transitan con fluidez o galego e o catalán. Sica é un filme de coexistencias: entre idiomas e coa natureza.

Partimos de que a convivencia entre linguas é unha realidade, xa non só na rúa senón tamén nos fogares. Plasmar esta realidade ten que facerse desde unha perspectiva moi sutil para que non renxa ao público que non está afeito. Neste caso ten que ver coa relación que hai entre nai e filla, que, aínda que manteñan unha distancia, son elas dúas as que conforman a familia porque o pai non está. E teñen o seu propio código, baseado en que cada unha fala nunha lingua, sen maior problema”, explica Prims. Esta convivencia de linguas sucedía de igual xeito durante a rodaxe, onde “unha boa parte do equipo falaba catalán”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes

Non son medusas: estes son os animais que apareceron nas praias da Costa da Morte e do Morrazo

A principal hipótese atribúe o varamento masivo de veleiriños ás correntes e fortes ventos provocados pola borrasca Nelson

A carabela portuguesa invade as praias da Coruña: como actuar se che pica?

Na Costa da Morte tamén aparecen exemplares de 'Pelagia noctiluca', unha medusa luminiscente cunha picadura moi urticante

Onde ver o mar de ardora? Estas son as mellores praias da Costa da Morte

O fenómeno de bioluminiscencia deixouse ver nas últimas semanas con todo o seu esplendor nos areais de Estorde (Cee) e Carnota