O uso de redes sociais está relacionado co desenvolvemento de trastornos da conduta alimentaria

O estudo apunta que o 90% das persoas afectadas son mulleres e que é necesario impulsar a prevención na adolescencia

Os crecentes trastornos da conduta alimentaria (TCA), son enfermidades que están influenciadas por múltiples factores: biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais. Na súa tese de doutoramento, a investigadora e traballadora social Paula Frieiro analizou a influencia das redes sociais e da autoestima sobre estes trastornos na adolescencia e a posible resposta desde o traballo social a esta problemática. Os estudos realizados, indica, “evidencian que a socialización en redes, as variables persoais e familiares e a autoestima repercuten sobre o risco de padecer TCA”.

A tese, con mención internacional, foi dirixida desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense polo profesor Rubén González e realizada no marco do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da UVigo, ao que pertence a súa autora. A súa finalidade foi “comprender algunhas das necesidades actuais dos trastornos da conduta alimentaria” e a metodoloxía de investigación escollida foi mixta, elaborando Paula Frieiro para esta tese oito estudos, tanto cualitativos como cuantitativos, e investigación aplicada mediante a creación e proposta dunha ferramenta tecnolóxica.

Publicidade

Segundo explica a xa doutora pola UVigo, é “transcendental o estudo da autoestima relacionada cos trastornos da conduta alimentaria, por vincularse de maneira central coa construción da propia imaxe corporal e por ser un factor mediador no risco de condutas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria”. De igual forma, engade, a crecente socialización a través de redes sociais xera situacións de comparativa social que repercuten sobre a autoestima e sobre a saúde mental. Os TCA, detalla Paula Frieiro, “caracterízanse por ser frecuentes na adolescencia, oscilando nesta etapa entre un 6% e un 8%”, datos que, sinala, estanse incrementando.

Desenvolvemento e/ou perpetuación dos TCA

A partir dos resultados acadados no seu traballo, a investigadora destaca que “as actitudes e condutas de risco asociadas aos trastornos da conduta alimentaria veñen influenciadas por variables persoais (idade, xénero, curso escolar e o uso que se fai das redes sociais) e por factores sociofamiliares (nivel de estudos da familia e grao de relación familiar)”. Así, apunta por exemplo que as familias con maior nivel de estudos dispoñen, xeralmente, de maior capacidade de afrontamento destes trastornos e as persoas que manifestan ter unha relación familiar regular teñen unha maior puntuación nas dimensións de dieta, preocupación pola comida, risco de bulimia e control oral respecto das familias que teñen relacións boas ou moi boas.

Publicidade

Segundo explica Paula Frieiro, na tese identificouse e observouse unha evidencia “clara e suficiente” sobre a importancia de considerar a autoestima no estudo destes trastornos, ao mesmo tempo que se deben ter presentes a influencia da contorna familiar, os factores socioculturais e de forma específica a perspectiva de xénero, apuntando neste senso que o 90% das persoas ás que se diagnostican TCA son mulleres. “Os resultados alcanzados nesta tese evidencian que o xénero, a idade, o curso académico e o tipo de centro xeran diferenzas significativas nos niveis de autoestima da poboación adolescente”, apunta a doutora.

Ademais, na tese identificouse que, conxuntamente con outras situacións ou factores, “o uso de redes sociais está significativamente relacionado co posible desenvolvemento e/ou perpetuación dos TCA”. A investigación realizada detalla que “o risco de padecer trastornos da conduta alimentaria está influenciado polo tempo de uso de redes, polo tipo de interaccións que se producen e polas fotografías compartidas, así como polo xénero e o contexto sociocultural das persoas usuarias de redes sociais”. Segundo explica a súa autora, no estudo realizado establécese que a autoestima e o uso de redes sociais inflúe nos TCA de forma global. “Evidénciase a este respecto, un aumento das condutas dos trastornos de conduta alimentaria cando a autoestima é baixa e unha maior socialización a través das redes sociais tamén conduce a un maior risco de condutas relacionadas cos TCA na etapa da adolescencia”, afirma.

Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA

Froito da investigación realizada, Paula Frieiro indica que “Conclúese necesario impulsar a prevención relacionada co uso das redes sociais, de forma que se fomenten habilidades como o pensamento crítico sobre a información que se percibe a través destes medios. Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA”. O interese da autoestima durante a adolescencia é fundamental, xa que, afirma, “a promoción da autoestima positiva e a diminución da autoestima negativa resultan de especial utilidade para a prevención dun amplo rango de problemas de conduta, emocionais, de benestar xeral e de saúde mental tanto na adolescencia como na posterior etapa adulta”.

Co obxectivo de contribuír positivamente neste senso, no marco desta tese e do proxecto Inou Dixitou, no que participa un equipo multidisciplinar da Facultade de Educación e Traballo Social e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, creouse unha ferramenta en formato xogo de aplicación móbil, actualmente en fase de probas, para que a adolescencia poida enfrontarse de forma autónoma e responsable ás situacións de risco que potencialmente poden producirse en redes sociais.

Intervención e acompañamento social

Por último, a tese abordou a resposta desde o traballo social a esta problemática, subliñando que a intervención e acompañamento social pode conducir a “unha mellora substancial a nivel individual e familiar dos TCA”. A tese apunta que o traballo social pode mellorar o impacto sobre o proxecto de vida da persoa afectada e mellorar as dinámicas familiares. “Esta disciplina pode formar e realizar grupos de apoio, desenvolver e promover talleres socioeducativos, utilizar ferramentas de resolución de conflitos e mediación familiar, xerar un vínculo profesional de acompañamento e asesoramento social durante todo o proceso de enfermidade, así como tamén ha de considerar as necesidades de conciliación familiar fronte a enfermidade”, lembra a investigadora. Estas respostas de acompañamento social da enfermidade foron abordadas desde a perspectiva social e familiar tanto en Suecia como en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Un novo estudo asocia a comunicación en redes sociais con descoñecidos a unha maior soidade

A interacción dixital con persoas alleas incrementa a percepción de illamento, mentres que o contacto virtual con achegados non logra reducila

Así é Hodio, a nova ferramenta anunciada por Pedro Sánchez para rastrexar o odio nas redes sociais

A iniciativa combina intelixencia artificial e revisión humana para avaliar contidos publicados nas cinco plataformas máis utilizadas en España

GCiencia rompe a barreira dos 50.000 seguidores en Instagram e ingresa no top 5 dos medios galegos

O portal líder en divulgación consolídase como o primeiro nativo dixital en galego e suma xa unha comunidade global de máis de 160.000 persoas en todas as súas redes