Venres 29 Marzo 2024

Antibióticos e cremas solares acumúlanse no mar: “Descoñecemos o seu impacto”

Científicos recompilan nun libro as substancias emerxentes no medio mariño, unha materia da que existe pouca información

A crema solar libera contaminantes no medio mariño; tomar antibióticos e empregar elementos tecnolóxicos ou produtos de limpeza, tamén. Estas substancias levan moitos anos nos océanos pero é agora cando se comeza a prestarlles atención polo seu aumento tanto en augas superficiais como nos fondos mariños. O Instituto Español de Oceanografía (IEO) acaba de publicar un libro onde recolle a orixe, o destino e a ecotoxocidade destes principais contaminantes. Na súa meirande parte, descoñécense as consecuencias que poden supoñer para as persoas e para os organismos, mais os expertos auguran que non son boas.

Contaminantes de preocupación emerxente no medio mariño: os desafíos actuais na contaminación mariña é un libro que reúne unha descrición exhaustiva de 38 especialistas internacionais. As investigacións recollidas no número amosan a relevancia destes contaminantes non só nas zonas costeiras, tamén en mar aberto, posto que algunhas subtancias poden desprazarse longas distancias. Juan Bellas, investigador do IEO e un dos editores de libro, explica que aínda que se fale de contaminante emerxente, é un contaminante “consolidado”: “O que é novo é o interese. Comezan a detectarse no ambiente en cantides altas”, alega.

Publicidade

Fármacos e antibióticos, produtos de coidado persoal (un rango moi amplo: filtros ultravioleta, cremas solares, fragancias, protectores para a pel), produtos de uso doméstico para a limpeza do fogar (deterxentes, pesticidas e fórmulas de nova xeración), microplásticos e neoplásticos e tamén elementos de obxectos tecnolóxicos, como os metaloides ou o platino, son os contaminantes emerxentes que recollen os expertos no libro. “Dependendo do tipo de contaminante, as vías de entrada poden ser varias. Algúns chegan a través das augas residuais e outras de maneira directa sen pasar por redes de saneamento, como por exemplo, os fármacos: elimínanse pola orina e non se transforman, están deseñados para iso”, conta Bellas.

“Hai pouca información sobre estes contaminantes e non están regulados, tampouco existe un seguemento sobre a súa contaminación”

JUAN BELLAS, investigador

Actualmente, as depuradoras non teñen un tratamento específico para estes novos contaminantes e non existe lexislación que as regule, o que significa que non se pode establecer un control, como si pasa por exemplo cos hidrocarburos o cos plásticos e obxectos que proveñen dos aparellos de pesca. Aínda que hai 10 ou 12 anos do comezo das investigacións ao redor destes elementos nos medios mariños, non existía suficiente avance tecnolóxico para poder analizalas. “Hai pouca información sobre estes contaminantes e non están regulados, tampouco existe un seguemento sobre a súa contaminación. É un grupo moi hetereoxéneo de substancias. Notabamos que faltaba un libro que recompilara a información porque hai moito descoñecemento”, alega Juan Bellas.

En canto aos riscos para a saúde das persoas, o investigador explica que estes elementos poden acumularse nos organismos que consumimos como o marisco. Algunhas substancias están reguladas e limítase o nivel permitido en produtos de pesca, sen embargo, os que non, teñen “bioacumulación”, que é o proceso polo cal un ou máis organismos vivos absorben grandes cantidades de toxinas no seu corpo de maneira constante. No caso dos fármacos, explica Bellas, “cando son emitidos ao medio mariño, en lugar de contribuír nunha enfermidade, producirán un efecto. Calquera fármaco vainos producir un dano e pode xerar resistencias bacterianas, de maneira que cando unha persoa se infecte combater a estes organismos será moito máis díficil.”

Novos sensores para detectar tóxicos nas augas

As nanopartículas de óxido de titanio e de prata proveñen de numerosos bens de consumo: pinturas, cosméticos, protectores solares, deterxentes e roupa. Científicos do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) con Miguel Ángel Correa á dirección acaban de desenvolver unha nova xeración de sensores que permite detectar estes compoñentes na auga mariña. O proxecto iniciouse a mediados de 2019 e o obxectivo era investigar o impacto na saúde humana da indixestión destas substancias, porén, os propios investigadores recoñeceron a falta de información sobre os efectos das nanopartículas na auga, nos ecosistemas e nos humanos. O dióxido de titanio está presente na protección solar e concéntrase no fondo mariño, un compoñente canceríxeno se se inhala e que a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) considera que non é seguro cando se emprega como aditivo alimentario.

Por exemplo, a investigación realizada pola Universidade de Vigo demostrou que as taxas de acumulación eran diferentes estre as especies mariñas. “A acumulación na carne do rodaballo foi baixa, pero maior en órganos como o fígado e os riles, que non se acostuman comer. Os mexillóns tiñan niveis máis altos de acumulación, algo que debe relacionarse co tipo de contorna na que se cultivan”, alegan.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%