Maite Taboada, colaboradora de Google: “O odio comeza por nós, o que fan as redes sociais é distribuílo”

A nova membro da Real Academia Galega de Ciencias é catedrática de Lingüística no Canadá, onde centra a súa liña de investigación na análise do discurso na rede

Maite Taboada leva máis de media vida no Canadá, onde é catedrática de Lingüística na Universidade Simon Fraser de Vancouver. Este mércores converteuse na nova membro da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. A investigadora, filla de pais galegos, centra a súa investigación actual na detección de discursos de odio e desinformación en Internet e nas redes sociais co obxectivo de crear espazos máis cívicos e construtivos. De feito, está a desenvolver o seu proxecto actual en colaboración con Google. Precisamente ela, que empezou no mundo das letras, traballa nun campo onde a clásica barreira entre as humanidades e as ciencias xa non existe. A súa entrada na RAGC xa non só é unha alegría pola súa orixe galega, senón unha forma de reivindicar que a lingüística é unha disciplina transversal e necesaria en todos os campos do saber.

Acostumada ao estudo dos discursos de odio, Taboada analiza nesta entrevista as mensaxes que proliferan en redes sociais, cales son as súas características máis salientables e como inflúen os comentarios de persoeiros como Elon Musk e Donald Trump. A investigadora reflexiona sobre a necesidade de regular e poñer couto ás noticias falsas, á desinformación e ao odio que camiña con liberdade nas plataformas dixitais, pero tamén fai fincapé na importancia das decisións individuais. “Podemos votar”, lembra Taboada. Unha mensaxe que, aínda que semella obvia, é extraordinariamente necesaria nun contexto de extrema polarización política.

Publicidade

Vostede é lingüista de formación. Que supón ingresar na RAGC?

—É un recoñecemento por parte dos compañeiros, compañeiras e persoas que aprecian a investigación. Como filla de galegos e investigadora moi vinculada á Universidade de Santiago dende hai anos, é un orgullo entrar na Academia. Ademais, ingresar nunha institución científica é incrible para unha lingüista porque sempre pensamos na lingua como humanidade, pero eu véxoa como unha disciplina transversal. De feito, o meu discurso de ingreso centrouse na lingüística como ciencia social e ferramenta para comunicarnos en sociedade; pero tamén a debemos entender como ciencia en sentido estrito porque empregamos o método científico para formular hipóteses e probalas. En definitiva, entrar na RAGC é para min unha noticia fabulosa que me dá moita satisfacción.

Publicidade

A súa investigación está centrada na análise dos discursos de odio na Internet. Agora está a traballar nun software para moderar os comentarios na rede. En que estado está o proxecto?

—Avanzamos moito nalgúns aspectos. Ao principio, a idea era promover comentarios construtivos, que fomentasen o diálogo e cimentasen unha conversación porque ás veces, sobre todo nas redes sociais, os comentarios que aparecen ao final das noticias son un diálogo de xordos. Vexo isto como un espazo con potencial para crear un discurso cívico, e por iso quería atopar comentarios máis construtivos e darlles prominencia. Ao final, isto derivou nun proxecto no que intentamos filtrar discursos de odio. Vemos como moita da toxicidade e dos insultos en internet están un pouco encubertos. Isto, como lingüista, fascíname. Ás veces envólvense as ideas e as opinións negativas con palabras positivas. Por exemplo, non dicimos que unha persoa é imbécil, senón que non é a máis lista da clase. Aí temos unha palabra positiva, “listo”, pero o significado é claramente negativo. Aínda que seguimos a traballar nesta liña, xa temos unha plataforma dispoñible para os medios de comunicación.

—Como funciona?

—Para desenvolver a plataforma colaboramos cunha filial de Google. Cada vez que entra un novo comentario, o sistema analiza os seus trazos lingüísticos e o seu contexto. É dicir, como se relaciona coa noticia. Despois determina unha serie de características lingüísticas. Por exemplo, se un comentario contén “na miña opinión” ou “no meu punto de vista” considérase que estamos ante unha persoa aberta ao diálogo. Despois, o sistema agrega unha serie de puntuacións en función de se o comentario é máis ou menos construtivo, ou se teñen características propias dos discursos de odio. A través desta ferramenta, o medio pode identificar os comentarios e decidir que facer con eles. Pode darlles menos relevancia, menor visibilidade e, mesmo, bloquear a persoa que os escribiu. Isto xa é unha cuestión editorial.

É unha ferramenta deseñada para os medios de comunicación, pero que acontece nas redes sociais? Por exemplo, Elon Musk mercou Twitter asegurando que quería alentar a liberdade de expresión. Como se poden moderar os comentarios de odio neste tipo de plataformas?

—Isto é unha cuestión relacionada co contexto político e cultural no que nos atopamos. As tecnolóxicas decidiron que non queren moderar os comentarios e, ante isto, os investigadores temos pouco que facer. Xa é unha cuestión de regulación. Eu traballo no Canadá e estamos intentando implementar unha lexislación. Na Unión Europea xa existe e chámase Lei de Servizos Dixitais, que obriga a este tipo de empresas a moderar contidos e ser transparentes. Non se trata soamente de borrar comentarios, senón que o usuario e os lectores entendan o porqué. Non é doado porque ás tecnolóxicas interésalles que haxa moitos contidos e, por desgraza, canto máis negativos son os comentarios, máis virais se volven. Entón, non van moderar os comentarios por si mesmas, senón que teñen que estar nun marco onde haxa regulación. E non soamente é cuestión dos gobernos, senón tamén dos usuarios, que deberían decidir se queren estar aí ou non.

Canto máis negativos son os comentarios, máis virais se volven

É inevitable pensar en Donald Trump e no escenario actual de extrema polarización. Que se pode facer ante unha situación semellante e ante a proliferación de discursos de odio, incluso alentados por líderes políticos?

—As tecnolóxicas son un produto e ti decides se queres estar nelas ou non. Se non teñen usuarios, vailles ir peor. Así que un pode decidir pechar a conta se o contido non lle gusta. Tamén podemos desenvolver unha cultura cívica de diálogo, que é importantísima, tanto nas redes como no día a día. É algo que temos que traballar. E podemos votar, ademais.

Outro dos temas nos que investiga é a desinformación. Cales son as características lingüísticas das noticias falsas?

—Cando se detectan, pouco despois cambian o estilo ou o formato. Por exemplo, en comparación coa información verificada, as noticias falsas adoitan ser máis curtas, teñen unha linguaxe máis emocional e todo o que contan é máis esaxerado. Falan de catástrofes, desastres… Conteñen máis palabras negativas e vese que, en comparación coas noticias fiables, teñen un ton máis subxectivo.

Como usuarios, en pleno debate sobre a IA e os bots, como podemos distinguir o que é unha noticia falsa dunha información verídica?

—Como persoas individuais non podemos pedir moito. Todos temos unha responsabilidade que tamén é colectiva. O que eu fago é evitar medios que están moi nesgados ou que, directamente, menten. Hai que esixirlles máis rigor informativo.

En España, contextos de crises recentes como a de Ceuta ou a dina de Valencia, provocaron unha propagación máis rápida das noticias falsas. Por que?

—É interesante ver como todo comeza con algo pequeno, unha mentira que se converte en bóla de neve e vai rodando. Por desgraza, é a natureza da situación e isto pasaba incluso antes das redes sociais. A propagación de noticias falsas corre moito máis rápido que as noticias fiables. Se o vexo como cidadá e como persoa, o que podo facer é esperar e non enviar esa información ata que non o confirme, porque ao mellor non é verdade porque é moi esaxerado. Necesitamos esixir fiabilidade e rigor informativo a todos os que son medios, tanto oficiais como nas redes sociais.

E ante o argumento da liberdade de expresión?

—A liberdade de expresión é un dereito que temos todos, pero remata cando violo a liberdade de que te sintas libre. Funciona en sociedade, pero cando é un insulto cara a outra persoa, aí hai un problema. A liberdade de opinión absoluta non existe, e remata cando empeza o discurso de odio. Isto xa non é opinión, senón dun delito tipificado.

Deberíanse implementar máis sistemas de verificación?

—Si, creo que é absolutamente necesario determinar que é verdade ou mentira. Hai que darlle aos medios ou ás axencias o tempo para verificar, comprobar e dicir cal é a verdade, pero nos primeiros momentos dunha crise non é doado.

O odio existía antes das redes sociais. Cres que a proliferación dos discursos de odio é un reflexo do que está ocorrendo ou que simplemente os amplifican?

—O odio comeza por nós. O que fan as redes sociais é distribuílo, pero non podemos esquecernos que o discurso e a voz son nosos. Somos responsables do que dicimos.

As mulleres somos o 50% da sociedade pero non somos o 50% das noticias

Vostede traballou no proxecto Gender Gap Tracker, que monitoriza as noticias día a día para calcular a proporción de mulleres que aparecen nelas.

—Si, levamos anos traballando nel e os datos son clarísimos: as mulleres somos o 50% da sociedade pero non somos o 50% das noticias. Aínda nos queda moito por percorrer. Gran parte dos medios cos que falamos son agora conscientes da fenda que existe e xa están a actuar para reverter estes datos. Por exemplo, se teñen que entrevistar ao primeiro ministro de Canadá e é un home, pouco poden facer. Pero se precisan unha información contrastada, aí teñen máis opcións. Se vas preguntar polo último orzamento xeral, por que non lle preguntas a unha economista?

Tamén hai que analizar isto dende o punto de vista social. É certo que a maior parte dos políticos, dos directores executivos e da xente que ten poder son homes. Nós presentamos os datos e, despois, hai que pensar como cambiamos a realidade. Como temos máis candidatas ás eleccións? E non só me refiro ao relativo á diversidade de xénero, senón de lugar de orixe, clase social… Necesitamos ver máis puntos de vista representados na sociedade e nas noticias.

Cales serán os seus próximos proxectos?

—O meu equipo e máis eu estamos a rematar un proxecto sobre moderación de contidos. Estamos na parte máis difícil, que son os insultos que non o semellan a simple vista e escapan dos sistemas automáticos. Tamén estou a escribir un libro sobre todo o que aprendemos nos últimos anos sobre o discurso en internet.

Vostede ten unha estreita colaboración coa Universidade de Santiago. Manterase no futuro?

—Si, teño moi bos amigos e colaboradores tanto no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) como no departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá. De feito, acábannos de conceder un proxecto do Ministerio sobre xeración de coñecemento para desenvolver un chatbot para aprender e ensinar inglés. De novo, aí estamos mesturando ciencia e aprendizaxe de linguas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Unión Europea propón prohibir as redes sociais aos menores de 13 anos e restrinxilas ata os 15

A nova EU Kids Act podería afectar a videoxogos e chatbots de intelixencia artificial e limitar os sistemas de retención de usuarios

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles

Un grupo de investigación da USC alerta dos perigos da intelixencia artificial en contacto coa infancia

O traballo analiza diferentes experiencias dos Estados Unidos e China e expón a necesidade de valorar a IA dende unha perspectiva tecnolóxica, educativa, lexislativa e ética

Que pasará coa IA?

Un modelo de OpenAI librouse dos límites da empresa e levou a cabo un ciberataque autónomo "sen precedentes"